O galego máis próximo á normativa fálase na Lama

Xulio Sousa © Consello da Cultura Galega

O concello no que se fala unha variante do galego máis próxima ao estándar normativo é A Lama. Tamén os lugares de Santa Comba (Lugo), A Cañiza, Deixebre (Oroso), Ribadulla (Vedra) e Lourido (Soutomaior) teñen variedades do galego achegadas á normativa fixada. Son os resultados dun estudo que vén de publicar Xulio Sousa, membro do Instituto da Lingua Galega da USC, na revista Languages

A Lama acada o valor máis elevado, cunha coincidencia dun 89%, pero a media sitúase no 74.75% e unha parte moi importante do país (pintada de vermello no mapa) presenta valores por riba do 77%

A investigación parte da análise dos datos do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), elaborado polo ILG a partir de rexistros do galego falado recollidos en áreas rurais de todo o país a finais dos anos 70 do pasado século. En concreto, Sousa analizou os rexistros de 167 localidades de toda Galicia e tamén de zonas de Asturias, León e Zamora de fala galega. 

Na investigación destaca que as porcentaxes de semellanza entre as variantes do galego e o estándar son moi elevadas. A Lama acada o valor máis elevado, cunha coincidencia dun 89%, pero a media sitúase no 74.75% e unha parte moi importante do país (pintada de vermello no mapa) presenta valores por riba do 77%. A maior coincidencia prodúcese nas áreas dos bloques central e occidental, mentres que o bloque oriental, lindeiro con Asturias, León e Zamora, presenta valores algo máis reducido. A menor coincidencia dáse, precisamente, en lugares de fala galega que se atopan fóra de Galicia, como a localidade leonesa de Pombriego (34% de coincidencia) e a asturiana de Coaña (46%).

Semellanza entre o galego falado en cada zona nos anos 70 e a norma oficial © Xulio Sousa

A investigación buscaba analiza "en que maneira as características morfolóxicas do estándar recollen as distintas variedades do galego"

Xulio Sousa destaca que a comparación realizada buscaba analizar "en que maneira as características morfolóxicas do estándar recollen as distintas variedades do galego". E explica que cando este tipo de estudos se realizan noutros lugares "as condicións de partida son outras, pois o estándar está asentado dende hai moito tempo" e o que se adoita estudar é "de que forma as variedades actuais se vén influídas polo estándar fixado e de que xeito o estándar funciona como nivelador das variedades dialectais". En cambio, o estándar do galego é moi recente e, de feito, é posterior á recollida destas mostras. Polo que neste caso o que amosa a investigación é o xeito en que o estándar se axustou ás variables dialectais previas.

O traballo desmente así a crenza popular de que o galego normativo é unha variedade "inventada" ou "de laboratorio", afastada da realidade dos galegofalantes

O traballo desmente así a crenza popular de que o galego normativo é unha variedade "inventada" ou "de laboratorio", afastada da realidade dos galegofalantes. "Eses xuízos teñen moito que ver coa perspectiva coa que vemos os procesos", di Sousa. "Hoxe ninguén di 'o castelán que se le e que escoita é un castelán inventado', e en realidade si o é, e moito máis outras linguas como o italiano. O que pasa é que a conformación do estándar do galego é moito máis recente e vémolo doutra maneira", engade.

"A pesar de que popularmente se cre que no galego hai moita diversidade, a realidade é que as diferenzas dialectais non son moitas"

Xulio Sousa comenta que "a pesar de que popularmente se cre que no galego hai moita diversidade, a realidade é que as diferenzas dialectais non son moitas, a pesar de ser unha área densamente poboada dende hai moito tempo". "Hai algunhas variacións que teñen que ver co léxico, pero no resto das variables lingüísticas non hai unha variación elevada", di.

A investigación analizou un total de 324 fenómenos morfosintácticos, tales como a formación de plurais e ditongos ou as conxugacións verbais. "O traballo está só feito con datos de morfoloxía e morfosintaxe, non con datos léxicos, porque a norma estándar afecta sobre todo a estes elementos", explica Sousa. "Se nós quixésemos facer o mesmo coa fonética ou o léxico, sería máis difícil, porque hai variacións fonéticas que non podemos dicir que non sexan do estándar: se dicimos 'sol' con 'o' aberto ou con 'o' pechado, as dúas formas son do estándar. E o mesmo co léxico, no que é difícil dicir se unha ou outra forma son máis do estándar. Na morfosintaxe hai máis fixación respecto da escolla de determinadas variantes", comenta.

Distribución da pronuncia de 'ela' no Atlas Lingüístico Galego © ILG

"Nos rexistros formais, o peso do estándar é moi elevado. En cambio, o peso do estándar sobre os rexistros familiares e coloquiais ten un peso menor"

E de que forma influíu o estándar nas distintas variedades dialectais dende a súa fixación hai 40 anos? Xulio Sousa sinala que se necesitaría facer unha recolla actualizada de novos rexistros como os que conforman o Atlas para así "poder facer en detalle unha comparación de tantos trazos lingüísticos".

En calquera caso, comenta que neste caso habería que contemplar outras variables, como a diferente influencia da norma nun e noutros rexistros. "Dende os anos setenta o galego gañou variación nun sentido vertical, pois ao ser lingua do ensino e estar presente tamén nos medios de comunicación incorporou rexistros que antes non existían. Neses rexistros o peso do estándar é moi elevado", sinala. "En cambio, o peso do estándar sobre os rexistros familiares e coloquiais ten un peso menor", engade.

 "Se nos medios de comunicación hai unha variedade que non se usa, pois ao final acabas asociando esa forma de falar sen seseo como a forma máis prestixiada, e gardas o seseo para a casa"

"Impacto si que houbo e claramente hai certos trazos fonéticos que se están vendo afectados, como o seseo", explica Xulio Sousa. "No seseo, polo que observo e por estudos recentes houbo un retroceso moi acusado nas últimas décadas. E aquí si que se ven grandes diferenzas en función do rexistro: en certos rexistros familiares os falantes úsano e noutros máis formais ocúltano, comenta. 

Unhas diferenzas que en bo medida teñen que ver coa existencia ou non de "referentes". "Se nos medios de comunicación hai unha variedade que non se usa, pois ao final acabas asociando esa forma de falar sen seseo como a forma máis prestixiada, e gardas o seseo para a casa", remata.

Mapa das variedades dialectais do galego © Trafegando Ronseis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.