Nabiza Girl recunca no seu espazo predilecto, ao carón do público, para loitar polo seu compromiso coa igualdade e co galego
Isabel Risco volve vestir o traxe de superheroína no espectáculo As Aventuras de Nabiza Girl. O estraño caso da Cultura Minguante, co que está de xira polo país tras estrear en Sada o pasado 23 de febreiro. A actriz escribe xunto a Carlos Ares e Fran Rei esta obra que tamén coproduce xunto a La Yogurtera. A Nabiza Girl xa viviu varias vidas fóra dos escenarios, converteuse en protagonista dunha banda deseñada e tivo a súa propia serie web, para despois transformarse nunha personaxe de animación en stop-motion. Agora recunca no seu espazo predilecto, ao carón do público, para loitar polo seu compromiso coa igualdade e co galego. Este venres, 14 de marzo, o espectáculo chega ao Centro Ágora da Coruña, estará en Barbadás o 28 de marzo e en Muros o 5 de abril.
Desde que comezou coa Nabiza Girl, a personaxe mudou de significado para vostede?
Claro, hai que ir cos tempos. Realmente todo comezou pola necesidade laboral, porque no sector cultural, como sucede noutros sectores produtivos do país, tamén necesitamos apoio. A intención sempre foi mostrar unha visión do mundo desde o rural e intentar trasladar a idea do noso rural como orixe e peza fundamental do noso desenvolvemento, da nosa economía e da nosa cultura. Á fin e ao cabo, todo é transversal. Buscaba un espectáculo unipersoal que non tivera moito gasto na produción, pero non porque quixera facer algo soa, porque me gusta moitísimo máis o traballo en equipo, pero naquela altura fun unha traballadora solitaria, como nos filmes do oeste. Nabiza Girl supuxo para min un comodín, que me permitiu homenaxear as mulleres do rural. Aínda hai unha visión do mundo moi masculinizada e a idea de incluír unha referente feminina no imaxinario dos superheroes e superheroínas tamén me animou.

"A intención sempre foi mostrar unha visión do mundo desde o rural e intentar trasladar a idea do noso rural como orixe e peza fundamental do noso desenvolvemento, da nosa economía e da nosa cultura"
É ben certo que non hai moitas superheroínas.
Pero é que superheroínas somos as mulleres porque superamos moitos atrancos e barreiras que aínda están aí, pois o sistema é o que é, e non está preparado para nós. O concepto da superheroína tamén o vexo moi ligado ao Día das Letras para as cantareiras, mulleres que en moitos casos non tiveron acceso ao ensino básico e que se converteron en axentes culturais sendo unhas grandes músicas. Elas construíron e preservaron o noso acervo cultural. Aí está o auténtico poder, porque para min poder ten un significado moito máis primixenio que a connotación actual dos poderosos e poderosas que controlan o mundo. O mundo témolo que controlar nós porque é noso, e estas mulleres son referentes. Do rural temos exemplos de mulleres verdadeiramente poderosas, como María Castaña da Pobra de Brollón, que se enfrontou ao bispo de Lugo, ata María Soliño ou María Balteira, que superou moitas barreiras desde Coirós no século XII. Isto é para min o poder e de aí veñen os superpoderes.
"Debemos preservar o humor galego porque é moi distinto, é un humor defensivo non ofensivo, e é tamén a retranca, que xa é case máis un concepto filosófico"
Agora Nabiza Girl ten un caso que resolver nos escenarios.
Si, os diferentes traballos en equipo leváronnos a poder desenvolver unha nova peza teatral para Nabiza Girl, que xa non se ten que presentar ao público. Con este novo espectáculo queremos reivindicar as mulleres no humor, seguimos moi estereotipadas neste eido en moitos aspectos. Como traballadora do sector cultural e actriz de oficio o traballo que me chega é escaso, e o que chega faino en diferentes formatos. Para min o oficio é o de ser actriz non humorista, pois tamén teño feito papeis de drama, e creo que agora hai unha tendencia a perder esa esencia e a etiquetalo todo.
Houbo moito debate arredor das mulleres na comedia nos últimos anos, parece que algo se avanzou, pero é certo que se mira moito con que fan humor as mulleres, como se só puideran falar de determinados temas que encaixan nun ‘humor para mulleres’.
Exacto, é absurdo. Sempre lembro unha frase de Carme Adán que di que o cerebro humano é o órgano máis maleable. De aí vén todo iso, son estereotipos que se nos adxudican desde que nacemos. Os roles de xénero seguen estando moi presentes a pesar de todo. Por outra banda, penso que debemos preservar o humor galego porque é moi distinto, é un humor defensivo non ofensivo, e é tamén a retranca, que xa é case máis un concepto filosófico. O pobo galego é un pobo que se ri de si mesmo, e iso fai que teñamos a posibilidade de rirnos de todo, pois primeiro rimos de nós mesmos.

Por que cando tivo que pensar nunha misión para Nabiza Girl escolleu unha que semella case imposible?
Por iso mesmo, porque é unha misión imposible. Xurdiu o tema de maneira unánime entre Carlos Ares, Fran Rei e mais eu. Estamos vivindo nun momento no que temos que reivindicar máis que nunca a nosa lingua e a nosa cultura, porque ademais van totalmente unidas: a nosa lingua é a que xera a nosa propia cultura, e tamén xera a nosa visión do mundo. Como nos expresamos e como rimos é cultura galega, e a cultura galega ten que ser, evidentemente, en galego.
"Que non teñan que vir de fóra a dicirnos se facemos as cousas ben ou mal. Temos que celebrarnos e reivindicarnos a nós mesmas"
Tiñamos claro que queriamos falar de que a nosa cultura precisa cada vez máis apoio, e parece unha misión imposible. Hai unha chea de axentes culturais e unha creatividade inmensa, e temos unha herdanza brutal como a das cantareiras, pero seguimos perdendo galegofalantes e temos un sector cultural que só sobrevive, é unha gran paranoia. Ter cinco premios nacionais de poesía, que país consegue iso tendo a súa lingua atacada? É dunha gran capacidade de rexurdir. Pero que non teñan que vir de fóra a dicirnos se facemos as cousas ben ou mal. Temos que celebrarnos e reivindicarnos a nós mesmas.
Quen non o vexa así ou ataque ten que sentarse a reflexionar que está atacando, entendo que haxa cousas que non che gusten porque as persoas que fan eses produtos culturais non lle poden gustar a todo o mundo, pero tes que valorar que se fan desde aquí para aquí, e tamén para o resto do mundo: son exportables. Agora porque hai unha crise brutal no audiovisual galego, pero lembro que Padre Casares vendeuse a seis televisións, e Matalobos levou o premio á mellor serie europea das televisións territoriais. Fronte ao esmorecemento estamos a xente que queremos seguir existindo. Un tío avó meu dixo que ‘ser diferente é ser existente’, pois iso.
E hai un vilán ao que se enfronta Naviza Girl nesta obra?
Está presente o ente do mal. Como as galegas e galegos non temos unha visión branca ou negra da realidade, e non somos de tendencia maniquea, pero hai un mal porque senón non estariamos como estamos. O sistema capitalista xera ese mal que quere montar unha macrocelulosa na Ulloa, que é avarento e agresivo co noso entorno e espoliador dos nosos recursos a través dos parques eólicos ou da tremenda eucaliptización. Todo iso non vén da nada, fronte a iso está o pobo poñéndose en pé, tamén dunha forma moi creativa.
"Non digo que non sei poidan facer series pensadas para as plataformas ou para o Estado, o que quero dicir é que por facer iso non se poden abandonar as series de consumo propio, que despois tamén se pode exportar"
Considera que o audiovisual galego non está no seu mellor momento, por que?
Entendo que tamén a xente fala como lle vai na feira. Para min a análise é a seguinte, antes falamos de Padre Casares e Matalobos, pero podemos seguir falando de moitas outras como As leis de Celavella ou series coas que fomos pioneiras na ficción no Estado, como Mareas Vivas. A día de hoxe eu pregunto cantas series propias galegas hai que se graven en galego e que sexan para consumo propio do país, malia que despois se poidan subir ás plataformas ou exportar. Cantas hai? Só hai neste momento unha que se chama Coral e rematou hai pouco Saudade de ti. Para min os produtos culturais galegos son en galego, outra cousa é que haxa series como Rapa que se fan aquí. Eu nas plataformas vexo series islandesas, e o islandés só o falan trescentas mil persoas. A última serie galega que se subiu nunha plataforma foi O sabor das margaridas. Non digo que non sei poidan facer series pensadas para as plataformas ou para o Estado, o que quero dicir é que por facer iso non se poden abandonar as series de consumo propio, que despois tamén se pode exportar.
Cre que o feito de ter menos traballo agora no audiovisual pode estar ligado coa súa significación política e participación en manifestacións de diferentes colectivos sociais do país?
Agora mesmo non hai moito traballo, e polo tanto hai menos a repartir. Pero é certo que iso pode ter repercusións e nalgún momento si que a tivo. En todo caso, non me parece normal.