A cinesta catalá Carla Subirana estrea en cines 'Sica', un filme rodado na Costa da Morte en galego e catalán que conta a historia dunha rapaza que busca respostas no mar tras o naufraxio do barco no que navegaba o seu pai
Carla Subirana vén de estrear nas salas de cine Sica, o filme rodado na Costa da Morte en galego e catalá que presentou na Berlinale e co que participou no Festival de Málaga. Sica é unha longametraxe de ficción creada cunha metodoloxía documental e que conta na maioría do seu reparto con actrices e actores novos e non profesionais. Thais García, unha rapaza de 15 anos Cabana de Bergantiños seleccionada nunhas probas por institutos da zona, interpreta a Sica, a protagonista do filme, que busca respostas no mar tras o naufraxio do barco no que navegaba o seu pai.
A cineasta catalá asistiu á proxección da película –unha coprodución entre Alba Sotorra e a galega Miramemira, distribuída por A Contracorriente– o venres no Festival de Cans, estará este sábado nos Cines Gran Vía de Vigo no pase das 20.20h, e o domingo no cine Numax de Santiago nos pases das 19.30 e 22 horas.
No ano 2016 chegou á Costa da Morte seguindo o Camiño dos Faros, que espertou a súa curiosidade para rodar alí unha película?
A semente de Sica é a natureza, ese océano bravo tan propio da Costa da Morte e unha sensación persoal de sentir unha terra case virxe. Explorar esa paisaxe abraiante que é bela e brutal á vez. Ten como unha mestura de elementos que, complementados co que significa a Costa da Morte na Historia e coñecendo a súa xente con máis profundidade, chamaron a miña a atención. Regresei varias veces co meu compañeiro á zona, nas nosas vacacións, cando aínda non había produtora nin unha idea clara para o proxecto. Eu veño do mundo documental e o que me gusta é ese traballo de campo dunha maneira totalmente libre, acompañar a percebeiras ou coñecer a mariñeiros xubilados que me podían contar como fora a súa experiencia no mar antes, cando non existían a tecnoloxía nin os radares...
Porque Sica é unha ficción, pero traballada coma un documental?
Si, digamos que é a miña ficción no sentido máis clásico. Ten un guión escrito e dialogado, pero ten unha metodoloxía documental. De todas maneiras, o que eu fixen previamente tiña máis elementos de documenta, pero sempre con estruturas de ficción. Polo tanto, eu sempre hibridei xéneros, desde a miña primeira longametraxe documental, Nadar (2008), para min é o natural.
"Eu veño do mundo documental e o que me gusta é ese traballo de campo dunha maneira totalmente libre, acompañar a percebeiras ou coñecer a mariñeiros xubilados que me podían contar como fora a súa experiencia no mar"
A toda esa xente de aquí coa que entrou en contacto nos comezos do proxecto, pareceulle raro o seu interese polas súas historias?
Supoño que si, pero non o expresaban. Non perdían o tempo niso, e iso quizá é parte do carácter galego, porque o tempo o invertían en mostrar con moito amor todo aquilo que forma parte da súa vida. E de maneira moi xenerosa porque investían moito tempo connosco. Por exemplo, fun coa percebeira Mari Lista, de Corme, pero no seu horario. A xente que eu coñecín foi moi xenerosa compartindo as súas experiencias, non sei se é propio do carácter ou vontade de dar a coñecer a súa terra e a súa maneira de facer.
Cando comezou escribir o guión xa tiña claro que a historia se centraría nese dó tan particular de quen perde un ser querido no mar e pode non recuperar o corpo?
"O tema dos naufraxios tamén me interesou moito e tiven a imaxe dun corpo que é devolto polo mar, por iso a idea da película de que o mar sempre devolve á terra aquilo que non lle pertence"
Todos os procesos creativos, se tes o luxo de poder traballalos con tempo, vanse definindo aos poucos. Primeiro hai que camiñar o territorio, fixemos varias veces o Camiño dos Faros; e logo coñecer a súa paisaxe e a súa xente. Falar con historiadores locais, xente interesada no mundo dos naufraxios, lendas vinculadas coa zona... Nese proceso eu vou anotando o que me chama a atención. Foi moi curioso porque o primeiro libro que vin da Costa da Morte atopeino nunha libraría de segunda man en Ribadeo, era A pie por la Costa da Morte, unha tradución ao castelán da obra do escritor catalán Josep Maria Espinàs. Aí comezou todo, xa antes de chegar, porque esa noite comecei ler e decidimos ir para alí.
O tema dos naufraxios tamén me interesou moito e tiven a imaxe dun corpo que é devolto polo mar, por iso a idea da película de que o mar sempre devolve á terra aquilo que non lle pertence. E é un corpo irrecoñecible. Todo iso vai para as miñas notas, coas que fun construíndo despois a historia. Por exemplo, o da furna das grallas que se conta na película está inspirado na lenda do buraco do inferno, que realmente está noutra parte de Galicia. Foi todo así, como o mar que che vai tocando coas ondas.
"Entendín que tiñamos que traballar con xente da zona porque o ritmo da fala e o vocabulario non se pode imitar, todo iso contén unha información en si mesmo. E o mar moldea o carácter e o físico, nos rostros hai moita información"
E que tiña claro sobre as protagonistas?
Quería que a protagonista fora unha chica adolescente. Eu son muller e identificarme con outra muller sempre é máis doado para min, e adolescente porque é unha etapa de transformación crucial, de perda da infancia e onde iniciamos un camiño que ás veces é un tanto doloroso. Logo o personaxe de Suso, o cazatormentas, está inspirado en Rubén Vázquez, que é un meteorólogo aficionado que ten a páxina MeteoVigo, co que contactei despois de ler a súa historia na prensa.
A propósito do personaxe de Suso escribiu que “nun mundo de pantallas como no que vivimos hoxe en día, Suso e Rubén non terían existido”, isto influíu na ambientación do filme?
O personaxe de Suso fíxonos decidir que a película sería atemporal. Está claro que non sucede hoxe porque é certo que non podería existir Suso, e ademais agora a identificación dos corpos a través do ADN está noutro punto.
Por que apostar por un elenco de actores non profesionais e da zona?
Decidir facer a película na Costa da Morte arrastra consigo moitas outras decisións que non son casuais. Por un lado está a forza da paisaxe e a connivencia de vida e morte. O océano dá de comer a toda a Costa da Morte, como dicía Urbano Lugrís, pero tamén che quita a vida; e esa dualidade está na xente que vive alí. Como documentalista teño un máximo respecto polo territorio e entendín que tiñamos que traballar con xente da zona porque o ritmo da fala e o vocabulario non se pode imitar, todo iso contén unha información en si mesmo. E o mar moldea o carácter e o físico, nos rostros hai moita información. Núria Prims e Lois Soaxe son os únicos actores profesionais.
Por outra banda, non é o mesmo traballar cun actor profesional, que xa ten o seu método de traballo e os seus vicios, que cunha persoa que nunca actuou. Cos actores non profesionais tes que abordar o traballo desde outro lugar, e no caso de Thais é que a Sica que eu escribira está nela, na súa forma de moverse e de falar. É unha rapaza moi intelixente e moi intuitiva, e iso sumado á xenerosidade de Núria Prims en escena e a unha maneira de dirixila, dáche unha naturalidade na que hai verdade. No caso de María Villaverde, que interpreta a Leda, sucedeu ao contrario e decidín adaptar a personaxe no guión para aproveitar esa forza e a súa mirada, coa que expresa tanto. Suso é un personaxe moi observador e iso está tamén en Marco Antonio Florido, que ademais ten un rostro moi especial e case atemporal.
A película é case todo exteriores, resultou moi complexa a rodaxe?
Rodar no inverno na Costa da Morte era un reto complicado pola inestabilidade climática e porque as horas de luz no día, que precisamos ao rodar en 16mm, son máis reducidas. Un día paramos a rodaxe porque daban un temporal moi forte e ao final quedou un sol estupendo, e noutros momentos queriamos filmar un ceo de tormenta e non había forma porque en pleno xaneiro o ceo estaba soleado e o equipo ía en camiseta. Pero nas rodaxes en exteriores sempre xogas con estas variables. Preocúpame moito a crise climática e enseguida vin que mostrar todo ese desequilibrio da natureza era moi afín á película, non é o principal da historia pero está moi presente.