"Divulgar é o último paso da miña aprendizaxe", salienta María Lapido. Ilustradora e fotógrafa que está a abrir o debate en Instagram sobre cuestión ligadas ás normas do sistema patriarcal e como afrontalas dende o feminismo na práctica
Nun dos ecosistemas que se crean nas redes sociais, neste caso en Instagram, compartiuse e falouse moito esta semana das reflexións que recolle a ilustradora e fotógrafa María Lapido nunha publicación que titula ‘As nenas queren ser guapas’. Coincidindo co inicio do curso, esta profesora de pintura de crianzas e adultas, que ademais traballa nun comedor escolar, quixo compartir unha análise ilustrada sobre como descentralizar a beleza sen permitir que o concepto quede só para o dominio do sistema heteropatriarcal. Nestes espazos, onde para ben ou para mal estamos todas, tamén hai quen aproveita para chamar ao debate e ao pensamento pausado. Ollo, non sempre con éxito, pois o algoritmo sabe ben o que lle mandan agochar. Lapido é tamén a ilustradora que acompaña a Isabel Blanco na travesía das Galegas na ciencia, Galegas nas artes e Galegas na música que vén publicando a editorial Belagua; e foi a deseñadora do cartaz deste ano das Feiras do Libro. Este curso volve impartir aulas na Asociación de Veciñas da Almáciga, en Compostela, sobre técnicas de ilustración contemporánea.
De onde lle vén a idea de realizar as viñetas con reivindicacións feministas que comezou a publicar este verán?
Eu estudei fotografía artística xa hai bastantes anos na Mestre Mateo e xa daquela tivera unha asignatura que se chamaba Teoría da imaxe na que faciamos unha análise súper promenorizado de por que analizabamos as imaxes dunha maneira nasociedade actual, condicionadas pola Historia da arte e pola cultura popular. Entón, a min isto sempre me xerou un interese extra en ir analizando todo o que vía. E ese sobreanálise das imaxes, que a min me gusta da maneira persoal, fai que a día de hoxe para min todo teña que ter unha análise como moi intelectual. Gozo moito de analizar as cousas en exceso. Vexo algo que a nivel social me chama atención ou non me funciona, e non é que diga: ai, pois isto non me interesa; é que xustamente cando me fai ese clic pregúntome, por que non me interesa isto? Ou, por que me molesta? Aí é de onde xorde todo isto, do meu interese persoal e individual.

Por que decide comezar a divulgar estas reflexións en forma de viñetas?
Para min divulgalas é o último paso da miña aprendizaxe. No momento no que comparto e xorden conversas e dúbidas paréceme que é a última aprendizaxe posible. Tamén quero ver as redes nun contexto diferente, para estar eu máis conectada co que vexo e co que sinto a través das experiencias que teño. En realidade non é só iso, é que vexo que ten repercusións en como analizamos en xeral a sociedade. Eu son unha persoa que me interesa falar de arte, de política e, sobre todo, de feminismo. Para min, xerar este tipo de conversa tamén é o tipo de redes sociais que quero consumir. Queremos facer scroll durante horas de xeito automático? Pois igual tamén vai ben poder pararse nas cousas e forzar que o algoritmo funcione doutras maneiras.
"Non lles podemos dicir as crianzas que fagan doutra forma sen ensinarlles como, e para iso temos que aprender a mirar nós dunha forma distinta. Con estas viñetas pensaba que estaba a dicir unha obviedade, pero vin que tiñan utilidade"
Como está percibindo o debate que se produce nas túas publicacións? Fálenos da última publicación, que relaciona coa volta ás aulas.
Hai moitas cuestións educativas que son moi inflexibles, como a norma non escrita de deixar de chamarlle guapas ás cativas. Eu comprendo a base teórica diso, pero cando o tema avanza un pouco ves que hai cousas que non funcionan. Obviamente, no traxecto que estamos facendo dende o feminismo hai moitas cousas que son ensaio/erro e que temos que ir valorando conforme imos cambiando a sociedade. É un traballo e temos que estar facendo reflexións constantemente. Neste caso, sentía que non funcionaba o feito de obviar esa palabra ou esa capacidade, porque as nenas perciben exactamente que iso é un valor e que se valora en todo o seu contexto social. Parecíame interesante darlle un pouco de reflexión a iso, e poder facelo sen escaparnos das premisas feministas coas que estamos traballando.
As conversas xorden en moitos casos de maneira privada. As mulleres que traballamos con nenas e nenos todos os días vemos que cousas que funcionan a nivel teórico, na práctica perden o seu obxectivo. Centrei o tema nas nenas porque é o urxente, elas son un obxectivo principal da violencia directa, pero tanto nenas como nenos teñen hoxe moitísima presión a nivel estético. Moitas nais e pais son conscientes de que se está a celebrar o cambio que en ocasións fan as nenas e os nenos para aparecer ante o mundo dunha maneira na que sexan aceptados. Isto sempre vai vinculado ao consumo e a cuestións que non deberan ser celebradas. Polo que teño falado, as reflexións deste tipo existen, pero penso que aínda se teñen demasiado no ámbito privado. Outra cousa que falei cunha nai é que a xeración que está agora educando aos cativos xa se educou coa televisión: estamos a xeración da televisión dicíndolle aos nenos e nenas dos tablets que hai que ter moitísima imaxinación e ser moi creativos. Quen viviu nas cidades pode que xa nunca se parara a mirar como é a forma das follas dos carballos, por poñer un exemplo. Se iso xa non pasou, pretendemos agora que os nenos vaian aínda máis lentos ca nós? É imposible porque estamos nun mundo no que o consumo de imaxes é súper rápido. Non lles podemos dicir as crianzas que fagan doutra forma sen ensinarlles como, e para iso temos que aprender a mirar nós dunha forma distinta. Con estas viñetas pensaba que estaba a dicir unha obviedade, pero vin que tiñan utilidade.
Pola súa experiencia, pensa que hai menos creatividade? Percibe que haxa unha maior homoxeneización da rapazada, se cadra polo maior peso das modas de cada momento? Coido que antes existía unha loita para diferenciarse do resto e que agora esa loita pode ser por todo o contrario.
Eu incluso quitaría a palabra loita porque o que vexo é moita inacción, moita pasividade. Como se a toma de decisións fora en función da imitación e do consumo rápido, sen reflexión. Si que é certo que moitos estereotipos que foron combatidos aínda seguen marcando aos nenos e nenas. Para min isto pode ser unha consecuencia do sistema económico e social, que fai que as crianzas non teñan referentes que pasen máis de cinco horas con eles e elas ao día. Non hai observación pausada porque nunca estamos en pausa. Nenos de Educación Primaria viven nun ritmo, polo propio condicionamento económico e social que temos, que non lles permite pasar tempo coa xente e interiorizan o feito de estar sempre dun sitio para o outro e de cambiar de xente como norma.
"Vivimos nun contexto romántico, que modifica toda a percepción da nosa realidade e que incluso precisamos para encaixar a nivel social, ou mesmo económico"
Publicou tamén este verán unha serie que titula 'Medos e desencantos de relacionarme romanticamente con homes hetero'. Semella mentira, pero non é doado expoñerse sobre estes temas nas redes.
Si, pero eu tampouco busco ter moitísima visibilidade, quero analizar as cousas que me atravesan na vida e por que me sinto como me sinto, a partir diso é xero algo que me axuda a entender as cousas. A través do visual, teño sorte de que no Instagram funciona o que a min máis me gusta, combinar a imaxe e o texto e facer algo rápido, como un resumo. Que, ao final, para min é como o exercicio de facer un esquema. En realidade, estas publicacións xurdiron bastante das conversas entre amigas. Teño certa frustración porque paso moitas horas ao día escoitando a amigas queixarse das súas parellas (homes) e, claro, ti non queres para as túas amigas ese sufrimento; pero ao final tócache facer un acompañamento dende a comprensión de que vivimos nun contexto romántico, que modifica toda a percepción da nosa realidade e que incluso precisamos para encaixar a nivel social, ou mesmo económico porque hai estruturas contra as que é moi difícil loitar e facelo implica un sobreesforzo.
Nas conversas con amigas, sobre todo heteros ou bisexuais, falamos de que sentimos que xeramos unha intimidade con persoas que non están ao mesmo nivel no que se refire ao feminismo e o compromiso social. A palabra é compromiso porque poden coñecer a teoría pero obviamente non lles toca tan de preto porque a violencia non lles afecta de maneira directa. En base a todo isto eu fun tomando notas ata que me puxen a ver que cousas sintetizaban mellor o que nos pasa en xeral no día a día, pois estamos tragando con cousas que non nos apetece.
Como axudou o traballo de ilustración editorial neste camiño?
Pois ilustrar os libros das Galegas na ciencia, nas artes e na música implicou que fixemos moitas charlas dando visibilidade a estas mulleres que destacaron nos seus ámbitos. Eu sinto a min capacitoume para falar en público e para desenvolver obradoiros de retrato feminino con nenos e adultos. Co traballo para estes libros collín un pouco de gusto a iso de poñer en común as cousas. Dinme conta do valor que ten poñer en común os traballos e as ideas.