Canto vale a lingua galega? O impacto directo do idioma na economía do país suma 1.440 millóns de euros

De esquerda a dereita, Melchor Fernández, Valentín García, Rosario Álvarez, Håkan Casares e Diana Fernández na presentación do documento de traballo 'O valor económico do galego' © CCG

O documento O valor económico do galego, presentado este venres, realiza unha achega ao coñecemento da contribución da lingua galega ao conxunto da economía

Pódese medir o valor económico dunha lingua? O documento O valor económico do galego, presentado este venres no Consello da Cultura Galega, realiza unha achega ao coñecemento da contribución da lingua galega ao conxunto da economía. O informe cuantifica en 1.440 millóns de euros de valor engadido bruto (VEB) e 27.702 postos de traballo o impacto directo do galego, unhas cifras que serían maiores se se teñen en conta os impactos indirectos e inducidos, que elevarían a contía total a 2.695 millóns de euros e case 50.000 postos de traballo, ao redor do 5% da economía e do emprego galegos, sempre con datos correspondentes ao ano 2019.

O ámbito no que a lingua galega ten un impacto económico maior é o educativo, que representa un 72,3% do VEB e un 68,2% do emprego xerado polo idioma, algo máis de 1.041 millóns de euros e 18.879 empregos equivalentes a tempo completo. Na relación destaca tamén o peso nas industrias culturais, cunha achega directa de 295 millóns de euros e uns 7.300 empregos. 

O informe cuantifica en 1.440 millóns de euros de valor engadido bruto (VEB) e 27.702 postos de traballo o impacto directo do galego, unhas cifras que se se teñen en conta os impactos indirectos e inducidos se elevarían a 2.695 millóns de euros e case 50.000 postos de traballo, ao redor do 5% da economía e do emprego galegos

Os autores do estudo subliñan que se trata dunha “estimación de mínimos, que deixa fóra aspectos importantes como o tecido asociativo, o comercio exterior e e o turismo”. En termos comparativos, o impacto directo do galego sobre a economía de Galicia, ao redor do 2,5% do VEB, é case o dobre que o valenciano na Comunidade Valenciana (1,3% do VEB) e inferior ao éuscaro no País Vasco (3,1% do VEB) asegura o documento entre as súas conclusións.

No estudo destácase que "a lingua ten unha función económica fundamental, polo menos desde unha dobre perspectiva: como elemento identitario e como tecnoloxía de comunicación social" e aínda que se recoñece a dificultade cuantificar o impacto económico total dun idioma en todas as súas dimensións, faise unha aposta por comezar a medir a importancia cuantitativa do galego, seguindo usos e metoloxías empregadas para outras linguas nos últimos anos. O documento de traballo foi elaborado polo Observatorio da Cultura Galega co apoio da secretaría xeral de Política Lingüística e o asesoramento técnico do IDEGA. 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, salientou que “ter unha lingua propia é un valor engadido para a creación de riqueza en Galicia”

Na presentación participaron a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o responsable do Observatorio da Cultura Galega, Håkan Casares; Melchor Fernández e Diana Fernández, profesores da USC e investigadores do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). “A lingua ten un valor estratéxico, un mercado e tamén se pode medir en termos económicos” indicou Rosario Álvarez na presentación do estudo, na que o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, salientou que “ter unha lingua propia é un valor engadido para a creación de riqueza en Galicia”. 

Portada do documento de traballo publicado polo Consello da Cultura Galega © CCG

Os autores do estudo subliñan que se trata dunha “estimación de mínimos, que deixa fóra aspectos importantes como o tecido asociativo, o comercio exterior e e o turismo"

Para a realización deste informe, o Observatorio da Cultura Galega e o IDEGA comezaron delimitando os bens e servizos directamente relacionados coa lingua como elemento diferencial no seu proceso produtivo e, con posterioridade, as actividades que os producen. Por exemplo, no caso do sector editorial, preguntóuselle a unha mostra de entidades pola proporción da súa produción atribuíble ao galego. De seguido, partindo da contabilidade rexional, calculouse a produción, o VEB e o emprego que provén desa produción en galego. Por último, usouse o modelo input-output de demanda para o cálculo do impacto económico total (directo, indirecto e inducido) da produción das ramas relacionadas co idioma. 

Catro sectores: ensino, cultura, administración pública e lingua

O ámbito no que a lingua galega ten un impacto económico maior é o educativo. Na relación destaca tamén o peso nas industrias culturais, ademais da administración pública e das propias 'industrias da lingua'

O informe estima o valor da lingua galega en catro grandes subsectores ou grupos de actividades. O que ten un maior impacto é o do educación (ensino obrigatorio e postobrigatorio, incluído o nivel superior universitario), que representa un 72,3% do VEB e un 68,2% do emprego xerado por este idioma, o que supón algo máis de 1.041 millóns de euros e 18.879 empregos equivalentes a tempo completo.

O segundo, o das industrias culturais de dos medios de comunicación (edición, impresión, libros, xornais, sector audiovisual, musical...) que comprende unha achega directa dun 20,5% do VEB (295 millóns de euros) e un 26,4% do emprego equivalente a tempo completo en actividades vinculadas á lingua galega, uns 7.300 empregos. Practicamente a metade da actividade deste subsector é atribuíble ao galego: un 54,3% do total de VEB e un 47,9% do total de emprego de toda a industria da cultura e dos medios de comunicación de Galicia.

En termos comparativos, o impacto directo do galego sobre a economía de Galicia, ao redor do 2,5% do VEB, é case o dobre que o valenciano na Comunidade Valenciana (1,3% do VEB) e inferior ao éuscaro no País Vasco (3,1% do VEB)

O terceiro subsector en importancia relativa é o da promoción da lingua e da cultura das administracións públicas. Este xera un 6,7% do VEB e un 4,9% do emprego directo atribuíble ao galego; en concreto, 95,7 millóns de euros e 1382 empregos equivalentes a tempo completo. 

Finalmente, o sector das industrias da lingua (escolas oficiais de idiomas, academias de idiomas, actividades de tradución e interpretación así como as tecnoloxías da lingua) supón unha contribución dun 0,5% ao VEB e ao emprego atribuíbles ao galego, o que significa 7,5 millóns de euros e 137 empregos.

 

O impacto indirecto, inducido e total
O informe contabiliza tamén os impactos derivados do idioma. O indirecto, procedente dos produtos intermedios adquiridos polos sectores vinculados á lingua galega para poder levar a cabo a súa produción, ascende a case 210 millóns de VEB e 4.242 empregos equivalentes a xornada completa.

 “A lingua ten un valor estratéxico, un mercado e tamén se pode medir en termos económicos” indicou Rosario Álvarez na presentación do estudo

O impacto inducido, isto é, a produción e os postos de traballo que se xeran na economía a través do consumo por parte dos fogares que perciben rendas salariais procedentes directa e indirectamente das actividades en galego é de 1045 millóns de euros de VEB e 17.949 empregos equivalentes a tempo completo.

Sumando os impactos directo, indirecto e inducido o impacto total sobre a economía galega das actividades vinculadas á lingua galega representa, segundo o informe, o 4,7 % do VEB (2.694,6 millóns de euros) e o 4,8 % do emprego equivalente a tempo completo (49.893 postos de traballo).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.