"O meu gran obxectivo con este libro é chegar a potenciais feministas"

Luca Chao na presentación de 'Feminismo en cen palabras' na libraría Cartabón de Vigo © José Gorís

Luca Chao (Lugo, 1988) vén de publicar na colección Feminismos da Editorial Galaxia a obra Feminismo en cen palabras, un compendio de explicacións de conceptos que arrodean a este movemento e que a autora define como "dicionario feminista". A idea de escribir este libro, que quere ser unha ferramenta para calquera con interese en adentrarse nestas teorías, xurdiu mentres impartía aulas no Mestrado de Educación e Igualdade na Universidade de Santiago de Compostela, separada xa da política activa tras ser deputada na X lexislatura no Parlamento. 

Comeza o libro con referencias á folga feminista de 2018, produciuse aí un cambio para vostede –e para o feminismo como movemento– que desemboca dalgunha forma neste libro?

Creo que o ano 2018 marcou un punto de inflexión no movemento feminista a nivel internacional. A primeira folga supuxo un momento moi álxido e as imaxes falaron por si mesmas. En Galicia víronse imaxes históricas tanto na manifestación en Compostela como na unitaria en Vigo. O exterior sempre impacta no interior, como os grandes éxitos dos movementos sociais colectivos teñen unha translación directa na nosa vivencia individual, e creo que a teñen sobre todo a través dun dos conceptos que se manexan no libro: o empoderamento. Ver que somos tantas, e que eramos tantas, anima moito máis a participar.  

Capa do libro 'Feminismo en cen palabras' de Luca Chao © Editorial Galaxia

"Propúxenlle ás alumnas que fixéramos unha reflexión colectiva para pensar entre todas cal sería o índice dese dicionario feminista básico para que quen nunca se achegara ao pensamento feminista soubera por onde comezar"

Na introdución fai referencia a un momento no que sentiu a necesidade de ler outras autoras para completar esa militancia feminista e artellar o seu propio discurso.

Para min, que viña dunha traxectoria académica bastante vinculada sempre a cuestións de xénero porque a miña especialización era ata aquel momento en migracións internacionais e participaba en moitos proxectos de investigación nos que a cuestión do xénero sempre era unha das variables a considerar, impactoume ver a potencia do movemento. Quizá ata ese momento o feminismo me preocupaba máis desde un punto de vista teórico e, ao ver o seu potencial na rúa, empezou a preocuparme máis a súa faceta de movemento social; e sobre todo empecei a reflexionar en que son as dúas caras da mesma moeda. Unha das ideas que deu orixe ao libro, reflexionando coas alumnas, é como o pensamento alimenta a acción e como a acción alimenta o pensamento.

Refírese ao alumnado do Mestrado de Educación e Igualdade da USC no que impartía teoría feminista, como nace exactamente a semente deste Feminismo en cen palabras?

Levo anos escribindo desde unha perspectiva feminista en todos os espazos que me deixan e a preocupación do libro nace de aí, de poder seguir espallando o ideario feminista. Pero o que acaba materializando a idea é a ocasión de dar clase neste mestrado no curso 2021/2022. Pareceume que antes de comezar a falarlles de autoras e de pensamentos moi complexos de autoras clásicas como Simone de Beauvoir ou doutras moito máis próximas a nós como Judith Butler, era necesario coñecer os conceptos básicos. Propúxenlle ás alumnas que fixéramos unha reflexión colectiva para pensar entre todas cal sería o índice dese dicionario feminista básico para que quen nunca se achegara ao pensamento feminista soubera por onde comezar. Á parte, co constante ruído mediático a través deste tema, eu tiña a sensación de que hai conceptos que se usan de forma habitual sen ningún rigor e que a xente non sabe exactamente o que significan.

"O feminismo, ao poñerlles nome, fai que as violencias deixen de ser algo privado para pasar a ser unha cuestión política"

Destaca no libro que nomearnos “é o primeiro paso para pensarnos, para recoñecernos e para existir”.

É unha das reflexións clásicas do feminismo, o que non se nomea non existe. O exemplo máis claro disto é a violencia machista. Isto podes comprobalo falando case con calquera muller de idade avanzada, no momento no que ti lle expós o concepto comeza a identificar cousas que ata ese momento non sabía o que eran como formas de violencia machista. O feminismo, ao poñerlles nome, fai que as violencias deixen de ser algo privado para pasar a ser unha cuestión política. Pero é que iso pasa con moitos outros conceptos, como o do acoso, o abuso sexual, as violencias sexuais, a discriminación...

Hai unha vontade clara de que o libro sexa accesible, unha porta de entrada ás teorías feministas, por que?

Si, o meu gran obxectivo con este libro é que puidera chegar a potenciais feministas. A quen sexa unha feminista convencida non lle fai falta porque xa coñecerá os conceptos e a moitas das autoras, e isto é unha modesta porta aberta a adentrarse nas autoras, que é o que hai que facer. Pero penso que as persoas que non se sintan identificadas coa etiqueta de feministas poden coller o libro e ver como coinciden nalgúns puntos e ideas, para así poder adentrarse máis profundamente no movemento. De feito, se só puidera escoller un sitio no que tivese que estar este libro diría que en todos os centros de ensino de Galicia.

Tivo a oportunidade presentar o libro en varios centros de ensino, como foi?

Pensaba que ao mellor á rapazada había moitos conceptos que lles soaban a sabidos e non é así. Unha proposta do libro é xogar coa neolinguaxe, que é unha boa forma de conectar coa mocidade. Fanlles gracia algúns neoloxismos e isto permítelles falar e reflexionar conxuntamente sobre algunhas das cousas. Outra cousa que me pareceu moi interesante do debate con eles é darlles datos porque mesmo cando son escépticos con algún dos temas, se pos datos enriba da mesa como fai o libro nalgunha das súas acepcións, resulta moito máis sólido e creo que marchan moito máis convencidos.

A politóloga asinando exemplares do seu libro tras a presentación en Cartabón xunto a Carme Adán © José Gorís

"De pronto, esa palabra que ata lles podía facer gracia para sinalar a algunhas compañeiras resúltalles súper perversa"

Un deses termos que pode dar lugar a confusións, e que entrou moi forte socialmente, é o de feminazi.

Este termo nos colexios ten moito interese, teñen ese concepto metido na cabeza pero non saben realmente o que significa. Cando lles conto a súa orixe con ese intento claro dun xornalista conservador por vincular o feminismo co Holocausto nazi pola nosa defensa do dereito ao aborto, alucinan. De pronto, esa palabra que ata lles podía facer gracia para sinalar a algunhas compañeiras resúltalles súper perversa, e creo que o van pensar antes de volver empregala.

Hai outros conceptos que se empregan correctamente pero teñen unha profundidade que pode ser menos coñecida, como pode ser o de invisibilización.

Efectivamente danse as dúas cousas, cando todo é feminismo nada é feminismo. Que significa invisibilización realmente? Pois sendo unha palabra de uso cotiá igual á xente lle costa saber a que nos referimos exactamente, que é iso de que as mulleres non ocupemos ningún espazo no debate público, esteamos fóra dos libros de Historia e das artes ou que os exemplos nunca sexan mulleres. Unha idea que xurdiu en varias presentacións é que os nenos prodixio sempre son nenos, non existe o prodixio como unha nena potencialmente extraordinaria. Quen foi a nena prodixio en España? Marisol. Se o pensas mete medo porque obviamente se facía referencia a unha cousa moi diferente a todos os nenos prodixio dos que poderíamos falar.

Outra palabra que figura no seu dicionario é histérica, que agocha un gran debate sobre o seu uso.

A perspectiva histórica dos conceptos axúdanos a poñelos no seu xusto lugar e resulta que hai case dous séculos que ás mulleres son cualificadas como histéricas desde unha perspectiva supostamente científica, que é algo sobre o que tamén teríamos moito que falar, sobre ese nesgo machista da ciencia e como se parece científico ten que ser real. Os científicos dicían que había algo biolóxico que facía as mulleres perder a cabeza e como este concepto se banaliza e se emprega continuamente. Que muller non recibiu nunca este cualificativo a modo de insulto? Non coñezo a ningunha.

"Hai exemplos tan cotiás como o dunha señora que me contou que na súa casa só os homes tiñan bicicleta, e agora ela vía que iso era machismo"

Que lle están a aportar os encontros a partir do libro?

A posibilidade de falar con xente destes temas coas que antes nunca falaría. Neste tempo pasáronme cousas moi emocionantes. Unha das presentacións foi na Pastoriza (Lugo), un concello rural de produción gandeira e é onde naceu miña nai. Ese día non ía como Luca Chao senón como a neta do Celeiro, que é como me coñece todo o mundo. Xuntáronse máis de trinta persoas, a maioría mulleres, dunha media de idade moi superior á de calquera presentación dun libro. Resultou un público que non tiña ningún prexuízo e houbo moita catarse colectiva. Ao poñerlle nome as mulleres decátanse de cousas, e non vou citar as máis escabrosas porque hai exemplos tan cotiás como o dunha señora que me contou que na súa casa só os homes tiñan bicicleta, e agora ela vía que iso era machismo. É moi bonito escoitarlle iso á xente maior.

Para quen queira profundar máis a partir do seu libro, cales diría que foron as autoras fundamentais para vostede?

Paréceme que cando lin a Simone de Beauvoir se produciu un cambio radical porque é moi profundo todo o que ela di, aínda así nunca recomendo O segundo sexo como entrada ao feminismo porque é unha obra moi complexa. Prefiro mencionar libros máis accesibles como Mamá, quiero ser feminista, de Carmen G. de la Cueva; máis combativos como Todos deberíamos ser feministas (Random House), de Chimamanda Ngozi Adichie; ou un texto para lembrar que os feminismos son moitos como Mujeres, raza y clase (Akal), de Angela Davis. Ademais, gústame moito presumir de que hoxe en Galicia hai moitas escritoras que teñen escrito ficción cunha mirada feminista e, neste sentido, recomendo Os seres queridos (Xerais), de Berta Dávila.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.