A directiva de Músicas ao Vivo subliñou "a necesidade de recoñecer o papel central das músicas e músicos dentro da cultura e da industria do país"
As lendas e supersticións foron o fío condutor da gala de entrega dos XIII Premios Martín Códax da Música, que o Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu este mércores. Con sorte ou sen ela, os galardóns levn tempo consolidados como unha plataforma fundamental para a visibilidade da creatividade e da diversidade da música galega.
A cerimonia entregou 15 premios a artistas e proxectos musicais, outro a artista emerxente e outros tres a festivais, salas e iniciativas de comunicación, ademais dun premio honorífico a Los Suaves, outros dos grandes protagonistas da gran noite da música galega.
A Xunta Directiva de Músicas ao Vivo anunciou durante a gala que o actual período de traballo da directiva chega ao seu fin e que esta foi a súa última edición á fronte dos Premios Martín Códax da Música. Nos vindeiros meses darase paso a un novo equipo.
Ademais, denunciou problemáticas estruturais que continúan afectando ao sector, como a "precariedade xeneralizada" e sinalou a necesidade de fortalecer a presenza e contratación de proxectos galegos nos grandes eventos musicais
A directiva saínte subliñou "a necesidade de recoñecer o papel central das músicas e músicos dentro da cultura e da industria do país", ademais de denunciar problemáticas estruturais que continúan afectando ao sector, como a "precariedade xeneralizada" e sinalou a necesidade de fortalecer a presenza e contratación de proxectos galegos nos grandes eventos musicais.
Entre os gañadores e gañadoras houbo nomes consagrados e con longas traxectorias, coma os ourensáns Lamatumbá, poñendo en manifesto o regreso duns referentes na música da festa. E tamén proxectos máis novos, coma os Galician Army, que levan tempo destacando en festivais de referencia e contan con colaboracións de éxito cos grupos galegos do momento
O Premio a Artista Emerxente foi para Lula Mora, o dúo formado por Sara Caride e Silvia Izquierdo
No apartado de Música Folk, o grupo Abril recolleu o galardón cunha proposta centrada na reinterpretación da música de raíz galega desde unha perspectiva contemporánea. Pola súa banda, Carapaus foi recoñecido na categoría de Música Tradicional, destacando polo seu traballo arredor da música popular galega e das tradicións vinculadas ao patrimonio oral e festivo.
O premio na categoría de Canción de Autor/a foi para Antía Muíño, cun proxecto no que a súa voz íntima dialoga co jazz e o pop entre a tradición e a contemporaneidade. Hugo Guezeta foi premiado no apartado de Músicas Urbanas, recoñecido polo seu traballo en solitario, tralo seu paso no grupo SonDaRúa.
Lula Mora, Artista Emerxente 2026
Galicia en Concierto, a Sala Capitol e o Festival Alternativo Millo Verde levaron os premios Organistrum
O Premio a Artista Emerxente foi para Lula Mora, o dúo formado por Sara Caride e Silvia Izquierdo, que combina música e poesía nunha proposta que tende pontes entre Galicia e Canarias. A súa música parte da canción de autora e incorpora influencias do indie, o folk e a música de raíz, cun proxecto que este ano publicou o seu primeiro traballo discográfico, Hogar.
Nos Premios Organistrum, Galicia en Concierto recibiu o recoñecemento a Comunicación e Difusión Musical polo seu labor na promoción e divulgación da música feita en Galicia. A Sala Capitol foi distinguida como Mellor Sala, consolidándose como un dos espazos galegos de referencia para a música en directo. Pola súa parte, o Festival Alternativo Millo Verde levou o premio a Mellor Festival, recoñecendo unha traxectoria vinculada á música alternativa e á autoxestión cultural.
A gala rematou coa entrega do Premio Honorífico a Los Suaves, recoñecendo así a traxectoria dunha das bandas máis emblemáticas do rock galego e estatal, cun percorrido musical que marcou varias xeracións desde a súa creación nos anos oitenta.
Artistas e proxectos gañadores
- METAL E HEAVY: Keepers
- CANCION DE AUTOR/A: Antía Muíño
- BLUES, FUNK E SOUL: Allo Negro
- ELECTRÓNICA: Galician Army
- ROCK E PUNK: Stoned at Pompeii
- MÚSICAS URBANAS: Hugo Guezeta
- ORQUESTRAS, GRUPOS E MÚSICA DE VERBENA: Lamatumbá
- MÚSICA CLÁSICA E CONTEMPORÁNEA: María Mendoza
- JAZZ E MÚSICAS IMPROVISADAS: Xan Campos "Amorodios”
- POP E INDIE: Michu da Rocha
- MÚSICAS DO MUNDO E MESTIZAXE: Lidia India
- MÚSICA INFANTIL: Paco Nogueiras
- MÚSICA FOLK: Abril
- MÚSICA TRADICIONAL: Carapaus
- BANDAS DE MÚSICA POPULAR: Banda de Música Municipal de Celanova
- ARTISTA EMERXENTE: Lula Mora
- Organistrum COMUNICACIÓN E DIFUSIÓN MUSICAL: Galicia En Concierto
- Organistrum FESTIVAIS: Festival Alternativo Millo Verde
- Organistrum SALAS: Sala Capitol
- Premio Honorífico: Los Suaves