"Encántame facer música e o que intento é liala o máximo posible, que sexa o máis épico"

Manuel González, Chicho, no xardín do Hotel Costa Vella de Santiago CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

Ortiga segue a afondar no merengue co disco 'Obra social', que publica da man de Raso Estudio o 4 de outubro. "Non quero encaixar en ningún lado, quero encaixar en todos e en ningún", conta o compostelán, que non quere baixar dos palcos

A Manuel González nunca o chamamos así, sempre é Chicho, ou Chicho do Funk, e nos últimos tempos Ortiga. “Non quero encaixar en ningún lado, quero encaixar en todos e en ningún. Paréceme que é máis interesante picar de aquí e de alá. Os mellores debates e os mellores consellos ás veces veñen de falar con xente coa que non tes nada en común”, di el. Este compostelán do ano 1994 vai a polo seu terceiro álbum como Ortiga, pero para ser xustos habería que contar os que fixo con Esteban & Manuel, Boyanka Kostova, Os Rastreadores, Pili Pampín... Agora segue a afondar no merengue con Obra social, que publica da man de Raso Estudio o 4 de outubro. Xa ten unha nova escusa para non baixar dos escenarios e así nolo contou nun almorzo en Compostela.

Pasaron tres anos desde o disco anterior de Ortiga pero neste tempo non parou de facer concertos. Desde fóra vese unha evolución, como se ve vostede?

Para min máis que tres anos parece que pasaron tres vidas porque coa cantidade de cousas que pasaron no medio! Desde discos de Boyanka Kostova ao meu xunto a Pili Pampín. Unha cantidade de estímulos e de información moi grande para a cantidade de tempo que é. A verdade é que xa case nin me lembro do disco anterior que fixen, agora vou notando que o proxecto está establecido e que toca intentar elevalo, máis que dalo a coñecer. Sempre hai que tratar de chegar a máis xente co que fas, pero interésame seguir profesionalizando o proxecto. O único que intentei estes tres anos foi facelo todo da forma máis ambiciosa posible: contar cos mellores músicos que me poidan gravar o disco, darlle moitas voltas ás cancións por explorar ata onde dan de si... Eu si que noto, interna e mentalmente, unha evolución neste tempo. Gústame que se note, pero tampouco teño ningunha pretensión, encántame facer música e o que intento é liala o máximo posible e que sexa o máis épico e grandilocuente que se poida.

O novo álbum de Ortiga, 'Obra social', publícase o 4 de outubro CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

Hai unha evolución, pero á hora de gravar segue contando co Hevi na produción.

É un dos meus ídolos e referentes a nivel musical, filosófico e mental. Contar con el é o mellor. Penso que moita xente, sobre todo en Galicia, cre que tes que emigrar ou marchar de aquí para facer cousas grandes, ou con xente que é grande, e para min o Hevi é un dos exemplos de que podes contar cunha persoa extremadamente talentosa en Santiago. Eu son galego e o que me cunde é vivir aquí e traballar aquí. Madrid está moi ben, pero alí xa hai madrileños.

Pero tamén estivo moito en Madrid por traballo, non?

Vivimos nun Estado que se chama España e como a súa capital é Madrid hai moitas cousas que pasan por alí. Hai que ir... Paréceme interesante vivir experiencias vitais noutras cidades, noutros países e culturas, mais ao final son de aquí e se se me permite polas miñas circunstancias vivir en Santiago, quedo aquí que é onde teño aos meus amigos.

"Para min o Hevi é un dos exemplos de que podes contar cunha persoa extremadamente talentosa en Santiago"

Mirando cara á atrás, ao momento de Esteban & Manuel, agora con Ortiga está nun punto moito máis profesionalizado. É posible manter as amizades na música?

Eu creo que si, de feito, o que me resulta raro é que non suceda. Non vou dicir que todo o mundo sexa amigo de todo o mundo, pero a maioría dos meus compañeiros a nivel artístico xa eran os meus amigos antes de facer o grupo. Non considero que haxa unha evolución nese sentido. Pero é certo que coa xente que vou coñecendo polo camiño é difícil manter o contacto porque todo o mundo está liadísimo. Sinto que por moito que queira quedar con Carlangas ou Rodrigo Cuevas, ou outra xente que quero moito, viven lonxe e teñen unha axenda súper apertada, coma min... A amizade mantense pero o contacto físico é máis complicado.

Entrou nunha nova década este verán.

Si, agora teño trinta anos.

Hai cinco anos sempre dicía que o seu obxectivo coa música era facer a xente bailar e pasalo ben. Cambioulle a perspectiva?

A verdade é que non. Noto que levo pensando as mesmas cousas moito tempo. Con vinte anos xa quería facer as cousas que fago agora e, de feito, comezaba a facelas. Moita xente di que se pasan dez anos e es a mesma persoa, que é unha merda. Pero para min non é así, o que máis me gusta segue a ser o mesmo: tocar e dar concertos. Non sei por que non vou estar casado con esa idea a tope. Ao final, isto é un estilo de vida para min. Hai quen pode facer música e nun momento pechar o asunto e sacar a súa outra personalidade, eu non. Paréceme moi ben non evolucionar nese sentido, non o necesito nin teño ganas.

Gañou en estabilidade económica e en seguridade cando está no escenario?

É unha cousa máis mental que loxística. Noto que antes buscaba esa estabilidade económica e agora dáme todo máis igual, pero positivamente. Que non se pode facer isto que quería porque non podo contar con tal persoa ou co orzamento necesario? Non importa, sei que dunha ou outra maneira vou conseguir facer iso que quero. Tampouco é que eu sexa máis listo que ninguén, pero como me encanta a música sei que vou debullarme ata logralo.

Falemos do disco, Obra social?

Sempre temos a broma de que o grupo é como unha obra social porque serve para que xente que anda perdida na vida atope un lugar no que sentirse acollida e respectada. Mólame ter ese ánimo de algo itinerante que é positivo para quen o formamos, como as compañías de circo ou cousas do estilo. Resúltame simpático. Levo anos pensando en poñerlle este nome, pero todo o mundo me dicía que é feísimo. Pero aínda que sexa feo, é o que é. Aínda que soe a banco ou a fundación, é o que representa. Ten que ser Obra social.

"Sempre temos a broma de que o grupo é como unha obra social porque serve para que xente que anda perdida na vida atope un lugar no que sentirse acollida e respectada"

O nome do álbum non ten relación co que contan as cancións, aínda que tampouco hai un concepto global do disco.

Os discos non os fago pensando en conceptos artístico-filosóficos. Son un chaval que o pasa guai facendo temas e cando vexo que uns van tendo relacións cos outros xa penso nun disco. Tampouco vai comigo facer movidas súper ambiciosas e filosóficas. Creo que a filosofía está dentro das letras e das cancións en si, e o resto son cousas que me fagan gracia.

Con que quería experimentar neste disco?

Sobre todo o que quería era elevar un pouco os temas e notar que hai unha melloría a respecto da anterior. A min gústame facer as cancións, pero para este disco optei por non tocar eu todos os instrumentos e chamar a xente especialista. O que máis intentei mellorar é o son, para iso impliquei a máis xente na gravación. Eu podo compoñer melodías e arranxos para instrumentos de vento, pero non toquei un na vida, entón, cando o podes consultar con alguén que sabe, nótase moito.

A música que escoito, que son cumbias e meregues, pero sobre todo merengues, é a música tradicional da República Dominicana. Un estilo tan marcado e tan concreto que ten uns instrumentos, unhas escalas e unhas melodías que se non están, non soa a merengue. E un dos puntos clave son os instrumentos de vento.

Coa tecnoloxía chega un punto no que un só pode facer todos os instrumentos, pero o resultado non é o mesmo, non?

Claro, unha cousa é compoñer e outra que soe ben. Se estás só o único que podes facer é recorrer aos instrumentos electrónicos e hai cousas que ningún ordenador poderá replicar nunca, como é a intención humana e a capacidade de sorprenderse e emocionarse. Por iso tamén me gusta contar con outros músicos.

Ortiga publicou o ano pasado un disco xunto a Pili Pampín CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

"Se estás só o único que podes facer é recorrer aos instrumentos electrónicos e hai cousas que ningún ordenador poderá replicar nunca"

Sempre tivo claro que o seu sitio era o escenario.

Vida só hai unha e tampouco podes perder o tempo estando frustrado facendo cousas que non queres, iso paréceme unha postura moi pouco intelixente. Se as cousas non che molan, fai o que estea dentro das túas posibilidades para cambialo. O conformismo paréceme unha lacra, creo que hai que intentalo. Eu sempre tiven claro que quería tocar, ser o que manda nun proxecto está moi ben, pero tamén podería ser guitarrista nunha banda e estaría súper contento igual. Penso que é un bo punto de partida, porque me permite saber que non me vou baixar deste mundo. Se nun momento dado o meu proxecto vai mal, sei que vou poder chamar a outros para que me leven nos seus grupos.

Agora monta unha verdadeira festa no escenario, cada vez son máis.

É que o meu obxectivo é acabar tendo un grupo de merengue como os que escoito e me gustan. Intento meter cada vez mais elementos de sempre e algo que me encanta deste estilo, que é que sempre hai unha persoa que o único que fai é liala para poñer a xente en modo loucura. E esa persoa é Xavi Cea, amigo meu desde moi cativos, ao que só lle digo: sé ti mesmo, e el xa a lía parda. Cando sexa quen de introducir dúas ou tres persoas máis xa estaremos, será a miña banda soñada.

"Sinto que xogaba en campos de terra e agora estou na segunda ou primeira división"

Este tamén é o primeiro traballo que publica con Raso Estudio.

O que quero é facer cousas e o que fago é xuntarme con quen me dá a infraestrutura e a confianza para facelo. Creo que Raso neste momento é a mellor alternativa e síntome apreciado e querido. Así que adiante, seguimos.

Confirmamos que leva nos sen parar de xirar cos seus diferentes grupos, como aguanta o ritmo?

Aguanto o ritmo porque me encanta e realmente o que quero é que isto non se pare. Para min todo tipo de ritmo é o mellor, unha fin de semana na casa é unha tortura, o mellor é estar por aí tocando. Nunca me parece mala idea facer algo do grupo, aínda que haxa que perder cinco días por ir ata un sitio que está súper lonxe. Ao final, eu faría estas cousas pagando; así que cobrando, imaxínate! A miña aspiración é facer todos os discos que poida e cada ano que pasa se me ocorren máis cousas para facer e teño máis ilusión por facelas. Hai dez anos era un chaval de vinte anos con tres euros e moitas ganas, agora teño experiencia, os medios e as ganas. É moito máis divertido. Sinto que xogaba en campos de terra e agora estou na segunda ou primeira división. Para min, isto é un agasallo.

Pois que siga.

Oxalá.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.