Volve o Festival Castelo Conta, que celebrará do 24 ao 30 de agosto a súa 11ª edición. Outros sete días nos que as aldeas da parroquia de Castelo, en Culleredo, volverán converterse nun espazo de encontro arredor da cultura, a memoria e a festa popular.
Castelo Conta celebrarase do 24 ao 30 de agosto e volve reivindicar "unha maneira propia de entender a celebración popular
Desta vez o lema será Outra volta á festa, para un festival que reivindica "unha maneira propia de entender a celebración popular, un lugar no que música, memoria, gastronomía, humor, tradición e creación contemporánea conviven coa participación da veciñanza".
Xosé A. Touriñán, veciño da parroquia e director do festival, presentou este xoves a programación xunto a numerosas autoridades nun acto aberto ao público. Volveu destacar o papel central da veciñanza no desenvolvemento dun proxecto que naceu hai xa máis de dez anos e que continúa medrando desde a implicación de todas e todos. "O máis importante do Castelo Conta sodes vós", dixo, explicando que esta nova edición parte da mesma idea coa que naceu o proxecto: facer da cultura un punto de encontro entre persoas, xeracións e territorios.
O modelo do festival é a súa esencia: a colaboración e a participación de tanta xente. Desta volta, 50 profesionais e 100 persoas voluntarias implicadas na organización e a colaboración con entidades como a Asociación de Persoas Xordas de Galicia, Ecos do Sur e a Asociación Parkinson Galicia.
9Louro, Orquestra Bravú Xangai, Kid Mount, De Ninghures, Xoel López, Antía Muíño, Tapa d’Orella ou Ulexs serán algunhas das principais actuacións musicais
Durante a semana de troula e cultura, a música volverá ser un dos pratos fortes, con actuacións como as de 9Louro, Orquestra Bravú Xangai, Kid Mount, De Ninghures, Xoel López, Antía Muíño, Tapa d’Orella ou Ulex, entre outros moitos. Porque a festa é a todas horas e a programación volverá articularse arredor dos diferentes momentos do día.
As mañás estarán protagonizadas por Xente Miúda, o espazo dedicado á cativada, que ofrecerá cinco xornadas de actividades nas que natureza, arte, música e teatro serán ferramentas para achegar as novas xeracións ao patrimonio da contorna.
Ao mediodía, a actividade trasladarase á Taberna de Castelo, que volverá converterse nun dos grandes puntos de encontro do festival cos seus míticos Vermús na Taberna. Catorce profesionais da gastronomía galega —como Lucía Freitas, Bea Sotelo ou Kike Piñeiro, entre outros— participarán elaborando petiscos en directo mentres diferentes formacións musicais acompañan cada sesión.
O festival mestura música, tradición oral, gastronomía, artes escénicas e encontro comunitario, con espazos para todas as idades e nos diferentes momentos do día
A música correrá a cargo de Factoría de Subsistencia, Tapa d’Orella, Balteira, Unto Vello, Ulex, Skadelos, Quinkillada e Tanto Nos Ten. Como novidade este ano, o mércores presentarase a iniciativa As pegadas do baile, creada por Artur Puga.
As tardes volverán estar reservadas aos Contos de Castelo, un dos espazos fundacionais do festival, "nacido para situar no centro a oralidade, a memoria e as historias das persoas maiores da parroquia". Ao longo da semana desenvolveranse encontros arredor da figura de Finita Gay, a tradición oral e a regueifa, o baile tradicional, o proxecto ‘Mulleres que Contan’ e a recuperación de mitos e lendas vinculados á literatura galega.
Seráns do Castelo Conta
Ao caer a tarde, as diferentes aldeas de Castelo volverán transformarse en escenarios ao aire libre para acoller os Seráns do Castelo Conta. A programación musical arrancará cun concerto especial da Orquestra Bravú Xangai, arredor da figura de Finita Gay, e continuará cun cartel que reúne diferentes xeracións e linguaxes da escena musical galega: 9Louro, Kid Mount, o grupo de baile de Castelo, Ailá, De Ninghures, Xoel López ou Antía Muíño, ademais das sesións de DJ Kike Varela e DJ Mínimo.
Ademais, esta edición volverá contar coa Foliada do Castelo Conta, unha das citas máis participativas do festival que, tras a gran acollida do ano pasado, regresa como "un espazo aberto no que música e baile volverán ocupar o centro da festa".
O sábado terá lugar unha das grandes citas do festival coa celebración da Noite do Castelo Conta, unha xornada que volverá transcorrer entre a "churrascada popular, o humor e a música".
O 12 de agosto, Castelo Conta organiza unha gran festa para ver o eclipse
A gala dos monólogos, guiada por Xosé A. Touriñán, contará coa participación de Carlos Blanco, David Perdomo, Lucía Veiga, Pepo Suevos, Oswaldo Digón, Marita Martínez, Patricia Castrellón e Gari Garrido, acompañados pola música de Galifunk Brass. A noite rematará co concerto de Gin Toni’s e unha nova sesión de DJ Mínimo.
Ademais, o Castelo Conta despedirá esta nova edición coa Romaría de San Ramón, unha xornada que mantén viva a festa popular da parroquia. Antes, haberá varias semanas de previa. Porque Casa Rodríguez, a Taberna de Castelo, prolongará a súa actividade habitual. O espazo permanecerá aberto desde o 24 de xullo ata a fin do festival, "funcionando como centro social da parroquia". Contará cunha programación propia que se dará a coñecer nas próximas semanas, "ampliando así o impacto do Castelo Conta máis alá da semana do festival".
Por outra banda, e como adianto da programación, o Castelo Conta organizará o 12 de agosto unha gran festa de visionado do eclipse coa colaboración de Máis Enerxía.
Ao acto de presentación da programación acudiron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González; a responsable de Gastronomía e Proximidade de Estrella Galicia, Cristina Canosa; e o director executivo de Deleite, Pedro González, representantes das entidades que apoian o proxecto.
As entradas xa están á venda en www.casteloconta.gal., onde se pode consultar tamén ao detalle toda a programación.