Luís do Río revoluciona as redes cos seus vídeos preparando un pito de pastor, un asubiote ou unha pipa de herba. Consciente de que non importa o medio a través do que se aprenda, está a gozar compartindo coñecementos que chegaron a el a partir das experiencias da xeración dos seus avós
Luís do Río Pena (Santiago de Compostela, 1998) revoluciona as redes cos seus vídeos preparando un pito de pastor, un asubiote ou unha pipa de herba. Consciente de que non importa o medio a través do que se aprenda, está a gozar compartindo coñecementos que chegaron a el a partir das experiencias de persoas da xeración dos seus avós nas súas aldeas, entre Ames e Outes. "Quería facer algo que xerase un interese de aquí sen ter que relacionalo todo coa política", conta. Todo comezou como unha forma de esparexemento no seu tempo libre mentres prepara unhas oposicións tras graduarse en Dereito. Con máis de 15.000 seguidores no Instagram, compartindo xa os vídeos nunha canle de Youtube e agora tamén no TikTok, Do Río ten claro que se os seus vídeos cargados de sabedoría popular triunfan é porque sorprenden.
Por que comeza a compartir en vídeo o que xa facía no seu tempo de ocio?
Sempre fixen isto porque o vin e interesoume, ademais no coñecemento que hai sobre estes temas etnográficos, populares ou de instrumentos e enxeño non hai unha norma escrita nin unha aprendizaxe nun determinado libro. Interesoume sempre o feito de poder aproveitar os materiais, nun determinado medio, para diferentes cousas. Neste caso o que tivo máis éxito foron os vídeos de instrumentos, aínda que tamén teño publicado como facer xoguetes e outras cousas. É un coñecemento popular que non é autoría miña, en ningún caso pretendín facer ver que eran inventos meus porque estou bastante en contra do concepto actual que leva a personalizalo todo e levarse o mérito cando estas cousas son parte do patrimonio do pobo. Todo comezou hai catro ou cinco meses mentres estudaba a oposición, con toda a frustración que podes sentir. Un día que tiña tempo libre decidín preparar un vídeo para o meu Instagram, que é a rede social que emprego desde hai uns sete anos. Compartín o vídeo como reel e, como teño o perfil aberto, puido compartirse moito. En tres semanas xa tiña moitos seguidores novos, por iso decidín subir máis contidos.
Aínda que falemos dun patrimonio popular, as xeracións máis novas –ou non tanto– poden estar afastadas del.
En parte o éxito que tivo isto é polo extraordinario que resulta para algunha xente. Se fose algo ordinario, como o é para moita outra xente para quen facer os instrumentos é habitual, non tería chegado a tantas persoas. Estase divulgando moito, algo que me sorprende porque nunca tiven vontade de facerme instagramer, nin tiktoker, nin de gañar cartos con isto, que eu teño os meus estudos por outro lado. Pero hai unha conexión evidente entre o descoñecemento do que eu comparto e a sorpresa dun determinado mundo diante do enxeño que hai detrás duns materiais tan primitivos e tan accesibles. Nunha sociedade na que estamos afeitos a mercalo todo, a especializarnos moito nunha determinada rama, ver que ti podes chegar, con cousas moi básicas, a facer xoguetes, instrumentos e outras cousas que nunca te crerías capaz nin crerías que tes medios para facer explica todas as visualizacións.
"Non son unha persoa que medrou no rural e sabe do que fala porque traballou no agro dende que era neno"
Quen lle transmitiu este coñecemento?
Son unha persoa galega de 25 anos totalmente media, no sentido de que os meus avós son de aldea, mudáronse no seu momento a urbes nas que puideron atopar oportunidades mellores das que tiñan aló e os meus pais están entre un mundo e o outro, coma min. Sempre tiven gusto e interese por estas cousas, aínda que non están no meu ámbito de contacto directo. Non son unha persoa que medrou no rural e sabe do que fala porque traballou no agro dende que era neno, pero si que é certo que o meu avó, cando eu era pequeno, preparaba pitos e contábame que todos os rapaces da súa época os facían. Hai uns sete anos, estaba mirando nunha biblioteca pública un libro que hai de Pablo Carpintero no que se recollían instrumentos da tradición, tiven as ganas de imitar algúns deles e isto foime abrindo paso a preguntar oralmente e pedir consello a quen xa sabía que tiña preparado estes instrumentos. Foi un xermolo combinado de experiencias propias, lecturas e consellos de diferentes fontes: o meu avó, o avó da miña moza e outras persoas do meu arredor.
Antes destes vídeos xa compartía contos a través do podcast O papaventos, como xurdiu este proxecto?
Foi co confinamento pola pandemia, hai apenas tres anos. Como persoa afeita a saír e quedar coa xente tiven máis tempo libre e comecei a gravarme contando contos que me gustaban para compartilos nun grupo de Whatsapp cuns amigos. Foron eles quen me animaron a publicalos e así fun gravando outras historias, nun inicio escollín contos que me marcaron por algo cando os lin e despois xa fun introducindo outras historias de orixe popular que me parecía que tiñan interese e agora tamén vou traducindo algunha cousa do inglés ou do francés de Lovecraft ou Verne. Non teño a meta de chegar a un grande público, pero mentres narro aprendo, memorizo e vou quedando coas diferentes maneiras de expresión. É un proxecto experimental que se alguén o recibe con gusto e o desfruta, eu estou encantadísimo.
"Teño sorte porque todo veu porque subín un vídeo no que explicaba como se facía o cantagalos, foi porque quixen e pensado para as miñas amizades"
Fixo atletismo de maneira profesional ata hai uns anos. Hai algo da disciplina deste deporte que aínda aplique no seu día a día?
Entre os 16 e os 21 anos practiquei atletismo cun carácter cada vez máis competitivo. É certo que a conduta de ter que adestrar me marcou moito á hora de desenvolver estes proxectos porque aínda que non o pareza, enganchan con esa forma de vivir sempre conectado, de ter ganas de facer cousas, de traballar non por cartos senón por gusto.
Agora que vai coñecendo a repercusión dos contidos que está a compartir nas redes, séntese distinto ao seguir preparando novos vídeos?
Ata certo punto si. Creo que teño sorte porque todo veu porque subín un vídeo no que explicaba como se facía o cantagalos, foi porque quixen e pensado para as miñas amizades. Non estaba pensando en converterme en divulgador, entón, o feito de non estar sometido a pretensións nas redes sociais fai que se non publico nada, non acontece nada. Agora ben, é verdade que o retorno das redes é un estímulo moi forte. O perfil nas redes xa o tiña, pero isto de que che comenten todo o tempo e que todos os días teña unhas dez conversas novas de xente que non coñezo provoca certa necesidade de continuar compartindo novos contidos. Entendo que non é ao nivel da xente famosa, pero esta é a parte que menos me agrada. Como todo, vén con retos novos.
"Agrádame, pero non me vou crecer porque se non voume converter nun monstro que pensa que todo o que fai está ben"
Como son eses retos?
É un pouco como esta fama da que falaba Warhol, que dicía que nun futuro todo o mundo disporía de cinco minutos de recoñecemento. Vou a unha festa e páranme para dicirme que lles encanta o que fago. Eu sei que esa persoa me parou porque lle gustou un dos meus vídeos, pero afecta á percepción que tes sobre as cousas, tes que poñelo en perspectiva. Agrádame, pero non me vou crecer porque se non voume converter nun monstro que pensa que todo o que fai está ben. Tampouco me paran tanto pero o comparo con hai seis meses e non é o mesmo, creo que é bo razoalo para que non che afecte para mal.
Que significa para vostede construír eses instrumentos e probar a facer música con eles?
É moi interesante porque ves que algo que para ti é evidente porque cho explicaron antes, non o é tanto cando o tes que facer coas túas propias mans e pasas de estar nun estadio no que non sabías nada a coñecelo ben. Dáste conta de que moito do coñecemento que cremos que nos é propio, realmente repousa sobre as experiencias vitais de moita outra xente que viviu antes e cometeu erros e acertos en función dos que construíu un coñecemento base. Velo por exemplo á hora de construír unha pipa porque colliches unha madeira que estaba verde ou porque furaches un pouco máis arriba, e chegar a alguén que che diga ‘oes mira, ten coidado porque cando se perfora aquí acontece isto, ou esta herba non é boa para facer aquilo’. Non o saben porque o teorizaron, sábeno porque o fixeron antes.
"Hoxe temos o privilexio de poder combinar a ciencia e as tecnoloxías co coñecemento do noso medio, é algo realmente bo e é a mentalidade na que intento moverme"
Unha circunstancia a ter en conta aínda máis neste momento no que semella que se lle resta importancia ao saber das xeracións dos avós e avoas.
Teño a impresión, que non sei ata que punto será acertada porque estou vivindo agora mesmo e non vivín hai 150 anos, de que como se democratizou o ensino moito –e iso está ben– e hai moita xente nova que ten estudos que os seus avós non, acontece que temos a perspectiva de menosprezar ou minusvalorar os seus coñecementos. E si que pode ser que desde unha ollada práctica, os coñecementos científicos que nos adquirimos sexan bos. Pero a experiencia acumulada deles e o que lles aprenderon a eles tamén vale, e vale moito. Poder combinar unha cousa coa outra é o mellor e penso que habería que avanzar nesta liña como sociedade.
Non miro cara a atrás nun sentido romántico, pensando que se vivía mellor antes; senón que o fago mirando as cousas que se tiñan e que agora non. Hoxe temos o privilexio de poder combinar a ciencia e as tecnoloxías co coñecemento do noso medio, é algo realmente bo e é a mentalidade na que intento moverme. Isto pode axudarnos a coñecer e valorar máis o noso medio: por exemplo, ti cando fas un asubiote dunha determinada árbore pasas a saber que unha especie é diferente a outra, que nunha determinada época aporta unhas cousas e que cando vou por unha fraga esta árbore falta e hai cinco anos estaba porque no medio houbo unha peste. Así, valorizas máis que non haxa só unha especie senón que haxa moitas. Este coñecemento, cando o entendes e o interiorizas, é cando vives ti o medio realmente.
"Hai máis de mil persoas do Brasil e Portugal chegaron ao meu contido e o entenderon"
Que pensan agora os seus avós da repercusión que está a ter como divulgador?
Non son conscientes de toda a xente á que están a chegar os vídeos, tampouco eu a verdade. Pero víronos e saben que están funcionando ben. A súa óptica vital non está nas dinámicas das redes, pero cando falo para televisión ou radio si que o seguen e me dan consellos sobre o que conto. O que te chama a atención das cousas é a sorpresa de algo ao que non estás afeito, para eles o que fago neses vídeos é algo totalmente simple e para un rapaz ou rapaza de cidade á que nunca llo ensinaron é completamente distinto, por iso se pode interesar.
E hai algo que lle sorprendera na acollida que está a ter nas redes sociais?
Ver na internet, onde mandan os números e os algoritmos, a conexión que hai entre a comunidade lingüística galega coa brasileira e coa portuguesa. Sorprendeume porque fóra dos debates que considero estériles sobre se esta lingua é a mesma que a outra, nos algo máis de 15.000 seguidores que teño no Instagram algo máis do 6% son de Brasil e un 3% son de Portugal. Hai máis de mil persoas que, non tendo eu contactos persoais nestes países, chegaron ao meu contido e o entenderon. Penso que deberamos atender a esta perspectiva porque disto se poden quitar moitas cousas, máis alá de dogmatismos.