Dende hai catro anos, o 7 de febreiro celébrase o Día dos Medios en Galego, unha conmemoración impulsada pola Amega (Asociación de Medios en Galego) aprobada a través dunha declaración institucional apoiada por unanimidade no Parlamento galego.
Este ano o Día dos Medios en Galego -baixo o lema 'Bota a lingua a pacer'- celebrarase o sábado 5 de febreiro cun roteiro pola cidade de Santiago
Conmemórase o aniversario da publicación do Parrafeo Primeiro de O Tio Marcos d'A Portela, o xornal impulsado por Valentín Lamas Carvajal que chegou a vender 4.000 exemplares, converténdose na primeira cabeceira de masas publicada en lingua galega. Un xornal que no seu primeiro número criticaba a quen se avergoñaba de falar en galego: “Fálase chino na China, portugués en Portugal, catalán en Cataluña, e na Alemaña, alemán, só os galegos de agora, ata vergoña lles dá falar a melosa e doce fala que falan os seus pais”.
Este ano o Día dos Medios en Galego -baixo o lema 'Bota a lingua a pacer'- celebrarase o sábado 5 de febreiro cun roteiro pola cidade de Santiago ('Compostela e a lingua') que afondará en distintos aspectos históricos relacionados co idioma na capital do país. O evento conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e, nesta ocasión, co Concello de Santiago.
Conmemórase o aniversario da publicación de O Tío Marcos da Portela, o primeiro xornal de masas en lingua galega
O roteiro, acompañado polo pasarrúas de Xulio Maside, sairá ás 11:30h do número 34 da Rúa Nova. A primeira parada será diante da placa dedicada a Roberto Vidal Bolaño, no Salón Teatro. Alí a compañía de teatro Os Quinquilláns representará unha pequena escena dunha das obras do dramaturgo, conmemorando así o vinte aniversario so seu pasamento.
Despois, o roteiro continuará na Praza da Universidade, no antigo Restaurante El Asesino, onde o filósofo Antón Baamonde descubrirá a importancia dos faladoiros que había nos locais de hostalería composteláns en tempos de crise. O escritor Bieito Iglesias será o encargado de vincular a relación entre a Universidade de Santiago de Compostela co galego, noutra parada que se realizará na Facultade de Xeografía e Historia.
Antón Baamonde, Bieito Iglesias, Anxos García Fonte, Rosalía Fernández Rial ou Os Quinquilláns intervirán nas distintas paradas do roteiro
Haberá tamén unha visita no Colexio de Santo Agostiño, onde a profesora Anxos García Fonte debullará a relación de Rosalía de Castro coa cidade. Finalmente, no espazo Zona C da praza de Cervantes, haberá un espectáculo poético-musical a cargo da carballesa Rosalía Fernández Rial, despois de que representantes das entidades organizadoras e colaboradoras dean unhas palabras. As persoas que desexen participar no roteiro poden inscribirse enviando un correo electrónico a mediosengalego@gmail.com.
"Non só e importante para normalizar o uso da nosa lingua, para poñela en valor, senón para achegarse a xente e transmitirlle as novas que lle sexan de interese ou importancia", escribiu Carracedo
A celebración mantívose o pasado ano -aínda que adiada ao 20 de marzo- nun acto que lembrou o moito que hai por "sachar" para normalizar o uso da lingua e un artigo de opinión de Ángel Carracedo, Catedrático da Universidade de Santiago e Director da Fundación Pública de Medicina Xenómica no que subliñaba que "non só e importante para normalizar o uso da nosa lingua, para poñela en valor, senón para achegarse a xente e transmitirlle as novas que lle sexan de interese ou importancia". E mais un vídeo no que varias persoas do mundo da cultura, dende María Lado a Patricia de Lorenzo, pasando por Xiana Lastra ou Henrique Alvarellos, respondían á pregunta 'Por que son necesarios os medios en galego?'