"Non sempre se lle dá á emigración galega todo o peso humano, cultural e histórico que merece"

Hugo Javier Freitas, coa edición en galego e alemán de 'Raíces nas augas' CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Hugo Javier Freitas (Bos Aires, 1974), historiador e profesor residente na capital arxentina, vén de publicar Raíces nas augas (Editorial Eo, 2026), unha obra na que reconstrúe a experiencia migratoria entre Galicia —e tamén o Adriático— e o Río da Prata a finais do século XIX e comezos do XX. Faino a partir da súa memoria familiar, a dun neto de galegos e bisneto de croatas, e da investigación que durante anos levou a cabo sobre as súas propias orixes. A partir das historias que lle contaron na casa, pero tamén de arquivos históricos, partidas de nacemento, rexistros civís e prensa da época, analiza as condicións da partida pero tamén o contexto social e económico que empurraba á marcha ou o impacto humano e emocional que supuxo a diáspora. 

Na súa pescuda galega, Freitas descubriu a orixe da súa familia nun home que, con tan só doce anos e a principios do século pasado, marchou da parroquia de Candia, en Abadín, cara a América como polisón agochado nun dos barcos que facían a ruta entre Galicia e o Río da Prata. Sen axuda e sendo un cativo, saíu dun lugar onde aínda vive algún parente lonxano que o axudou no seu labor de reconstrución familiar e que comparte amizade con este que escribe. Casualidades fascinantes que outorga o fío eterno da emigración. 

Portada e contraportada de 'Raíces nas augas' CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Cando xurdiu a idea do libro e por que?

Non xurdiu de maneira inmediata, senón ao longo dun proceso longo e bastante silencioso. Primeiro apareceu unha inquedanza persoal, a sensación de que na miña propia historia familiar había algo máis fondo que merecía ser comprendido. Despois veu a necesidade de investigar, de ordenar nomes, datas, documentos, viaxes, voces e tamén silencios. Co tempo entendín que non se trataba só de reconstruír unha xenealoxía, senón de contar unha experiencia histórica moito máis ampla: a emigración, a separación, o traballo, a memoria e a transmisión entre xeracións. O libro nace desa convicción: que detrás dunha historia familiar concreta latexa tamén unha parte da historia colectiva de Galicia, do Adriático e do Río da Prata.

"O libro nace da convicción de que detrás dunha historia familiar concreta latexa unha parte da historica colectiva de Galicia e do Río da Prata"

Por que se decidiu a indagar tan a fondo no seu pasado familiar en Europa?

Foi algo así como unha cuestión existencial. Non hai moito perdín a meus pais e tiña dentro preguntas de había tempo que aceleraron esas inquedanzas. Este traballo e a busca das orixes foi tamén un xeito de canalizar esa dor, esa ausencia. 

Tiña na cabeza facer un libro?

Non buscaba escribir un libro, nin moito menos, senón facer unha especie de árbore xenealóxica dos meus antepasados, buscando documentación e contactando con parentes, en Galicia a través dos que coñecera a miña avoa, e logo tamén descubríndoos en Croacia, aínda que neste caso fose máis difícil polo idioma e por non ter tanta relación. 

Como deu coas súas orixes?

Foi un camiño lento e, por momentos, moi emocionante. Comezou con recordos familiares dispersos, con nomes que se repetían, con algunhas fotografías e relatos parciais. A partir de aí comecei a buscar de maneira máis sistemática en rexistros civís, libros parroquiais, arquivos e documentos migratorios. Nese proceso fun entendendo que as orixes non aparecen de golpe, como unha revelación, senón que se van reconstruíndo pouco a pouco, case peza a peza. No meu caso, ademais, houbo dúas grandes liñas de busca: a galega e a croata. E en ambas comprendín que buscar as orixes non é só atopar un lugar de procedencia, senón entender traxectorias humanas, decisións, desarraigamentos, perdas e continuidades.

"O meu antepasado saíu dunha aldea de Abadín en 1909, con doce anos, e viaxou como polisón nun barco; chegou sen ningún tipo de soporte nin apoio á Arxentina"

Como emigraron os seus antepasados?

Son dúas situacións moi distintas. No caso croata, o meu antepasado chega con 18 anos a final do século XIX ao Río da Prata. Sae da súa aldea, viaxa en tren a Xénova e contacta con axencias de viaxes que buscaban man de obra para infraestruturas na zona. Así chega a América para traballar, entre o Uruguai e Bos Aires, en canteiras. O caso galego é moi diferente...

Tanto?

O meu antepasado, Xesús Alonso, é orixinario dunha aldea de Abadín que chega ao Río da Prata en xaneiro de 1909 con só doce anos. Viaxa como polisón dentro dun bote salvavidas dun barco, agochado porque non tiña nin para pagar o billete. Era o maior de cinco irmáns e vén sen ningún tipo de apoio, nin soporte, nin nada... Tiña que ser unha situación moi complexa para el, nunha Galicia que se desangraba pola emigración. Aquí axúdano uns paisanos, danlle traballo nunha panadería e logo dedícase a traballar na construción de pozos cegos para todas esas casas que se ía construíndo nunha cidade que estaba medrando tanto... Logo establécese e forma unha familia. Ata aquí. Son dous modelos de inmigración europea totalmente diferentes, aínda que ambas persoas teñan moitas cousas en común na orixe da súa partida: problemas sociais e económicos, enfermidades e mesmo tensións políticas, especialmente no caso croata. 

Hugo Javier Freitas, presentando o seu libro en Bos Aires CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Como deu contactado coa súa familia de Galicia?

Foi un dos momentos máis intensos e máis fermosos de todo este proceso. Xurdiu a partir da investigación e da necesidade de tender pontes con ese pasado que durante moito tempo quedara do outro lado do océano. Pouco a pouco foron aparecendo nomes, referencias, vínculos posibles, ata que finalmente puiden contactar con familiares que viven alí e que me recibiron cunha enorme xenerosidade. En particular, o vínculo con Manuel Regal [teólogo e escritor galego residente en Abadín] e a súa contorna foi moi importante, non só pola información que me achegaron, senón tamén pola calor humana coa que me abriron unha porta a esa memoria familiar. Foi moi emocionante comprobar que, despois de tanto tempo e tanta distancia, aínda existía unha forma de recoñecemento e continuidade.

"A emigración non remata cando o barco chega a destino: segue vivindo durante décadas na memoria familiar, na lingua, nos silencios e nas ausencias"

Cal é a importancia para vostede do legado da emigración e por que o interese de plasmar a historia nun libro?

Ten unha importancia moi fonda, porque non o sinto só como unha herdanza familiar, senón tamén como unha responsabilidade de memoria. Durante moito tempo, moitas das historias que contaban na familia quedaron reducidas a fragmentos, a silencios, a lembranzas incompletas. Levalas a un libro foi unha maneira de darlles forma, de rescatalas do esquecemento e tamén de poñelas en diálogo cunha historia máis ampla. Interesábame que non quedasen encerradas no ámbito privado dunha familia, senón que puidesen ser lidas como parte da experiencia de tantos homes e mulleres que emigraron, traballaron, sufriron e deixaron marcas que aínda hoxe seguen vivas. O libro intenta facer xustiza, humildemente, a esa dimensión humana da emigración.

É unha forma de unir historias atrapalladas, inconexas...

Si. Moitas veces as historias familiares quedan como sinais dispersas: unha foto, un apelido, unha carta, unha lembranza. O libro intenta escoitar todo iso con paciencia e darlle forma. E ao facelo, comprendín que a emigración non remata cando o barco chega a destino: segue vivindo durante décadas na memoria familiar, na lingua, nos silencios e nas ausencias. Por iso, sendo un libro moi persoal, aspira tamén a tocar unha experiencia compartida por moitas familias galegas e riopratenses.

Se cadra non somos de todo conscientes do peso da emigración galega na Arxentina...

É enorme, claro, en todo. Calcúlase que, hoxe en día, na Arxentina hai perto de catro millóns de persoas descendentes de galegos. Nunha poboación de case 47 millóns, iso representa case o 10% e, dentro da colectividade española, a galega é con moito a máis abundante. Para poñelo en perspectiva, o peso da emigración croata está tamén entre as dez máis numerosas, pero falamos de 300.000 descendentes dese país. 

Emigrantes galegos ante o Centro Gallego de Buenos Aires, a principios do pasado século © CGBA

Cre que a emigración galega ten o peso que merece a nivel de difusión cultural, historia ou mesmo política?

Creo que, aínda que existe unha conciencia importante sobre a emigración galega, non sempre se lle dá todo o peso humano, cultural e histórico que merece. Moitas veces fálase dela en termos xerais, como un gran fenómeno colectivo, pero pérdense as vidas concretas, os esforzos cotiáns, as rupturas familiares, a experiencia da viaxe e da adaptación. En América, a pegada galega é inmensa e forma parte da vida de sociedades enteiras. E na propia Galicia, penso que aínda hai moito por seguir explorando e narrando. Non só como parte do pasado, senón como unha dimensión central da identidade galega.

"Aínda hai moito que explorar e narrar da emigración galega, non só como parte do pasado, senón como unha dimensión central da identidade galega"

Arturo Lezcano, na súa obra O País invisible, reivindica precisamente iso, a necesidade de narrar esa epopea a través dos milleiros de historias que hai detrás...

Nos últimos anos hai un renovado interese polas historias da emigración, e iso paréceme moi valioso. Quizais porque hoxe entendemos mellor que a emigración non foi só un movemento económico ou demográfico, senón unha experiencia profundamente humana. Libros como O país invisible contribúen a devolverlle voz e densidade a ese mundo. Creo que sería moi positivo apostar máis por estas historias, porque permiten comprender mellor quen somos. Non desde unha memoria abstracta, senón desde traxectorias concretas, coas súas dificultades, os seus esforzos e a súa dignidade.

"A emigración é como o síndrome do 'membro pantasma' na xente á que lle amputan unha extremidade: séntese sempre a ausencia, mesmo de familiares que non viches nunca"

É máis recoñecido e valorado o peso da emigración na Arxentina ao ser un pobo construído a base dela?

O que hai na Arxentina é unha especie de memoria fragmentada, como flashes, lembranzas que se foron transmitindo de xeración en xeración. O arxentino sabe que ten ascendencia de moitos sitios e é consciente de como chegaron eses antepasados, como traballaron... E hai unha pegada cultural obvia na comida, na fala e ente tantas cousas. Pero o que intentei con este libro foi darlle tamén unha visión máis humana ao que a emigración significaba, a dureza da marcha, como sufrían os que quedaban. En medicina chámase síndrome do membro pantasma a esa condición neurolóxica e sensitiva pola que unha persoa segue sentindo a presenza dunha extremidade que lle foi amputada. Este síndrome, para min, serve como metáfora do que supuxo a emigración en tanta xente, ilustra o que foi a separación para os dun lado e para os do outro, que seguen sentindo esa ausencia, mesmo en casos de familiares aos que non viron nunca. 

Que non se esqueza a cuestión máis humana, logo...

É que esa cuestión humana é moi importante aquí. Este libro e o traballo que hai detrás son como un retorno simbólico e de recoñecemento e homenaxe a todas esas persoas que, con valentía, buscaron un futuro mellor, formaron unha familia e transmitiron a súa cultura e identidade aos seus descendentes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.