O festival celébrase do 7 ao 11 de setembro en Vilaxoán cun cartel maioritariamente galego no que destacan grandes nomes como La Pegatina, Boikot, SFDK, Lendakaris Muertos, Tanxugueiras, Baiuca, Dakidarría ou Sés
Hai uns días o Revenidas de Vilaxoán de Arousa pechou o seu cartel definitivo coas incorporacións de Sés, Ortiga, Grande Amore, Caamaño & Ameixeiras, The Rapants, Monolious Dop e Copa Turbo, entre outras bandas e artistas. O festival celebrará a súa edición 2022 a vindeira semana, entre o 7 e o 11 de setembro, cinco días de actividades nos que a música galega será a gran protagonista, pois a maioría dos nomes da programación son do país.
No cartel do festival destacan este ano nomes ben coñecidos coma La Pegatina, Boikot, SFDK, Lendakaris Muertos, Tanxugueiras, Baiuca, Dakidarría ou Sés. Ademais, haberá varias sorpresas, coma a gran festa que Boyanka Kostova están a organizar para a primeira noite do festival, a do mércores 7 de setembro. Xunto a Saibran Yiyi e Chicho do Funk estarán Pili Pampín, Grande Amore, Dios Ke Te Crew e Mundo Prestigio.
A derradeira xornada do Revenidas, a do domingo 11 de setembro, inclúe a celebración de varios concertos, a tradicional sardiñada popular, actuacións teatrais e a gala de circo, e todo con entrada de balde
Así mesmo, cómpre destacar que a derradeira xornada do Revenidas, a do domingo 11 de setembro, inclúe a celebración de varios concertos, a tradicional sardiñada popular, actuacións teatrais e a gala de circo, e todo con entrada de balde. Na parte musical actuarán Sés, Ortiga e Caamaño & Ameixeiras, Os Terribles de Arousa e Louband. A gala de circo servirá para celebrar os 20 anos en escena de Peter Punk. O popular pallaso contará para esta ocasión especial coa presenza de convidados como Kaldi, Pajarito, Cou, Dakidarría, Leo Arremecághona, Malala e Iván e Brais das Hortas.
Este domingo o festival anunciou os nomes da súa programación de "concertos a bordo", con Antía Muíño, Xabier Díaz, Grande Amore, Guadi Galego, Boyanka Kostova e Cardalda e Dopico
Este domingo, ademais, o festival anunciou os nomes da súa programación de "concertos a bordo", unha actividade xa habitual no Revenidas (será a sexta ocasión en que se celebra) e que figura entre as preferidas por gran parte do público asistente. Como sempre será a bordo do xeiteiro Chasula e cun aforo máximos de 12 persoas.
Os concertos deste ano celebraranse o sábado 10 e o domingo 12, tres cada día. Os do sábado terán como protagonistas a Antía Muíño (saída dende o peirao ás 13 h), Xabier Díaz (15 h) e Grande Amore (17 h). Os do domingo serán de Guadi Galego (13 h), Boyanka Kostova (15 h) e Cardalda e Dopico (17 h). O prezo da entrada para cada un destes concertos a bordo é de 30 euros (inclúe unha degustación de produtos do mar e bebida). As entradas poderán obterse a través da web do festival a partir do mércores 31 de setembro.
Xurxo Souto realizará un roteiro musicado polos lugares máis emblemáticos desta vila mariñeira
Outra das actividades que forma parte das actuacións de promoción do turismo mariñeiro de Turismo Rías Baixas é 'Redescubre Vilaxoán'. O cantante e escritor Xurxo Souto realizará un roteiro musicado polos lugares máis emblemáticos desta vila mariñeira. O roteiro partirá ás 10.30 h do sábado 10 de setembro. A asistencia ao mesmo é de balde (ata completar aforo) pero require unha inscrición previa que se pode realizar dende a web
Ademais, este luns o Revenidas vén de anunciar que este ano "expande a súa programación" da man do Xacobeo 21-22, "para afondar no seu afán de promoción da música e da lingua galega" a través dun ciclo de concertos que levará distintas formas de entender a nosa música tradicional a vilas e cidades ubicadas máis alá do eixo atlántico.
O primeiro dos concertos deste ciclo Revenidas – Xacobeo 21-22 será o de Baiuca, que se celebrará en Ribadeo o venres 2 de setembro. O de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre terá Celanova por escenario o sábado 17 de setembro. O ciclo pecharase coa actuación de Treixadura en Lugo o domingo 23 de outubro. Os tres concertos serán de balde, con entrada libre ata completar o aforo.
Cartel por días
- MÉRCORES 7: Boyanka Kostova e Amigxs (Pili Pampín, Grande Amore, Dios Ke Te Crew, Mundo Prestigio), Sinner, Kris K D e La Yaya Dj.
- XOVES 8: La Pegatina, Boikot, Gatibu, Suu, Copa Turbo, Ketekalles, Lamontagne & Picoamperio e La Duendeneta.
- VENRES 9: SFDK, Lendakaris Muertos, Talco Moscow Death Brigade, SonDaRúa, Bratzantifa, Grande Amor e La Duendeneta
- SÁBADO 10 (Hora de inicio: 12.00 h): Tanxugueiras, Baiuca, Dakidarría, Zoo, Dubioza Kolektiv, A Banda da Loba, Ladilla Rusa, Doen, Monoulious Dop, Plectro e La Duendeneta
- DOMINGO 11: Sés, Ortiga, Caamaño & Ameixeiras, Os Terribles de Arousa, Louband, Gala de Circo XX Anos de Peter Punk e Amigxs, Compañía Paraíso e Sardiñada Popular.