- 🔊 EN VINTE | Café Derby 21. PRIMEIRAS VECES, con Carlangas
- 📺 EN VINTE | "Eu chorar chorei". Ortiga e PIli Pampín gastan pista na mítica discoteca La Luna
As festas máis compostelás soben ao palco neste 2023 a varias das bandas e artistas con orixe na capital galega que máis están a dar que falar na escena galega e estatal nos últimos tempos. Carlangas, Ortiga ou Ruxe Ruxe fan parte do menú musical dunhas festas da Ascensión que desta volta se celebran do 16 ao 21 de maio e tampouco perden de vista outro imprescindible: a verbena.
O programa presentado polo Concello santiagués, ilustrado polo deseñador Roi Fernández, bota a andar o martes 16 (21h30, Praza da Quintana) co concerto Santiago 40 Pop. O xa tradicional concerto organizado pola radiofórmula 40 Principales conta este ano con Marc Seguí, Zzoilo, Miriam Rodríguez, Depol - Hilario, Nerea Rodríguez e Meler - Angy e Mondra.
O mércores 17, Día das Letras Galegas, o espectáculo No século un cantar de Cantigas e Agarimos (Teatro Principal, 12h30) ou o espectáculo de circo Malabarian on de Rox (17h, Mazarelos) comparten protagonismo co fado contemporáneo da portuguesa Ana Moura (premio aRi[t]mar 2022 á mellor música de Portugal). Será na Praza da Quintana ás 21h.
O xoves 18, día da Ascensión e festivo en Santiago, os cabezudos percorrerán a zona histórica dende o mediodía e por varias prazas soarán as músicas tradicionais das agrupacións da cidade. As actividades prolongaranse durante todo o día, incluíndo a tradicional feira cabalar da Ascensión, e culminarán ás dez da noite co concerto da Orquestra Panorama na praza do Obradoiro.
O venres 19 será a quenda para o certame coreográfico Compostela e outro dos clásicos, o torneo de chave. Ademais, o Compos Fest -impulsado polo Concello xunto á SD Compostela- sobe ao palco da Quintana dende as 20h20 a Carlangas, Ruxe Ruxe, Nastasia Zurcher e Moncho y Los Apóstoles. O sábado, día 20, segue a música tradicional nas prazas e mais o torneo de chave, regresa a festa dos maiores ao recinto de Amio e en San Domingos de Bonaval o Orfeón Terra A Nosa ofrece o Concerto das Letras galegas.
Xa pola noite, os cantos de taberna soarán por varios locais da zona histórica e o escenario da Quintana resérvase para o concerto promovido por Estrella Galicia. Indica o Concello que nos vindeiros días se coñecerá quen o protagoniza.
O domingo, día 21, o programa da Ascensión inclúe percusión afrobrasileira, a maxia do Mago Teto e o "concerto DJ Sinfónico" no que a Banda Municipal de Santiago se xunta co artista dixital Pere Vicalet ás 19h na Quintana. Na mesma Praza, pero ás 22h, unha das sensacións musicais dos últimos tempos, o compostelán Ortiga xunto con Pili Pampín, porán o ramo á Ascensión 2023.