O centro iniciou a súa andaina no ano 2019 e no 2022 ampliou as súas instalacións e actividades, xestionado pola Fundación Museo do Videoxogo de Galicia e convertido nun "centro de preservación, exposición e experimentación da industria cultural do Videoxogo"
En xaneiro de 2019, hai cinco anos e medio, abriu as súas portas en Cangas o MUVI: Museo do Videoxogo, a primeira instalación destas características en Galicia. Os seus impulsores, os irmáns Jacobo e Galo Martínez, destacaban nese momento en conversa con Praza.gal que "os videoxogos merecen ser abordados como unha manifestación cultural máis, lonxe do tratamento maniqueo de moitos medios convencionais".
Hai dous anos o Museo inaugura unha nova sede de maior tamaño e ampliou as súas actividades, pasando a acoller exposicións temporais e convertido nun "centro de preservación, exposición e experimentación da industria cultural do Videoxogo". O Museo pasou ademais a estar xestionada pola Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, que naceu co apoio do Concello de Cangas e o patrocinio de Balidea, Lares, Iseltec, Aitire, a Asociación Videoxogo.gal, imaxin|software e PuntoGal.
A Consellaría de Cultura destaca o feito de "ser o primeiro relacionado co mundo do videoxogo de Galicia e dos poucos existentes en España" e o seu valor como "expresión artística e cultural"
Agora a Consellaría de Cultura vén de acordar a incorporación do Museo do Videoxogo ao Sistema galego de centros museísticos, que agrupa un total de 68 museos, ademais, de 20 coleccións museográficas. O Consello da Xunta celebrado este luns acordou a inserción na rede museística da instalación situada en Cangas por "ser a primeira relacionada co mundo do videoxogo de Galicia e das poucas existentes en España". Así mesmo, destaca que "se achega ao público, desde a perspectiva da expresión artística e cultural, como unha ferramenta educativa, lúdica, interactiva e saudable".
Esta decisión determinouse tras unha visita técnica ao centro, o pasado 26 de setembro, na cal se verificou o cumprimento dos requisitos exixidos para formar parte desta rede. A colección do Museo do Videoxogo de Galicia conta nestes momentos con 2.256 xogos, 300 deles de fondo galego, e máis de 400 elementos de hardware e dispositivos.
A colección do Museo do Videoxogo de Galicia conta nestes momentos con 2.256 xogos, 300 deles de fondo galego, e máis de 400 elementos de hardware e dispositivos
A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia naceu pola "necesidade de reivindicar o videoxogo como unha forma de cultura e de arte, vencellado coas virtudes da faceta lúdica do ser humano" e como "un medio de comunicación, expresión e creación, así como unha ferramenta educativa no sentido máis amplo da palabra".
A incorporación do Museo do Videoxogo ao Sistema galego de centros museísticos permitiralle acceder a liñas de axudas públicas, asesoramento técnico e á potenciación da súa divulgación no Portal de museos de Galicia. Tamén poderá establecer relacións con outras entidades e coleccións, participar en accións formativas e ter prioridade noutras propostas colaborativas ou actividades itinerantes promovidas polo Goberno galego.