María Xosé Queizán, unha escrita "valente" que “trae a experiencia das mulleres ao centro da trama”

María Xosé Queizán, na homenaxe que recibiu este martes en Vigo © RAG

Vigo acolleu este martes unha homenaxe de RAG á autora co gallo do Día da Poesía. Introducida por Margarita Ledo e coa música de Uxía, unha ducia de autoras e autores achegaron a súa visión sobre a “insubordinada potencia emancipada" da súa obra

“Renderlle homenaxe a María Xosé Queizán é renderlle homenaxe á Galicia inqueda. Queizán é valentía”. Deste xeito definiu este martes Manuel Forcadela a María Xosé Queizán  (Vigo, 1939) na homenaxe que lle tributou a Real Academia Galega en Vigo co gallo do Día da Poesía, organizado co apoio da Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo e que escolleu como título A escrita sen límites, título tamén da publicación conmemorativa coa que foi agasallado o público, que estará dispoñible en versión dixital en academia.gal a partir deste mércores.

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo acolleu un recital de homenaxe á autora no que unha ducia de escritoras e escritores dialogaron con poemas "dunha escritora de excepcional pulo creativo e referente imprescindible do pensamento e da práctica feminista", destaca a RAG. A académica Margarita Ledo foi a encargada da loanza de Queizán, nun acto no que Uxía puxo a música.

María Xosé Queizán, con Margarita Ledo, na homenaxe que recibiu este martes en Vigo © RAG

O acto contou coa intervención de Rexina Vega, Marga do Val, Manuel Forcadela, Andrea Nunes, Elvira Ribeiro, Pepe Cáccamo, María Reimóndez, Camiño Noia, Míriam Ferradáns, Xavier Baixeiras, Fina Casalderrey, Marilar Aleixandre e Ana Romaní 

Valentía foi unha das verbas máis empregadas para definir a Queizán, botando man para isto, por exemplo, dos versos que a poeta lle dedicou a Rosalía: "Fuches condenada á valentía. / Calar ou ser perversa. / ¡Velaí!. Así o fixo Margarita Ledo na súa intervención, o mesmo que outros e outras das autoras que participaron na homenaxe. A publicación conmemorativa recolle varios exemplos da “insubordinada potencia emancipada da poesía de María Xosé Queizán”, en palabras da súa coordinadora, a académica Ana Romaní.

Rexina Vega, Marga do Val, Manuel Forcadela, Andrea Nunes, Elvira Ribeiro, Pepe Cáccamo, María Reimóndez, Camiño Noia, Míriam Ferradáns, Xavier Baixeiras, Fina Casalderrey, Marilar Aleixandre e Ana Romaní achegaron os seus comentarios sobre unha creadora que, resume Margarita Ledo, “trae a experiencia das mulleres para o centro da trama”. 

A de María Xosé Queizán é "unha escrita sen límites" que ten “o poder de anticiparse a todas as grandes preguntas que definen o actual presente e, probablemente, tamén o inminente futuro”, dixo Rexina Vega

“É a poeta, a muller, que alzou a súa voz para furar o silencio”, expresou o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, que engadiu: “Cando se faga a historia das mulleres na Galicia contemporánea, María Xosé Queizán figurará nun lugar de honra polas súas achegas á formulación do pensamento e da práctica feminista”. “Debémosche o converter a palabra silenciada das mulleres nunha Festa. A reivindicación do noso dereito á felicidade, á alegría, na túa escrita sen límites”, agradeceulle á homenaxeada a directora da Sección de Literatura, Marilar Aleixandre.

“A voz de María Xosé Queizán certifica que o pensamento feminista é pensamento, que a poesía pode ser un manifesto feminista, que se a violencia contra as mulleres se inscribe nos corpos, é dado recuperar os corpos e as mans para levar a cabo a revolución feminista”, engadiu Aleixandre.

María Xosé Queizán, con Uxía, na homenaxe que recibiu este martes en Vigo © RAG

Valentía foi unha das verbas máis empregadas para definir a Queizán, botando man para isto, por exemplo, dos versos que a poeta lle dedicou a Rosalía: "Fuches condenada á valentía. / Calar ou ser perversa. / ¡Velaí!

A súa é unha poética que “reclama que abramos todos os sentidos á súa percepción, ao confronto cos espazos regrados, coa súa posta en solfa nos roles, nos valores incorporados, na incapacidade para decidir, na instrumentalidade do corpo, no discurso amoroso como retórica de submisión”, dixo Margarita Ledo.

“Renderlle homenaxe a María Xosé Queizán é renderlle homenaxe á Galicia inqueda (...). Queizán é valentía”, manifestou finalmente Manuel Forcadela. A forza vital da súa escrita, salientou María Reimóndez, “lémbranos a forza da palabra para (auto)crear (se/nos)”. Unha escrita sen límites que ten, ademais, “o poder de anticiparse a todas as grandes preguntas que definen o actual presente e, probablemente, tamén o inminente futuro”, engadiu Rexina Vega.

60 anos de dedicación á escrita

María Xosé Queizán debutou moi nova como escritora, coa publicación en 1965 d’A orella no buraco. Como poeta, en cambio, foi unha autora serodia

María Xosé Queizán debutou moi nova como escritora, coa publicación en 1965 d’A orella no buraco. Con só 26 anos deuse a coñecer co que é un dos títulos de referencia da Nova Narrativa Galega no que trouxo ás nosas letras os principios do Nouveau Roman. A finais dos 70 presentouse como ensaísta con A muller en Galicia (1977), e uns anos despois, en 1983, fixo realidade un soño: o lanzamento da revista Festa da Palabra Silenciada.

Como poeta, en cambio, foi unha autora serodia. “Non escribín poesía en serio ata 1990, cando me decatei de que podía escribila como escribía ensaio”, conta nas súas memorias, Vivir a galope (2018). Sucedéronse a partir dese momento os poemarios Metáfora da metáfora (1991), Despertar das amantes (1995) e Fóra de min (1995), recollidos canda outras obras pezas soltas ou inéditas en Non o abras como unha flor (Poesía reunida. 1980-2004); e xa co novo século Cólera (2007) e Lesbiar (2015).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.