"Estar en activo tocando con compañeiros, vibrante e nos escenarios, tamén me inspira"
Anfibia Por Veces. Así titula Antía Muíño o seu segundo álbum, froito do aprendido sobre os escenarios –dos que non baixa dende o 2022, cando foi destacada como artista emerxente nos Premios Martín Códax– e dunha mirada introspectiva coa que marca o camiño que quere seguir.
A artista compostelá di que con Anfibia por veces dá un paso máis na súa maneira de entender a música. E non vai polo mal camiño, pois na última gala dos Premios Martín Códax acadou o recoñecemento na categoría de Canción de Autora con este disco, editado por Raso Estudio, no que involucra ao Hevi na produción e para o que busca a compañía doutras cantareiras e instrumentistas.
Tras uns primeiros concertos en salas e teatros, o 30 de xullo Antía Muíño estará nos Xoves de Códax, en Cambados, e o 31 nas Ondas Culturais no Pazo da Cultura de Carballo. En agosto pasará polo festival SoaSuarna (22 de agosto) de Navia de Suarna (Os Ancares) e mais polo Castelo Conta (28 de agosto) na aldea de Castelo (Culleredo). E seguirá a súa xira no outono, con máis datas aínda por anunciar.
Dende 2022, cando se publicou o teu álbum debut, Carta Aberta, a sensación é de que non paraches [Entrevista en Vinte]. Se non estabas coa túa xira, estabas acompañando a Baiuca nos directos. Como se colle a calma para parar e compoñer novas cancións nestes tempos?
Pois boa pregunta. A ver, ao final sempre hai eses momentos, eses espazos. A verdade é que creo que teño “facilidade” para crear cousas, o que me leva moito tempo –e para o que si que son precisos eses momentos de quietude, sobre todo mental– é organizar o traballo. É dicir, ver que podo facer con todas as ideas que xa teño, como as vou acompañar para que formen parte dun disco, dun sinxelo ou dunha colaboración. Para tecer todo iso faime falta calma. Pero, por outra parte, estar en activo tocando con compañeiros, vibrante e nos escenarios, tamén me inspira. Porque ao final, no meu caso, estar parada tampouco me funciona moito. O caso é atopar o equilibrio. E o certo é que para min o máis importante é tocar en directo, estar en contacto coa xente e ver como reacciona coa música.
"O feito de persistir nunha maneira de entender a música que require máis pausa, máis atención, que non está subindo ao carro do algoritmo.. Iso tamén é algo político"
Esa adrenalina do directo...
Si, porque o feito de subirme a un escenario é un agasallo, realmente é unha sorte poder vivir disto e poder facelo así, enriba dos escenarios. O poder que ten o directo non o ten nada máis, polo menos na miña música. Procuro que sempre sexan especiais, moitas veces a xente cando vén por primeira vez a un concerto sorpréndese, remóveselle algo dentro. Esa é a conexión que só é posible en directo e é algo que me satisfai moito a nivel persoal. Evidentemente tamén é importante no profesional, porque vivimos disto e hai que comer, pero a nivel vital resulta súper satisfactorio. Ilusiona moito cando che veñen falar emocionados despois dun concerto, porque eu tampouco fago moito ruído, por dicilo dalgunha maneira, pero creo que me estou mantendo constante sacando música e tocando.
Entón, o feito de que esteas vivindo da música demostra que se pode vencer o algoritmo, non?
Máis que o algoritmo, que tamén, son certas dinámicas da industria musical, que parece que deixa un pouco de lado propostas que se cadra requiren de máis atención para aprecialas.
Eu non fago música explicitamente política, pero si creo que hai algo de político en todo o que facemos e o feito de persistir nunha maneira de entender a música que require máis pausa, máis atención, que non está subindo ao carro do algoritmo.. Iso tamén é algo político.
Decides titular este segundo álbum Anfibia por veces, como unha das cancións, que nos pode levar a pensar no inverno de abundantes choivas que pasamos, pero en que pensabas ti?
Pois mira, non vas moi desencamiñada. O título refírese a esa canción na que reflexiono sobre cuestións de identidade, sobre a miña relación coa terra que habito e, evidentemente, aí está a miña casa, Galicia, con toda a humidade e a choiva que mencionas. É unha imaxe que me creei para esa canción, pero que despois pensei que servía moi ben para titular o disco porque contén outro simbolismo relacionado coa capacidade que ten un ser anfibio de desenvolverse en distintas contornas; e eu identifícome moito con ese contraste de vivir en espazos diferentes. Entendo a música como un proceso súper aberto, no que teñen cabida moitas influencias. Ademais, neste álbum hai moito contraste con temas máis introspectivos, crus, íntimos e outros nos que quixen romper un pouco con iso e celebrar, cargarme dunha enerxía colectiva. Esta idea dos contrastes é a que me gusta do mundo anfibio.
"A maioría dos temas foron gravados con todos tocando en directo nunha mesma sala. Non é un xeito habitual de facelo e creo que axuda a que as cancións soen máis orgánicas"
Tamén é unha demostración de forza pola túa parte, de que acolles todas as influencias pero marcas o teu camiño.
Hai unha parte de reafirmación no que creo, co que me sinto a gusto e ao que me manteño fiel. Non podo ser doutra maneira. Neste disco está presente esa vontade de seguir facendo un camiño co que me sinto identificada, aínda que moitas veces non é único. Esta dualidade forma parte da miña identidade, eu teño momentos máis íntimos nos que prefiro non saír e quedar na casa, e outros nos que necesito celebrar, ese contacto co mundo, coa xente.
Hai un cambio na produción, na que contas co Hevi [líder de Malandrómeda, produtor do segundo disco de Caamaño e Ameixeiras e artífice da gravación do novo álbum de Néboa, entre outras moitas facetas].
Tiña claro que neste disco quería traballar con alguén externo, porque en Carta Aberta non houbo ese papel. Buscaba unha mirada allea, pero que tamén me coñecera a min e que estivera en sintonía coa miña música, aínda que buscaba levala a outro punto. Lograr ese equilibrio na produción ás veces é complexo, por iso quixen contar co Hevi, porque vén connosco nas xiras como técnico de son e coñece ben o proxecto, e ademais ten unha visión moi ampla da música que é distinta da miña.
Estou moi contenta e moi orgullosa porque puidemos gravar en directo este disco. A maioría dos temas foron gravados con todos tocando en directo nunha mesma sala. Non é un xeito habitual de facelo e creo que axuda a que as cancións soen máis orgánicas.
Así se crea unha enerxía distinta entre vós?
Si, totalmente. Ao principio vas con medo, porque cunha nota mal podes cargarte moito traballo, pero eu penso que paga a pena incluso se hai algún erro, porque así tamén se ve que é música feita por humanos e non por máquinas.
Que é o que querías ti deste segundo álbum?
Quería sacar a miña música dese son estritamente naturalista que viña facendo. Tamén buscaba que a pesar de que todas son cancións diferentes e con bastantes contrastes se respirase algo único no disco, que houbese algo que as unira. E así foi. Sempre compoño coa guitarra e ese xogo de guitarra e voz pode levar a certa languidez... Quería que aínda que as cancións naceran máis lentas e etéreas puideran coller un ritmo máis enérxico.
"Penso que paga a pena [gravar o disco en directo] incluso se hai algún erro, porque así tamén se ve que é música feita por humanos e non por máquinas"
Pensaches o tema A beleza como un refuxio ante a violencia, a crispación e a agresividade crecente no discurso que nos rodea?
A priori non, pero escribir esa canción tivo moito que ver con iso. O que vemos constantemente é crispación, mensaxes violentas, miradas en negativo... Iso está aí e é real, pero para min a música ten algo terapéutico e quixen escribirlle á beleza: á beleza da vida, das persoas que me acompañan, de momentos que me fan sentir en conexión co mundo e de ter esperanza. Creo que non podemos perdela porque se pensamos que nada pode cambiar, que nos queda? A canción pon o foco nunha mirada amable sobre a vida e sobre nós mesmas porque penso que doutra maneira o cambio non é posible. É bo que deamos a nosa mellor versión con todo o que está a pasar no mundo, se cadra fagamos menos ruído pero creo que persistiremos máis.
Ademais de contar cos músicos Miguel Arribas, Judith Almeida e Ton Risco na gravación de todas as cancións, neste traballo buscaches rodearte de compañeiras como as Lilaina, Margarida Mariño e Brassica Rapa. Como chegaron estas colaboracións?
Mentres estou compoñendo as cancións pídenme cousas e ás veces teño a sorte de que penso en contar co cello de Margarida Mariño e que llo propoño e a ela tamén lle encaixa, ou que nunha canción só podo escoitar as voces das Lilaina porque penso que a van elevar moitísimo. Para min as colaboracións deben estar ao servizo da música, e logo se ademais podo contar con compañeiras cantareiras e instrumentistas con tanto talento, e axudar a que se visibilice que as mulleres non só cantamos, tamén tocamos instrumentos, pois moito mellor.