O festival de músicas e artes atlánticas aposta pola creación feminina e da mocidade, a experimentación, as novas linguaxes artísticas e a diversidade cultural con 35 propostas do 21 ao 25 de setembro en Santiago
O festival Maré de músicas e artes atlánticas celebra a súa terceira edición en Santiago do 21 ao 25 de setembro para “emocionar, descubrir, crear e informar” con 35 propostas e estreas europeas como a nova xira de Chico César e a da Orquestra Voadora. O outrora Cantos na maré celebrarase en nove localizacións: o Teatro Principal, o Auditorio de Galicia, a Sala Capitol, a Praza da Quintana, Mazarelos e outros emprazamentos do patrimonio monumental, clubes e o parque de San Domingos de Bonaval, epicentro do festival.
Voces femininas como a da angolana Pongo, a saharauí Aziza Brahim e o seu cuarteto eléctrico, a brasileira Dandara Manoela ou a arxentina Sofía Viola. Tamén a das galegas A Pedreira, que pechará o festival co seu primeiro disco en solitario Segmento cantábrico, Guadi Galego coa fin de xira de Costuras, e outras artistas emerxentes como Antía Muíño ou Catuxa Salom.
O pianista e compositor galego Abe Rábade presentará o seu último traballo, Botánica, no marco do Maré. Un encontro que funde o rural co urbano no que o piano de Rábade se mestura coa voz e a percusión tradicional galega de Davide Salvado. Catorce composicións orixinais dedicadas á vexetación autóctona de Galicia que se escoitará en directo por primeira vez nunha sesión matinal (ás 12h) o sábado 24 no Teatro Principal.
O festival contará coas actuacións de Malandrómeda, que volven aos escenarios e avanzan novo traballo, o venres 23; ou da mítica banda de hip hop de Ordes Dios Ke Te Crew o sábado 24, que vén de sacar novo EP e contará coa colaboración de, entre outros, Boyanka Kostova para entonar O.G. Sonará tamén en directo a fusión que o francés James BKS, fillo de Manu Dibango, realiza da tradición musical con ritmos electrónicos que se atopan no continente africano.
Pongo, Antía Muíño, A Pedreira, Malandrómeda, Dios Ke Te Crew, Abe Rábade, Aziza Brahim, Dandara Manoela e Guadi Galego, entre outras artistas, estarán na terceira edición do Maré
Neste terceiro Maré soarán melodías pop, soul, blues, música electrónica, experimental, rap, dub, kuduro, ritmos bulu e bikutsi, batida, afrobeats, kizomba ou folk e outras músicas de raíz escritas e cantadas en diferentes linguas, do galego ao portugués pasando polo rajasthani, o kimbundu, o catalá, éuscaro, escocés, asturianu, inglés, francés, árabe ou castelán.
O domingo 25 o certame volverá acoller a celebración do Día Europeo das Linguas cunha xornada festiva e música de balde en Mazarelos e na sala Riquela en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. A programación completa pode consultarse no sitio web do Maré, que ten as entradas e abonos xa á venda e no que tamén haberá múltiples actuacións de balde.
A programación mostra como o festival segue a apostar pola creación feminina e da mocidade, a experimentación, as novas linguaxes artísticas e a diversidade cultural poñendo o foco naqueles territorios cos que Galiza comparte lazos lingüísticos e históricos das dúas beiras do Atlántico.
Desde a organización salientan que os dereitos civís antirracistas e LGTB+, a diversidade funcional, o feminismo, o indixenismo, a igualdade entre pobos e linguas ou contra o despoboamento rural volverán ser bandeira deste Maré xunto ao gran desafío do cambio climático e a persecución da sostibilidade ambiental.