Revenidas: un festival solidario, feminista e cos pés na terra

O Revenidas presenta todos os anos un cartaz de primeiro nivel © Christian Pérez

Chega unha nova edición do Revenidas, o festival de Vilaxoán de Arousa que entre este venres 9 e o domingo 11 subirá ao escenario a 40 bandas de primeiro nivel, nunha festa continua con contidos para todas as idades, e ampla presenza da boa gastronomía. Este ano destaca a participación de nomes como Gogol Bordello, The Baboon Show, Hard GZ, Mal Elevé, Flow do Toxo, Gatillazo, Talco, Skacha, Los Caligaris, Rebeliom do Inframundo, El Niño de la Hipoteca ou Nao. O abono para os tres días ten un prezo de 41 euros e a entrada para cada unha das xornadas custa 25 euros.

Gogol Bordello, The Baboon Show, Hard GZ, Mal Elevé, Flow do Toxo, Gatillazo, Talco, Skacha, Los Caligaris, Rebeliom do Inframundo, El Niño de la Hipoteca ou Nao destacan no cartel

O Revenidas, que suma xa 16 edicións, ten unha clara conciencia solidaria e feminista, incidindo cada vez máis nunha importante presenza de bandas lideradas por mulleres no seu cartel. Este ano, ademais, as mulleres serán as protagonistas da Gran Gala de Circo Solidaria, unha actividade que se vén realizando en todas as edicións promovendo a cooperación cos campamentos de refuxiados e refuxiadas. O Revenidas propón desta volta unha reivindicación do circo feminino coas actuacións de Isa Risco, Pajarito, Patty Diphusa, Mireia, Desastronauts e a música de Brassica Rapa.

A Deputación de Pontevedra levará a cabo no Revenidas a súa campaña de igualdade #lembraeudecidotirespectas para previr violacións en cita e agresións sexuais por submisión química. A institución provincial instalará un punto de información o sábado 10 de agosto coincidindo coa sardiñada popular, con cinco axentes de igualdade que entregarán os folletos da campaña. A campaña vai dirixida tanto aos mozos como as mozas, con materiais nos que se ofrece unha actuación integral de prevención e actuación contra os devanditos tipos de agresión sexual e nos que se amosan con claridade os límites nas relacións entre adolescentes, facendo fincapé en que estas agresións son un delito e que a culpa nunca é da vítima.

O Revenidas propón unha reivindicación do circo feminino coas actuacións de Isa Risco, Pajarito, Patty Diphusa, Mireia, Desastronauts e a música de Brassica Rapa

O cartel busca tamén combinar a presenza das bandas emerxentes do país coas actuacións de grandes estrelas internacionais. Así, estarán en Vilaxóan dende Desakato, The Baboon Show, Hard GZ, Mal Elevé, Erin, Tribade, Flow do Toxo, ata Ferromona DJ (venres); Gatillazo, Talco, Skacha, Los Caligaris, Rebeliom do Inframundo, Valira, El Niño de la Hipoteca, TNT, e DJ Plan B (sábado); e Gogol Bordello, Nao, Doctor Krapula, Gambeat, Los Jinetes del Trópico, Bastards on Parade, o Leo Arremecághona, Chocolate Remix e La Duendeneta (domingo)

Así mesmo, o Parque de Dona Concha servirá de novos como punto de encontro gastronómico do festival, no que se celebrará un ano máis a multitudinaria Gran Sardiñada Popular na que se despacharán 1.000 quilos de sardiñas.

Gastronomía, concertos a bordo dun barco e actividades para toda a familia completan a programación

A outra dimensión que nunca falta no Revenidas é a súa relación co mar e coa cultura marítima. Os e as asistentes poderán vivir unha experiencia marítima única pola Ría de Arousa a bordo do Chasula, unha embarcación tradicional na que poderán gozar de música ao vivo e dunha exclusiva degustación gastronómica de produtos 100% galegos. Esta actividade, unha das máis reclamadas do festival, é perfecta para grandes e pequenos e contará con tres saídas o sábado 10 a cargo do Leo, Gabri Dakidarría e Ugía Pedreira e outras tres o domingo 11 a cargo de Los Jinetes del Trópico, Zeltia Irevire e Gramola. 

Non será a única actividade pensada para o público familiar no festival, que tamén inclúe na súa programación con pasarrúas (Os Terribles de Arousa, Brassica Rapa) e a orixinal proposta con atmosfera poética de Thomas Dylan & Balea. E tamén cos concertos de Carolina Rubirosa, Dakidarría en acústico e Punkinfantil no parque de Dona Concha 

Cartel da edición 2019 do Revenidas © Festival Revenidas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.