'erre melón': a "morte da linguaxe" nunha sociedade que rexeita o non normativo

Berio Molina e Sara Iglesias durante a preparación da gravación no espazo NORMAL (A Coruña) © Claudio Pato

O artista multidisciplinar Berio Molina gaña o XVIII Certame de Arte Isaac Díaz Pardo da Deputación da Coruña coa peza audiovisual 'erre melón', unha crítica á perversión da linguaxe

"A linguaxe deixa en evidencia como a sociedade estigmatiza á diferenza, incluído o mundo animal, vexetal e as cousas. Calquera de nós cunha personalidade non típica, calquera can, ten conceptualmente unha diversidade funcional, e a linguaxe é a mostra evidente de que 'algo vai mal". Esta certeza moveu o artista multidisciplinar Berio Molina na creación da peza audiovisual 'erre melón', gañadora do XVIII Certame de Arte Isaac Díaz Pardo da Deputación da Coruña

A obra, segundo razoa o autor na memoria que a acompaña, "encádrase dentro dunha búsqueda da morte da linguaxe, provocada pola incapacidade da sociedade para dar cabida a formas de comunicación que se sitúan fóra do normativizado". Menos de quince minutos de pulsión narrativa e visual con dous planos, por un lado o que comparten a cadela Cleopatra e o adestrador de animais Daniel Ramos e, polo outro, un no que Sara Iglesias realiza unha serie de exercicios para pronunciar normativamente a letra 'r'.

Fotograma de 'erre melón', de Berio Molina © Berio Molina

"A comunicación actual, tan explícita, resúltame violenta, obscena, morta. Vémonos na obriga de engadir un discurso por enriba das cousas porque estas xa non son capaces de falar por si mesmas, porque xa perdemos a capacidade de comunicarnos directamente con elas, cos animais, coa natureza, con nós", debulla na memoria de 'erre melón'.

O xurado do XVIII Certame de Arte 'Isaac Díaz Pardo' destacou no seu fallo que se trata do traballo dun "creador único no panorama galego e tamén do estado español" e sinalou, nese senso, a "coherencia, singularidade e capacidade de adaptación" á hora de desenvolver o seu labor en diferentes contextos e procesos. 

Molina escolle os exercicios para unha correcta pronunciación do fonema 'erre' e os combina coa aprendizaxe dunha cadela a relacionar unha palabra –'melón'– cunha determinada acción

Cando lle concederon a bolsa para as Residencias Artísticas da Fundación María José Jove só tiña claro que quería facer algo arredor da linguaxe. "A miña idea era ir á Coruña e ver como traballaban na fundación co autismo e con temas da linguaxe, con logopedas e persoas que traballaban con cans con fins terapéuticos. Só sabía que o tema iría por aí, pero o contido do vídeo foi xurdindo a medida que fun falando cos profesionais vinculados á fundación e coa xente que fun coñecendo a raíz do tema", explica Molina.

Na peza vaise saltando dunha escena a outra nunha sorte de equilibrio para o espectador, para "evitar a foneticafobia" de quen mira. Berio Molina escolleu os exercicios para unha correcta –ou máis ben axeitada ao común da sociedade– pronunciación do fonema 'erre', que é o último que se aprende na fala, porque lle transmitiron certa violencia. E combinou estas prácticas na pantalla coa aprendizaxe dunha cadela a relacionar unha palabra, neste caso 'melón', cunha determinada acción. 

Un fotograma da peza 'erre melón' © Berio Molina

Berio Molina está a piques de rematar unha tese de doutoramento arredor do son que fan as letras ao seren escritas, un tema que tamén abordou no libro Setras. "Nesa investigación comecei a profundar no tema da linguaxe, e un dos libros que lin –Generación post-alfa, de Franco Berardi Bifo– fala de como a linguaxe se introduciu no capitalismo. Chegoume moito porque tamén son programador informático e traballo coa linguaxe, non só a informática, senón falando moito por teléfono. Por iso me chega iso de que a linguaxe se estea empregando por parte do capitalismo como maior forza de traballo nosa, que poidamos estar alienándonos a través da linguaxe e que a linguaxe estea a ser empregada polo mercado para converternos en produtos", detalla. 

"Chégame que a linguaxe se estea empregando por parte do capitalismo como maior forza de traballo nosa, que poidamos estar alienándonos"

Esa perversión da linguaxe fíxolle chegar á conclusión de que xa non serve para comunicarnos, máis ben todo o contrario: para "explotarnos" ou "persuadirnos, seducirnos e manipularnos". "Leva sendo así moito tempo, pero agora colleu moita forza", incide Berio Molia, que sempre tivo problemas de comunicación e decidiu empregar a linguaxe artística para rachar con este tema. O vídeo da artista autista Amelia Baggs In my language tamén lle serviu de inspiración á hora de abordar a retórica da linguaxe nunha comunicación máis directa. 

Para Berio Molina é importante que a peza estea ao alcance da xente para que se poida expandir a reflexión sobre esa "morte" da linguaxe. De momento, a peza moverase no contexto da arte contemporánea e dos festivais de cinema, pero non descarta que chegue a internet, onde el puido descubrir, por exemplo, o traballo de Amelia Baggs. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.