Blues, jazz, soul e algo de rock nun Outono Códax que ata o 11 de decembro reúne en Santiago a músicos que recollen a súa inspiración na cidade de Nova Orleans. Theo Lawrence, Néstor Pardo, The Allnight Workers e Aurora Nealand & The Royal Roses son algunhas das propostas
Blues, jazz, soul e algo de rock. O Outono Códax propón unha serie de actuacións para ir despedindo o ano que veñen cargadas de inspiracións dos aires da cidade de Nova Orleans. Lembran no festival que Nova Orleans foi fundada como colonia francesa e a súa multiculturalidade mantense chea de referencias á Luisiana francesa e ao seu legado cajún.
Se empredésemos o camiño en dirección oposta e seguísemos o rastro da música dos pantanos e a cocteleira rítmica do Mississippi ata Burdeos, alí atopariamos a Theo Lawrence, un músico, cantante e compositor francocanadense, que actúa este venres, día 3, na sala Riquela de Santiago, con todas as entradas vendidas. Este ano o Outono Códax abriu boca coa actuación de Judith Hill, pero os concertos seguen ata o 11 de decembro.
A presenza galega no festival confórmana The Carlos Childe Band (con estreitos vínculos con Nova Orleans), Martins Aneiros Band, Néstor Pardo e The Allnight Workers, que se reúnen para esta ocasión, nove anos despois da súa disolución, para facer un repertorio que mesturará os seus éxitos con temas escollidos especialmente para esta edición.
O xoves 9 de decembro Néstor Pardo presenta na sala Riquela a súa última reinvención. Finiquitado o proxecto de PARDO, o músico retoma o seu nome completo para comezar un novo camiño influenciado pola música africana, os espirituais e o gospel. En xaneiro publicou o primeiro single desta nova etapa, Hai que saber esperar, un tema gravado na corentena na súa propia casa, e o pasado 2 de outubro, da man de Carajillo Records, viu a luz o seu primeiro vinilo en 7’’ en solitario Con la muerte di.
Desde a mesma Nova Orleans chegan en exclusiva para o festival Aurora Nealand & The Royal Roses, formación liderada por unha das saxofonistas máis aclamadas da escena musical da cidade, e fano cun convidado: o clarinetista e afamado escritor Tom Sancton. Aurora Nealand é recoñecida polas súas interpretacións co saxo, clarinete e voz. Sitúase na vangarda do rexurdimento do jazz tradicional de Nova Orleans como unha referencia fundamental entre a xeración máis nova de músicos da cidade. Coa súa banda, estará o venres 10 de decembro na sala Capitol de Santiago.
Nesa mesma cita na Capitol tamén estará Big Daddy Wilson, que nos últimos 25 anos ten xirado por máis de 15 países diferentes. O seu último disco, Hard Time Blues, é "un reflexo do tempo que estamos a vivir e de todas as ansiedades que trae a vida". Nel, o músico combina o blues co soul, R&B, country e góspel.
O Outono Códax será escenario da reunión da banda galega The Allnight Workers, case 10 anos despois da súa desaparición, no seu día definidos como un "supergrupo de rhythm and blues salvaxe aderezado con jump blues e swing". Será o sábado 11 na sala Riquela cando Roi Fontoira (voz e guitarra), Néstor Pardo (voz e guitarra), Santi González (saxo), Jorge López (baixo) e Martín López (batería) se suban xuntos ao escenario.
A música en directo está acompañada das actividades paralelas do Outono Códax, entre as cales hai charlas, presentacións de libros, sesións de picadiscos e xornadas gastronómicas inspiradas na cociña Cajún, así coma os Xoves en Branco, unhas catas maridaxe da man de restaurantes de vangarda cunha selección de viños das Bodegas Martín Códax.
A charla Walking to New Orleans, o sábado 11 no Riquela Club, reunirá os músicos Aurora Nealand e Carlos Childe, o xornalista Jacobo Rivero e o escritor e músico Tom Sancton, moderados polo crítico musical Fernando Navarro. Ao remate, Jacobo Rivero presentará o seu libro Bulbancha: música, calle y resistencia desde Nueva Orleans, como tamén fará Fernando Navarro con Maneras de vivir o venres 10 na mesma sala.
O público interesado en adquirir entradas anticipadas para os vindeiros concertos do Outono Códax pode facelo en A Reixa Tenda e Matrioska (na rúa do Hórreo de Compostela) ou a través da plataforma ataquilla. Para asistir ás actuacións deberáse presentar o certificado de vacinación ou unha proba negativa da COVID-19. Toda a programación está dispoñible aquí.