Críticas á nova 'biblioteca' sen libros que o Concello de Vigo proxecta para Teis

Sala de lectura de Navia © https://kl1.es/

Nos últimos días coñeceuse que a nova biblioteca limitarase a ser unha sala de lectura, sen fondos bibliográficos, servizo de préstamo ou persoal cualificado.

A finais de marzo a Xunta de Goberno Local de Vigo aprobou o proxecto de reforma dun inmoble da rúa Enrique Lorenzo, en Teis, para se converter na futura biblioteca municipal, unha vella reivindicación do barrio. Trátase dunha obra que terá unha duración de 14 meses e que conta cun orzamento superior ao millón de euros. Porén, nos últimos días coñeceuse que a nova biblioteca limitarase a ser unha sala de lectura, sen fondos bibliográficos, servizo de préstamo ou persoal cualificado.

O proxecto aprobado polo Concello titúlase, de feito, Proxecto de edificio para uso de sala de lectura, e nas súas mil páxinas define o espazo como una “sala de lectura” pensada para actividades diversas. “Contémplase a sala de lectura como principal actividade, pero pensando nun espazo versátil e diáfano susceptíbel de ser transformado nun salón de usos múltiples”, lese no documento.

Antigo ambulatorio de Teis, onde se construirá a nova sala de lectura © Google Maps

"Caballero estivo mentido a veciñanza de Teis, de xeito reiterado ao longo destes anos, anunciando unha biblioteca que non vai existir se non se modifica o proxecto", di a asociación de veciños

En realidade, nos últimos anos varios colectivos sociais de Teis (Anpas, Asociación Veciñal de Teis e Voces polo Litoral de Teis) viñeran denunciando a intención do Goberno local de reducir a prometida biblioteca a unha sala de lectura sen libros nin servizo de préstamo. As críticas foran respondidas polo alcalde Abel Caballero, que acusou as asociacións veciñais de "mentir" e asegurou que a biblioteca "terá libros".

Agora, de novo, a Asociación Veciñal de Teis recunca na súa demanda de que o barrio conte cunha biblioteca, "como xa foi anunciada hai 11 anos", e que "conte con libros e non se limite a unha simple sala de lectura, como se pretende desde o goberno municipal". "Abel Caballero estivo mentido a veciñanza de Teis, de xeito reiterado ao longo destes anos, anunciando unha biblioteca que non vai existir se non se modifica o proxecto. Unha biblioteca pode ter unha sala de lectura, pero unha sala de lectura nunca vai ser unha biblioteca", di a entidade.

De igual xeito, o BNG cualificou o proxecto anunciado polo Concello de "nova estafa política” do Goberno local que "frustra as expectativas da veciñanza tras 11 anos de promesas incumpridas", en palabras do portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas.

Igrexas mantivo hai uns días, xunto a concelleira Ana Martínez, unha xuntanza con responsables de BAMAD, a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, para "analizar as deficiencias do proxecto que foi elaborado sen contar co imprescindíbel plan de usos".

Xuntanza de Xabier P. Igrexas e Ana Martínez con representantes de Bamad © BNG

“Despois de 11 anos e máis de 20 anuncios, Caballero non pode seguir tomándolle o pelo á veciñanza. Imos esixir unha rectificación para que Teis teña, si ou si, unha biblioteca de verdade”, di Xabier P. Igrexas (BNG)

O BNG denuncia, ademais, que o proxecto "reduce drasticamente a superficie" do inmoble orixinal, pasando dos máis de 1.000 metros cadrados do antigo centro de saúde de Teis a apenas 250. "Un tamaño insuficiente segundo os estándares do Mapa de Bibliotecas de Galiza, que establecen que unha biblioteca para a poboación de Teis debería ter, como mínimo, 400 metros cadrados, un fondo de 20.000 libros e documentos, e un cadro de persoal de cinco profesionais", sinala a formación nacionalista.

“Despois de 11 anos e máis de 20 anuncios, Abel Caballero non pode seguir tomándolle o pelo á veciñanza. Imos esixir unha rectificación para que Teis teña, si ou si, unha biblioteca de verdade”, concluíu Igrexas.

BAMAD-Galicia leva anos demandando que Vigo "conte cunha rede de bibliotecas acorde ás necesidades da súa poboación"

Pola súa banda, BAMAD-Galicia sinala que a proposta do goberno municipal de Vigo de dotar dunha nova sala de estudo a este barrio crea "confusión entre o que son salas de estudo, salas de lectura e bibliotecas". Ademais, lembra que o edificio foi cedido no ano 2018 por parte do Ministerio de Traballo "para ser destinado para servizos públicos municipais (biblioteca pública)" e pon o foco en se o proxecto actual "cumpre o requisito para o que foi orixinalmente cedido".

A entidade leva anos demandando que Vigo "conte cunha rede de bibliotecas acorde ás necesidades da súa poboación". Na actualidade a primeira cidade de Galicia só conta con dúas bibliotecas: unha biblioteca mixta Xunta-Concello (Biblioteca Juan Compañel), "grande e ben dotada pero claramente insuficiente para un concello deste tamaño", sinala Bamad, e unha biblioteca municipal, de xestión privada (Biblioteca Neira Vilas), "que é pequena mesmo para atender o barrio no que está inserida".

Ademais, lembra que o proxecto de biblioteca pública do Estado en Vigo está estancado debido á "indecisión das tres administracións implicadas" e á "falta de política bibliotecaria do concello".

Abel Caballero, na preinauguración da sala de lectura de Navia, no ano 2019 © Concello de Vigo

"Esta sería unha boa oportunidade para crear unha rede de bibliotecas municipais que, xunto á xa existente BPM Neira Vilas, poidan iniciar a dotación de bibliotecas en todos os barrios e achegar os servizos bibliotecarios á maioría da poboación da cidade", sinala a entidade profesional

Vigo dispón, así mesmo, dunha sala de lectura no barrio de Navia, inaugurada no ano 2019 polo Goberno local, recibindo tamén alí as críticas veciñais. BAMAD sinala que "a creación de salas de estudo poden paliar as necesidades de un tipo de usuarios vinculado ao estudantado e aos opositores para a realización de exames" pero "non é o único servizo que debe atender unha biblioteca pública, e desde logo non é o máis importante".

"A Biblioteca é algo máis que un contentor. O edificio non son os servizos: O que define unha biblioteca 
pública son os servizos que debe prestar", conclúe a asociación, que destaca que "o Concello de Vigo debería aproveitar a ocasión de dotar a cidade e o barrio de Teis de servizos bibliotecarios de calidade" e remata sinalando que "esta sería unha boa oportunidade para crear unha rede de bibliotecas municipais que, xunto á xa existente BPM Neira Vilas, poidan iniciar a dotación de bibliotecas en todos os barrios e achegar os servizos bibliotecarios á maioría da poboación da cidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.