Galicia no festival Intersección da Coruña: dende Breogán Xague a Sabela Eiriz, Ángel Santos ou CintaAdhesiva

Fotograma de 'Non te vexo', a premiada curta de Xacio Baño. © Xacio Baño

O Festival Intersección reúne cineastas con traxectorias recoñecidas xunto a aquelas que están a dar os seus primeiros pasos no sector

Xa está en marcha a sexta edición de Intersección, o Festival Internacional de Cinema da Coruña, que se celebra entre o 17 e o 22 de outubro, con propostas contemporáneas tanto de cinema de autor como de novos formatos audiovisuais, incluíndo pezas de realidade virtual ou obras xeradas mediante intelixencias artificiais. 

Para a Sección Galicia o festival selecciona 22 autoras con obras tanto en formato cinematográfico como expositivo. Con esta selección, segundo explican desde a organización, o festival busca abarcar o actual panorama audiovisual contemporáneo no noso país, reunindo a cineastas con traxectorias recoñecidas xunto a aquelas que están a dar os seus primeiros pasos no sector. 

Cartel do festival Intersección 2023 CC-BY-SA Festival Intersección

No correspondente ao audiovisual da Sección Galicia foron seleccionadas un total de 10 propostas con contidos e duracións moi variados. "Desde Intersección queremos contribuír a consolidar un sentimento colectivo de orgullo cara ao noso talento e discurso propio", defende Gonzalo E. Veloso, director do festival. “Apoiar o talento local, visibilizar ás autoras e facilitarlles un punto de encontro desde A Coruña co resto do mundo foi sempre a nosa prioridade”, asegura.

A artista visual Enar de Dios propón Ecotone, un ensaio audiovisual que supón unha crítica a formas contemporáneas do capitalismo como o capitalismo de vixilancia ou o biocapitalismo, segundo explica. 

Miriam Opazo asina 'Ningún Deus', un traballo no que fala sobre identidade a través do Entroido tradicional do rural da provincia de Ourense

Pola súa banda, o dúo de “e-poesía” (poesía + música electrónica) CintaAdhesiva, formado por Jesús Andrés Tejada e Silvia Penas Estévez estrea O resto é ceo, un videopoema no que se conxugan varios textos do poemario homónimo de Silvia Penas. 

O cineasta e fotógrafo Santos Díaz presenta Din que non falan, avance da longametraxe Solo el Ruido, na que se atopa traballando actualmente. Din que non falan mostra como dous vellos amigos pasan o tempo sentados nunha roca aos pés dun outeiro. Máis tarde, dous mozos ocupan ese mesmo lugar. Sucédense as conversas revelando paralelismos sobre as súas vidas e sentimentos. 

Fotograma de 'Din que non falan', de Santos Díaz. © Santos Díaz

A artista audiovisual, escritora e docente Sabela Eiriz, asina Eu non quero ser triste. Neste videopoema defende que o medo e a tristeza non están tan lonxe un da outra, como tampouco a memoria está lonxe do olvido. “Basta unha pequena lista da compra para recordar as cousas importantes antes de que a memoria comece a fallar, porque lembrar é un acto de amor" asegura no vídeo.

Míriam Opazo, artista visual que explora cuestións como a identidade e a memoria, asina Ningún DeusNeste traballo fala sobre identidade a través do Entroido tradicional do rural da provincia de Ourense. Esta peza xorde da investigación arredor dos vínculos entre o rito máxico e a construción da identidade e a memoria colectivas do pobo.

Xacio Baño é o responsable de 'Non te vexo', un ensaio fílmico sobre a imaxe que xa obtivo o premio CREA ao mellor Director Galego na útima edición do festival Curtocircuíto.

Marta Verde Baqueiro, artista dixital, visualista e docente, orixinaria de Pontevedra e residente en Valencia, estrea no festival Ínsua. Trátase dunha peza de videoarte que supón un tributo ao lugar de orixe da familia da artista.

O cineasta galego Ángel Santos tamén estará presente coa curta Alicia fai cousas, na que reflexiona sobre o aburrimento (suposto) dunha rapaza de 25 anos chamada Alicia.

Xacio Baño é o responsable de Non te vexo, un ensaio fílmico sobre a imaxe. Nel aborda como a escolla das fotografías xera un relato. Que contan as imaxes descartadas? Que instantáneas consideramos imprecisas, defectuosas? Cal é a historia que eliminamos do noso relato vital? Non te vexo obtivo o premio CREA ao mellor Director Galego na útima edición do festival Curtocircuíto.

Fotograma de 'Eu non quero ser triste', de Sabela Eiriz © Sabela Eiriz

Andrea Zapata-Girau, cineasta e montadora residente en Galicia e Finlandia, presenta no Intersección Ruovesi. Nesta curta aborda a historia de Cecilia, supervivente da represión militar chilena. Baseada na vida de Silvia Eliana Aedo, que interpreta a Cecilia.

Panxoliña para unha paisaxe morta é a última proposta do creador Breogán Xague, quen rematará este ano o Mestrado en Arte Libre da Royal Institute of Art de Estocolmo. Esta obra audiovisual amosa unha paisaxe invernal co inicio da escuridade e remata coa chegada da luz diurna. 

Esta edición do Intersección inclué tamén o Foco Carme Nogueira (Vigo, 1970). Artista, investigadora, editora e docente, representa unha das figuras claves da investigación artística actual no noso país. Despois de participar en anteriores ocasións no festival con algunhas das súas últimas obras, o certame decide dedicarlle un foco á súa traxectoria. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.