"Recuperar aspectos agochados ou desapercibidos permítenos construír un relato máis plural e democrático do noso pasado", defendeu o historiador Lourenzo Fernández Prieto este sábado no seu discurso de ingreso como académico de número na Real Academia Galega
"Recuperar aspectos agochados ou desapercibidos permítenos construír un relato máis plural e democrático do noso pasado", defendeu o historiador Lourenzo Fernández Prieto, natural de A Devesa (Ribadeo) este sábado no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, nunha cerimonia celebrada no teatro Jofre de Ferrol, a cidade na que estudou o Bacharelato e na que se converteu en neofalante, onde reivindicou a importancia da memoria na historiografía.
O xa académico de número da RAG ocupa a cadeira da falecida poeta Luz Pozo Garza, coa que comparte raíces ribadenses, e a quen retratou como "unha muller doutro mundo" en plena ditadura, porque ela era muller "do mundo republicano e democrático".
O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e coodinador do grupo de investigación Histagra centrou o seu discurso na relación entre historia, memoria e política no contexto da Transición democrática en Galicia a partir dunha discusión pública que tivo como protagonistas a Valentín Paz-Andrade, senador electo na reinaugurada democracia en 1977, e Camilo José Cela, senador por designación real.
Un episodio vinculado á reivindicación galeguista dun Estatuto de Autonomía que apelase ás raíces republicanas, que é para o historiador un exemplo claro da "fondura do noso esquecemento colectivo, alén dese repetido mantra do pacto do esquecemento da Transición", e de como "o relato do pasado, tamén o das vítimas, sempre está dominado polo vencedor. Máis aínda cando o vencedor foi verdugo".
A misión da historia "non é dar nin quitar razóns morais, senón contextualizar, entender no pasado e explicar, dende a distancia do presente e cos nosos valores, que é o que non queremos herdar do pasado"
A misión da historia "non é dar nin quitar razóns morais, senón contextualizar, entender no pasado e explicar, dende a distancia do presente e cos nosos valores, que é o que non queremos herdar do pasado", pero "tamén o que queremos herdar", engadiu Fernández Prieto. Un obxectivo no que a memoria cobra relevancia "como medio para facer historia, nunca para substituíla", matizou.
O investigador traballa dende os seus comezos no eido da historia agraria e dende 2006 desenvolve tamén unha importante liña de estudos sobre a memoria do golpe de 1936, da guerra civil e da represión do franquismo, con proxecto como Nomes e voces. "Nas últimas décadas, a historiografía aprendeu que hai moita memoria na historia e, viceversa, hai moita historia na memoria. Ambas as dúas aliméntanse se sabemos usalas", defendeu no seu discurso de entrada na Academia.
Fernández Prieto coordina o Centro de Investigación Singular de Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), que agrupa equipos de investigación das tres universidades galegas nos eidos da historia, a xeografía, historia da arte economía, enxeñaría, socioloxía, ciencia política e medio ambiente.
"Lembro que empezamos a usar o galego nas aulas en 1º de BUP", contou Fernández Prieto sobre a súa etapa de estudante en Ferrol
Desde Ferrol empregou tamén da memoria persoal para lembrar a historia dos nenos e das nenas que estrearon a EXB, e que se mobilizarían máis adiante a prol da democracia; e do que significaba ser, coma el, neofalante nunha viaxe na que os fillos dos que migraron do agro ás cidades semellaban destinados a perderen a lingua do país. "Lembro que empezamos a usar o galego nas aulas en 1º de BUP (curso 1975-1976). Unha presada de nós, coa compracencia de profesores que logo serían amigos como Guillermo Llorca, Xosé Manuel Pose Mesura, Edelmiro Gil ou Luís Aneiros", contou.
Pola súa banda, o director da Sección de Historia da RAG, o académico Ramón Villares, deu resposta ao discurso de ingreso de Fernández Prieto e salientou que "con esta incorporación refórzase a potencia intelectual da Academia como ente colectivo e, de forma especial, o coñecemento do tecido histórico de Galicia nomeadamente nos tempos máis contemporáneos".