Teatro do Noroeste revisita un dos seus textos clásicos, As damas de Ferrol, que representa este venres 1 e sábado 2 no Teatro Jofre da cidade naval. A peza, escrita por Eduardo Alonso, representouse hai máis de dúas décadas, baixo a dirección do propio autor. Desta volta, nesta nova montaxa a obra está dirixida por Clara Gayo e conta con Mónica Camaño e Casilda Alfaro como protagonistas, con música orixinal firmada por Chefa Alonso, escenografía e vestiario de Carlos Alonso.
Teatro do Noroeste revisita un dos seus textos clásicos, As damas de Ferrol, que representa este venres 1 e sábado 2 no Teatro Jofre
Trátase dun texto en clave feminista, unha comedia circular onde se debaten a realidade e a fantasía. Nel, dúas irmás, xa maiores, chamadas Lourdes e Maruxa, repasan sobre as táboas a súa vida e amosan unha realidade cruel e implacable; falan sobre elas mesmas, sobre a súa situación actual e sobre os acontecementos que as levaron a ela. Pechadas na súa vella casa, debullan a súa realidade que ben pode ser fantasía ou a verdade. Entre elas érguese constantemente a evocación dun home, Manolo, que, disque condicionoulles a vida e elas condicionaron a del ata levalo a unha suposta e terrible morte.
A peza, escrita por Eduardo Alonso, representouse hai máis de dúas décadas, baixo a dirección do propio autor. Desta volta, nesta nova montaxa a obra está dirixida por Clara Gayo e conta con Mónica Camaño e Casilda Alfaro como protagonistas
A obra é unha comedia "onde a realidade e a fantasía debátense por ter a mesma carta de natureza. A liña argumental avanza e retrocede, léase e desléase como un nobelo imaxinario imposible de descifrar", destaca a compañía, que engade que "como marco infinito, tanto físico como mental, sitúase Ferrol. Unha cidade esfollada, fermento de frustracións, pero tamén xermolo de novas vidas: renacendo sempre das súas desgrazas co seu humor retranqueiro de mil batallas, todas perdidas".
Hai uns meses Clara Gayo destacaba nesta entrevista con Praza.gal que "imos ao teatro para sermos cuestionados". Nesa conversa anticipaba que estaba a preparar a montaxe de As damas de Ferrol, "unha comedia negra sobre dúas persoas moi deterioradas que non poden vivir unha sen a outra, pero insúltanse, maltrátanse e viven nos recordos dun pasado que non se sabe moi ben se foi real ou non. E iso en paralelismo, ademais, coa decadencia da propia cidade". "Dirixir esta obra foi todo un desafío. E creo que temos que asumir este tipo de retos, considerando a posibilidade do fracaso", engadía.
Trátase dun texto en clave feminista, unha comedia circular onde se debaten a realidade e a fantasía. Nel, dúas irmás, xa maiores, chamadas Lourdes e Maruxa, repasan sobre as táboas a súa vida e amosan unha realidade cruel e implacable;
O jazz será o protagonista do espazo sonoro que acompaña ao espectáculo. O diálogo por veces caótico, por veces melódico, que tradicionalmente establecen os instrumentos neste xénero musical é perfecto para amparar a acción escénica e reforzala, tanto nos momentos de ritmo máis intenso como nos máis íntimos.
A compositora Chefa Alonso apunta: "baseadas esencialmente no dúo musical, o mínimo, o agudo e o ferruxento está representado nas texturas sonoras das cordas do kechapi e do contrabaixo, que inspiran motivos musicais abstractos. E engade que “a humanidade da vellez, a desmemoria, o amor e a familia exprésanse en temas máis melódicos e tonais coa dozura da kalimba e a melancolía do saxo soprano”, forxando “ unha música para un texto desapiadado en un mundo sen esperanza".
As entradas para ver As damas de Ferrol están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla.com e, o mesmo día da función, na billeteira do teatro.
Nunha entrevista recente con Praza.gal, Eduardo Alonso sinalaba que "en xeral boto en falta un maior compromiso dos programadores a respecto do teatro e, sobre todo, do teatro galego". "Isto é clave para poder termos unha dramaturxia galega, xa non digo unha dramaturxia nacional", dicía Eduardo Alonso.
Teatro do Noroeste
O jazz será o protagonista do espazo sonoro que acompaña ao espectáculo, nunha composición da que se encarga Chefa Alonso
Teatro do Noroeste é unha das compañías teatrais cunha traxectoria máis imporante en Galicia. Fundada en 1987 por Luma Gómez e Eduardo Alonso, nestes máis de 35 anos puxo en escena dende textos clásicos (como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais), ata textos máis contemporáneos (como Os Xustos, de Albert Camús; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro), entre moitas outras pezas.
Teatro do Noroeste é unha das compañías teatrais cunha traxectoria máis imporante en Galicia. Fundada en 1987 por Luma Gómez e Eduardo Alonso
Tamén realizou montaxes de textos infantís como Piratas, tamén de Alonso, ou Touporroutou da lúa e do sol, de Roberto Vidal Bolaño. Outras das súas grandes producións foi o musical Imperial Café Cantante, Vigo 1936, de Eduardo Alonso, que recibiu os Premios María Casares ao mellor texto, mellor escenografía, mellor vestiario, mellor música e mellor iluminación. As súas montaxes Extrarradios (Comedia das mulleres desamparadas) e Último cowboy alzáronse co Premio Max ao mellor espectáculo en galego nos anos 2008 e 2011, respectivamente.
Neste momento, a compañía conta con varias obras en cartel. Ademais de As damas de Ferrol, están Gloria nacional, Último verán en Santa Cristina, Feirantes e Animais de compañía