Ortiga e Grande Amore poñen música aos medios en galego

Ortiga e Grande Amore, no cartel do Día dos Medios en Galego 2023 © AMEGA

A Asociación de Medios en Galego conmemora dende 2018 cada 7 de febreiro o Día dos Medios en Galego. Cadrando co aniversario do nacemento en 1876 d'O Tio Marcos d'A Portela, a considerada como primeira cabeceira de masas publicada en lingua galega, a asociación da que fai parte Praza.gal aproveita para facer visibles "os medios que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do país" dun xeito festivo.

Neste 2023, a celebración decorre baixo o lema Move a lingua! e terá como celebración central un concerto con dous dos artistas con maior proxección da escena galega actual, Ortiga e Grande Amore, os proxectos musicais de Chicho (Boyanka Kostova) e Nuno Pico. A cita está fixada para o vindeiro 9 de febreiro dende as 20:30 na compostelá Sala Capitol. 

Nuno Pico é Grande Amora © Janite

Coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do Concello de Santiago, o concerto para celebrar o Día dos Medios en Galego terá entrada de balde, pero será preciso retirar convites. Estarán dispoñibles dende as 12 da mañá deste xoves, 2 de febreiro, no web da Sala Capitol e no portal de entradas Ataquilla.

AMEGA conmemora dende 2018 o Día dos Medios en Galego. Desta volta a celebración inclúe un concerto gratuíto de dous dos artistas con máis proxección na actual escena musical do país

Explican dende AMEGA que actualmente a asociación representa algo máis dun cento de cabeceiras. "E para seguir movendo a nosa lingua e catapultala entre a mocidade, organizamos unha xornada festiva con dúas das referencias máis relevantes do panorama musical galego", explican.

O propio 7 de febreiro, o concerto e demais actividades da asociación serán presentadas nun acto coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón. Servirá tamén, indica AMEGA, para evidenciar que os medios en galego serven para que o noso idioma estea "presente" no panorama informativo, "dignificando e facendo máis útil" a lingua, sinalan.

Concerto de Ortiga na sala Capitol de Santiago en maio de 2022 © Ana G. Liste

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.