Novas enerxías no Galicreques: o festival busca "atrapar" a mocidade cos espectáculos de títeres

Presentación no Obradoiro do Festival Galicreques cunha intervención artística da compañía Nauta e a formación Trópico de Grelos © Galicreques

Do 7 ao 15 de outubro o Festival Galicreques trae a Compostela a máis de 30 compañías teatrais e 60 espectáculos con 14 estreas absolutas. Esta 28º edición chega cun relevo xeracional na dirección, á que accede Rafael Rey Domech, fillo dos fundadores do certame, Jorge Rey e Carmen Domech

O Festival Galicreques chega á 28º edición cun relevo xeracional entre titiriteiros. Os fundadores do certame Jorge Rey e Carmen Domech, da compañía Títeres Cachirulo, comezaron esta iniciativa que busca facer comunidade entre compañías, tamén dende a Asociación Cultural Barriga Verde, e agora ven como novas xeracións implicadas nestas artes collen o mando para achegar os títeres a máis públicos. Un dos seus fillos, Rafael Rey Domech, director da compañía Nauta, lidera este ano o festival, que é como un irmán máis para el.

Para min os titiriteiros e as titiriteiras significan familia. Na casa dos meus pais sempre houbo moitas compañías que estaban de paso e representan para min familia, amizades, festivais, viaxes e moitas culturas porque meus pais sempre estiveron en contacto con artistas de Latinoamérica e o seu mestre era chino. Os titiriteiros son grandes intérpretes, artesáns e un pouco nómades, e eu gardo unha visión moi romántica disto por vir de onde veño”, conta Rafael Rey Domech.

Jorge Rey, de Títeres Cachirulo © Festival Galicreques

Do 7 ao 15 de outubro máis de 30 compañías teatrais e 60 espectáculos estarán en Compostela, onde se estrearán 14 obras como as das compañías galegas A Xanela do Maxín, que presentará Babá Bebé o venres 13 de outubro na Fundación SGAE; a Compañía do Dr. Monifate con Liu Xu Ria, a ardente velutina, prevista para o xoves 12 na carpa que estará situada na Alameda; ou a compañía de Olga Abad e Carmen Domech, que estreará Contos de aquí para ti tamén o día 12 na Alameda.

"Os titiriteiros e os títeres representan poesía, diferentes maneiras de buscar a metáfora nas artes escénicas dende a maxia de facer que un obxecto inerte cobre vida", di Rafael Rey Domech

“Os titiriteiros e os títeres representan poesía, diferentes maneiras de buscar a metáfora nas artes escénicas dende a maxia de facer que un obxecto inerte cobre vida. Para min, os titiriteiros son grandes magos”, asegura Rey Domech, que viu medrar o Festival Galicreques como un sexto irmán e que afronta este relevo xeracional como unha vía para “seguir traballando xuntos” e lograr “atrapar á xente” da súa xeración para “que non queden no sofá vendo Netflix”.

Carmen Domech e Jorge Rey comezaron “con moita ilusión” este festival que na súa primeira edición celebrouse con seis compañías e sen axudas, dependendo só da venda de entradas. Desde o inicio, buscaron que o Galicreques tivera representación do que se estaba a facer no mundo, ademais de dar espazo ás compañías galegas. “Queriamos amosar espectáculos que tiveran outra idiosincrasia, outra forma de ver a vida. As historias que elixes contar son as que te chegan o corazón, por iso é importante enriquecerse con outras maneiras de contar o mundo”, defende Carmen Domech, que lembra como a formación tivo moita importancia naquelas primeiras experiencias de confraternidade entre compañías, pois todas eran autodidactas.

Carmen Domech, de Títeres Cachirulo © Festival Galicreques

Carmen Domech leva dende 1986 traballando cos títeres e a narración. “Calquera inquietude que teñas podes transmitila a través dos títeres porque como hai tantas técnicas podes elixir a máis axeitada para representar o que queres dicir. Os títeres teñen unha maxia especial, conectan co público dunha forma moi visceral”, salienta. 

“Ademais, cos títeres tes o valor engadido de pertencer a unha comunidade internacional –engade Jorge Rey, que comezou a súa formación nas artes escénicas na súa Bos Aires natal, antes de ter que emigrar pola ditadura–. Nun títere interveñen poesía, pintura, arquitectura, interpretación, música, danza, cinema... Todo isto abre un panorama moi amplo para poder crear, non hai fronteiras dentro do teatro de monicreques”.

"Cando comeza unha función non hai pantalla que poida facerlle sombra"

“É unha boa vida”, resumen ambos, aínda que recoñecen que ser titiriteiro non permite contar cunha estabilidade económica. Rey e Domech levan trinta anos percorrendo o mundo cos seus títeres e, por primeira vez, van participar en Guatemala e El Salvador nuns certames que hai anos que teñen pendentes. “Coñeces os lugares doutro xeito, a través dos seus nenos e nenas, e compartindo coa xente de alá coa que tamén compartes profesión”, sinala a titiriteira.

Veteranos no teatro de monicreques, observan con preocupación a diminución da idade do público nos últimos anos. “Ata os 12 ou 13 anos viñan aos títeres e agora xa parece que non son espectáculos para eles, cando os títeres contan historias para persoas de 1 a 99 anos. Cando comeza unha función non hai pantalla que poida facerlle sombra, hai unha conexión que se produce nos espectáculos ao vivo que segue presente. É moi necesario crear lugares de encontro entre diferentes xeracións para gozar conxuntamente”, sosteñen.

Rafael Rey Domech, da compañía Nauta © Festival Galicreques

Na pasa edición do Festival Galicreques Rafael Rey Domech puxo en marcha a sección, Cara Bé, a programación destinada a adultos que desta vez estará conformada por sete citas, incluída o espectáculo de variedades Cabaré CaraBé. “Hai que abrir espazo dentro do festival para que toda a enerxía da xente nova poida entrar, iso é o que vai garantir que o festival poida ter outros 28 anos de vida”, aseveran Jorge Rey e Carmen Domech facendo fincapé no equipo que fai posible o festival, con persoas como Rosalía Balado ou Laia Suárez.

"Imos aportar a visión dunha xeración que vai facer todo o posible por traer a súa propia xeración ao teatro", incide Rey Domech

Dende Nauta, a compañía de Rafael Rey Domech, combinan o teatro de monicreques coa danza e as acrobacias, buscando outras formas de presentar os propios títeres a partir de materiais reciclados. “Na nosa compañía tratamos os títeres en diálogo coa máscara porque sinto que son irmás, non deixan de ser dous obxectos inertes que un ten que facer unha transposición da súa enerxía para que cobren vida, e tratala dende o movemento”, debulla o titiriteiro. Treboada, xunto ao Trópico de Grelos; e FDCHCHS, en colaboración con Títeres Alakrán, son os espectáculos que mostrarán no Galicreques.

“Imos aportar a visión dunha xeración que vai facer todo o posible por traer a súa propia xeración ao teatro, para que non quede en algo apartado para a xente nova”, incide Rey Domech, que sinte a responsabilidade de que as artes escénicas sexan accesibles á xente, por iso o festival espalla a súa programación polos escenarios da Fundación SGAE, do Teatro Principal e da carpa que estará na Alameda. Ademais de levar os títeres a diversas rúas e prazas de Santiago, así como aos centros socioculturais dos barrios do Romaño, Conxo, Santa Marta, Ensanche, Fontiñas, Figueiras, Vite, Marantes e O Castiñeiriño.

A programación completa do Festival Galicreques pode consultarse aquí

Cartaz da 28º edición do Festival Galicreques CC-BY-SA Festival Galicreques

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.