"Non chegamos a crer o de que marchabamos, parecía que si, que os pais facían cousas para marchar, pero ata o mesmo día non pensabamos que fose certo". Falan os fillos de galegos e galegas emigrados en Suíza, criados alá, que regresaron na adolescencia canda as súas familias e tiveron que "empezar de novo" as súas vidas, sen ter aínda as ferramentas para asimilar todos os cambios.
O cineasta suízo Adrien Bordone quixo gravar os seus amigos da infancia e retratar as súas vidas vinte anos despois de despedirse en Bienne, cando foron separados polo regreso a Galicia destas familias. O filme documental Mes amis espagnols, que gañou o premio a Mellor Filme na Sección Panorama do Festival de Ourense, conta as experiencias de Domingo José Rial, Jesús Martínez, Martín Souto, Martín Gerpe e Ramón Lois Rey. Esta semana proxectouse en cines de Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela, onde a sala Numax acolleu un coloquio co director e mais dous dos protagonistas, Jesús Martínez e Domingo Rial.
Adrien Bordone rescata do esquecemento a historia de crianzas e adolescentes que medraron e foron escolarizados en Suíza, nunha contorna multicultural onde forxaron intensas amizades e, de súpeto, retornaron a Galicia coas súas familias. Un regreso que estivo decidido polos seus país, sen consultarlles, e que implicou separacións dolorosas e traumáticas que, coa distancia dos anos, son expostas neste documental, que participou nos festivais Visions du Réel e Festival du Film Français d’Helvétie.
O documental consegue retratar emocións e complicidades que serían imposibles de ver de non ser o propio director un membro máis do grupo de amigos
Un punto de vista distinto do que foi a emigración galega en busca de mellores traballos nos anos oitenta. Estes rapaces pasaron de vivir nunha cidade como Bienne, con máis de 50.000 habitantes, a mudarse a unha casa nunha aldea con menos de cincuenta veciños e veciñas. No documental repasan como foron aquelas semanas iniciais, o enfado e a tristeza, a sensación de baleiro; e como co tempo cada un foi pechando as feridas como puido.
Rodado entre Suíza, terras de Betanzos e Bergantiños, as illas Canarias e a cidade de Múnich, Mes amis espagnols entra nas casas dos protagonistas ata a cociña e consegue retratar emocións e complicidades que serían imposibles de ver de non ser o propio director un membro máis do grupo de amigos.
Contan que o vínculo emocional entre eles como grupo antes de marchar era absoluto, pasaban o tempo libre xuntos, e incluso as vacacións, grazas ás que Bordone coñeceu Galicia, un país que non sabía situar no mapa cando atopou aos que serían os seus amigos. O vínculo nunca rachou de todo, a pesar das dificultades para comunicarse naqueles primeiros anos tras a separación, pero volveuse máis forte a raíz da gravación do documental.
"Cando marchamos pensabamos que con 18 anos iamos mercar un coche e volver todos xuntos", explicaron no coloquio. Nunca pasou. As circunstancias de cada un leváronos por camiños distintos e agora, pasados os trinta anos de idade, son quen de xuntarse de novo e recuperar a complicidade que tiñan sendo cativos.
Un dos puntos clave desta película está na comunicación, ou na ausencia dela, dentro das familias. Uns pais confirman que marcharon de Suíza un ano antes de que o seu fillo fixera os dezaoito anos para que non puidera decidir por si mesmo se quería quedar ou volver a Galicia. "A cuestión é saber se os pais escoitaron os seus fillos de verdade, se se preocuparon por eles e por que non tiveron en conta as súas opinións", salienta o realizador. "A película animounos a falar cos seus pais e, por tanto, falar do trauma", engade.
"A cuestión é saber se os pais escoitaron os seus fillos de verdade, se se preocuparon por eles e por que non tiveron en conta as súas opinións", salienta Adrien Bordone
"É unha conversa que non existiu", explica Jesús Martínez a Praza.gal, "antes acostumaban a tomar as decisións os pais, e sobre todo o pai máis que a nai. Hoxe en día isto é distinto, penso que agora tense moito máis en conta as emocións dos nenos e nenas, pois tamén estamos nun contexto no que se fala de saúde mental".
Antes de que o seu amigo Adrien Bordone lles preguntara dunha maneira tan concreta sobre a ferida que supuxera para eles o traslado, ninguén o fixera. "Eu si que falaba cos outros protagonistas da película, porque si que entre nós comentabamos como nos sentíamos, pero estabamos moi refuxiados en nós. No meu caso, pasei a vivir nunha aldea de corenta habitantes na que había outros rapaciños, pero que non coñecía de nada e que non tiñan interese en coñecer os meus traumas tampouco", conta Jesús Martínez.
El atopou empatía na súa nai, coa que si puido falar do trauma da migración a diferenza do seu pai, que acepta responder preguntas sobre o tema por primeira vez durante a rodaxe do filme. "Agora coa película non sentín liberación porque xa o teño botado para a fóra, traballei moito comigo mesmo. Doutra maneira, creo que non me atrevería a participar", asegura.
