"Non me mola adoutrinar, mólame contar historias"

Javier Gutiérrez, Nathalie Poza e Silvia Xirui en 'Honeymoon' © Control Z

Eva e Carlos son unha parella en fase terminal. Dúas persoas que xa non se entenden. Mais a repentina morte do seu fillo vainos obrigar a recoñecerse outra vez. Ademais de a tomar decisións que lles permiten descubrir cousas sobre si mesmos. Sobre quen poden ser nunha situación límite. Diso vai Honeymoon, a nova película de Quique Otero, recentemente presentada no Festival de Cans. Un proxecto moi diferente de Crebinsky xa que, como el mesmo di, sería moi aburrido facer sempre o mesmo filme. Como o é darlle ao espectador todo mastigado. Falamos con el. 

Como empezou o proxecto?

Eu traballo normalmente con outros guionistas. Esta vez Roberto G. Méndez. Comezamos a traballar arredor da idea dos vendedores porta a porta e despois fomos, como pasa sempre, meténdolle cousas das nosas vidas, doutras vidas… ata que saíu a historia que ao final rodamos. Foron dous anos de traballo de guión ata atopar un punto de maduración suficiente para financiar e producir a película. 

Como foi o financiamento, xa que falas diso?

Como se fai sempre, buscando financiamento público e privado. Tiñamos axuda de Agadic, da TVG, algo da Deputación de Ourense e atopamos un coprodutor privado, Acca Media.

Quique Otero, con Javier Gutiérrez, Nathalie Poza e Silvia Xirui © Control Z

Hai moitas caras coñecidas no elenco. Como escollestes os actores?

O casting fixémolo nós, sen unha dirección de casting. Eu fixen unha proposta de actores e pelexamos por telos, coa boa sorte de que case coincidiu todo o elenco que queriamos -menos o personaxe do desguace-. A min encantoume poder contar con todos estes fenómenos. Os protagonistas, Javier Gutiérrez e Nathalie Poza, namoraron do guión en canto o leron, e iso tamén axudou. Estou moi contento. 

Como foi a rodaxe?

Sen moitos problemas. Iso si, foron moitas localizacións en pouco tempo. Porque como temos un formato medio road movie, pedía moverse. Está o 90% rodado en Galicia pero apetecíame, por exemplo, rodar nas estradas de Zamora, con ceos máis abertos, para a parte na que se abre a historia, que é a parte de road movie. Rodamos nos arredores de Santiago, A Coruña, Ourense, Zamora e no aeroporto de Valladolid, cun equipo de unhas 70 ou 80 persoas. 

É unha historia sobre como poden reaccionar persoas “normais” ante unha situación extrema. Ou queriades contar a historia dunha parella en crise?

Son persoas normais vapuladas pola vida, si. Non saben que facer nin onde ir. Pero para min é, sobre todo, unha historia de amor, ou da parte do amor que acontece cando unha parella está acabando. Teñen unha desgraza, a morte do fillo, que os saca da súa zona de confort, da monotonía e da inercia na que están instalados. Entón empezan a recoñecerse como parella, a lembrar por que se quixeron unha vez. E logo que todo acontece no contexto dunha sociedade medio berlanguiana algo ruín. Nunha cidade pequena na que todos se coñecen, todos se deitaron con todos, todos se envexan… Unha sociedade un pouco enferma, como a nosa. Hai por iso na película un ambiente un pouco irmáns Coen, con personaxes ao límite, que o mundo está cheo deles. Á xente que vía a película apetecíalle saber máis dos personaxes secundarios. Como se fose un spin-off… 

Falando de personaxes, os dous membros da parella son bastante distintos. El non parece enterarse de moito e sofre menos ca ela. 

Teñen unha actitude diferente, si. El é a parte máis débil e ela xa cansou de tomar a iniciativa. Nathalie imaxinou o seu personaxe como unha muller que tivera máis vida, que logo dá con Carlos e que ao principio está ben con el, pero despois xa non. Eu concordo con que podía ser así. El é máis débil pero tamén máis firme, máis estable. Toma as cousas con máis tranquilidade. Ela ten a forza e o arranque. El vai máis a rebufo, pero nun momento tamén demostra que pode ter outra actitude. Cando perden o fillo, no caso del a procesión vai máis por dentro. 

Tráiler de 'Honeymoon' © Control Z

É curioso como se conta iso. Case non sabemos nada do que lle pasou ao fillo. E case non vemos as reaccións deles. Pouco máis que as bágoas dela. Foi feito así a propósito?

“Non é unha película sobre unha parella que perde un fillo, senón sobre unha parella que se reencontra e que se recoñece”

Si, totalmente. E isto ten que ver co que queriamos que fose a peli: unha mestura de estilos. Se vas máis alá co thriller, coa comedia ou co drama xa sería outra película. O que queriamos era quedar na fina liña entre os tres estilos, mesturando os xéneros. Por iso non é unha película sobre unha parella que perde un fillo, senón sobre unha parella que se reencontra e que se recoñece. A desgraza podería ter sido por outro motivo. Por iso digo que é unha historia de amor. 

“Todos os personaxes teñen a súa ruindade. Todos esconden cousas, así que quen estea libre de culpa que tire a primeira pedra”

É interesante tamén o personaxe da policía -María Vázquez-. Unha muller lista que non dubida en saltar as normas se o precisa e que vive unha situación parecida á da parella.

A policía representa esa intelixencia universal, as persoas que teñen ese pouso, que saben ver máis alá e exculpar a xente mesmo máis alá da lei. Ela entende a parella porque tamén está perdendo un fillo.

O personaxe de Víctor é moi odiable. É un señor machista sen escrúpulos. 

É un personaxe moi real. O clásico triunfador deste mundo capitalista que temos. O típico que por onde el pasa non volve medrar a herba. Pero en realidade todos os personaxes teñen a súa ruindade. Todos esconden cousas, así que quen estea libre de culpa que tire a primeira pedra. O máis honesto e íntegro quizais é Carlos. Relativamente. 

María Vázquez e Antonio Durán 'Morris', nunha escena de 'Honeymoon' © Control Z

Hai moito abuso de poder, en relación co que dicías antes. Explotación laboral da infancia, abuso sexual… Hai moita violencia. O feito en si de non poder repatriar o cadáver dun fillo xa é violencia abonda. 

Si, xa é un xeito de violencia. Claro que está o abuso de poder, pero é bastante real. Pos un telexornal e ves abusos a chavalas, por exemplo. Non é algo disparatado. Hai un background que é real. E logo están os triunfadores, como a irmá de Eva, que ten unha casa moi grande e cociña sen cociñar. Toda esa hipocrisía, a mesquindade do ser humano. Pero é unha historia de pura ficción. Non me mola adoutrinar, mólame contar historias. Non teño nada así como unha mensaxe que mandar ao mundo máis alá do que levo aprendido en 50 anos. 

“Non quero darlle todo mastigado ao espectador. Non quero facer ese tipo de pelis nas que podes ir ao baño sen perderte nada”

O personaxe máis esperpéntico é o vendedor de debuxos animados. Bastante patético. Aí hai tamén unha conexión coa infancia… 

Antigamente nos hoteis había vendedores, por exemplo de baterías de cociña. Eu estiven unha vez nun hotel no que regalaban un colar, como pasa na película. Si hai unha conexión coa infancia, cos debuxos animados dos 80, coa primeira animación que se facía. O vendedor é un personaxe algo miserable que esconde unha trama na que están metidos a súa nai e o seu irmán. É un buscavidas e un vendedor nato. E o actor, Fernando Albizu, é espectacular. 

A música é de Pablo Sanmamed. No festival de Cans fixestes unha presentación da película con concerto, non?

Ao final non o fixemos. Gústame sacar a peli fóra da peli, que é un xeito alternativo de promocionala. Por iso cando fixemos Crebinsky tiñamos a Banda Crebinsky. A outra opción é estrear un fin de semana nun cine no que vai haber outras dez películas. Para min as pelis son proxectos vitais. Con este levaba cinco anos. E a distribución tradicional xa non funciona moito. Polo que buscamos outras maneiras. Pero a banda sonora é de Pablo, si. Levo traballando con el nas tres películas que fixen. Hai un entendemento brutal con el. Tamén levo dúas películas co director de foto, Sergio Franco, e xa traballara antes tamén con Adrián Pino na montaxe ou con Xacobe Sineiro na produción. E logo temos xente nova coma Inés Rodríguez, a directora de arte, que fixo un gran traballo. 

Javier Gutiérrez, Nathalie Poza e Silvia Xirui, protagonistas de 'Honeymoon' © Control Z

O final é aberto. 

Aberto en certo sentido e pechado noutros. O espectador ten que imaxinar o que vai pasar coa parella, por exemplo. Eu non quero darlle todo mastigado ao espectador. Non quero facer ese tipo de pelis nas que podes ir ao baño sen perderte nada porque cho repiten todo. Nesta película hai que estar atento aos detalles para non perder o fío da historia. Creo que ten un punto cinematográfico potente. 

A produción é túa. Comentabas antes da dirección de arte. Hai por exemplo un paso da escuridade á claridade que lle acae moito á evolución da historia. 

“O bonito é crear un mundo novo en cada película, con almas distintas”

Teño a produtora Control Z desde o 2016, si. Si que quedou moi logrado o traballo de dirección de arte. As localizacións tamén están moi buscadas. Outra cousa importante para min na película foi descontextualizala espacial e temporalmente. Podería ser calquera tempo dos 90 para aquí. Por iso hai coches ou móbiles de distintos tempos. Eu quería que o espectador se centrase na historia e non nese tipo de detalles. Quería que as localizacións gustasen esteticamente, pero non que levasen a un lugar concreto como pasa en Crebinsky. Neste caso é Galicia pero podería ser Estados Unidos ou Alemaña ou calquera outro lugar. 

Xa que citas Crebinsky, este é un proxecto bastante diferente. 

Aburriríame facer algo parecido. Gústame facer proxectos distintos, con almas distintas e fins distintos. O proxecto é o que manda. O bonito é crear un mundo novo en cada nova película, con almas distintas. Se fixese outro Crebinsky xa sería o Kusturica galego, que ogallá, pero non era a idea. Logo os actores traían unha idea ben formada do seu personaxe, polo que só houbo que matizar, non que construír os personaxes, e iso axudou. Foi moi cómodo e moi chulo. Tamén destacaría o tema do ritmo, que vai in crescendo. Preocupábanme o ton e o ritmo. O ton polo que comentei antes da liña fina entre os xéneros. O ritmo porque quería que as escenas e a película o tivesen. E, por certo, a película non se estreará ata o 2024. Agora estamos enviándoa a festivais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.