Emerxencia Cultural Ourense fai un chamamento á realización dunha "adoración nocturna" dedicada ao presidente provincial Manuel Baltar
Dende hai meses veñen sucedéndose en Ourense as protestas contra Gonzalo Perez Jácome e José Manuel Baltar, alcalde da cidade e presidente da Deputación provincial. A máis importante tivo lugar o pasado 18 de novembro, cando milleiros de persoas desbordaron o centro de Ourense contra a xestión do goberno local e da Deputación. Ademais, dende esta pasada primavera o colectivo Emerxencia Cultural Ourense vén realizando distintas accións centradas na denuncia do "abandono" e do progresivo "desmantelamento" do tecido cultural na cidade.
Dende entón Emerxencia Cultural Ourense levou ás rúas performances, actividades culturais e foros de debate que este martes terán un novo capítulo cun chamamento á realización dunha "adoración nocturna" dedicada ao presidente provincial Manuel Baltar. O colectivo convoca á cidadanía entre as 20 e as 22 horas á zona de viños do centro de Ourense, que este 28 de decembro terá "un convidado moi especial".
"Sen el, este goberno municipal delirante e esta provincia desolada, non sería posible", engaden na convocatoria dedicada a José Manuel Baltar
Na performance, un José Manuel Baltar, destacado polo colectivo como "o noso Alcalde Verdadeiro" (noutras accións Baltar apareceu representado como un titiriteiro que movía os fíos dun Pérez Jácome sen iniciativa propia) "recollerá as vosas cartas de agradecemento, escoitará as vosas peticións e recollerá ás vosas ofrendas". "Participemos todas desta adoración nocturna e sexamos agradecidas. Sen el, este goberno municipal delirante e esta provincia desolada, non serían posibles", engaden na convocatoria.
O colectivo difundiu tamén modelos de cartas de agradecemento para Baltar, que animan igualmente a compartir nas redes sociais coa etiqueta #cartaparabaltar. "Deus garde a vostede e aos seus bonecos articulados moitos anos", péchase o modelo de carta distribuído.
Comparecencia de Pérez Jácome no xulgado
A convocatoria coincide coa comparecencia xudicial de Gonzalo Pérez Jácome para responder ás acusacións de malversación de caudais públicos realizadas pola Fiscalía
A convocatoria de Emerxencia Cultural coincide coa comparecencia en calidade de imputado de Gonzalo Pérez Jácome no xulgado de instrución número 2 de Ourense, na mañá deste martes, para responder ás acusacións de malversación de caudais públicos realizadas pola Fiscalía, uns feitos que se terían producido entre 2015 e 2018, cando o político se atopaba na oposición.
Ás portas do Xulgado, o alcalde de Ourense negouse a responder a unha xornalista de La Región: "a ti non che contesto, así que non fagas preguntas", díxolle, nunha acción que xa foi criticada polo Colexio de Xornalistas de Galicia, que condenou os feitos. O Colexio lembra que non é a primeira vez que se produce "este trato despectivo cos profesionais da comunicación" e ínstase ao alcalde "a cambiar a súa actitude cos e coas xornalistas que desenvolven o seu traballo para garantir o dereito á información da cidadanía".