Shego (Maite, Raquel e Charlotte) apareceron na escena rockeira hai catro anos cun feixe de cancións directas, desacomplexadas e intensas, un son orixinal e retrousos imposibles de ignorar. Singles como o inicial fumas?, o éxito acadado con oh boi ou Vicente Amor ("Llámame por mi nombre / No me llamo nena", toda unha declaración de intencións dunha banda declaradamente feminista e en defensa do colectivo LGTBI+) e unha deliciosa versión do Paul de Big Thief obrigaron a falar das novas raíñas do Riot Grrrl.
As Shego despregan o seu infalible directo este mércores na Coruña e o venres en Ponteareas
O pasado ano foi o da confirmación, cun primeiro álbum longo, con alfaias como Lucky ou Que voy a hacer?, colaboracións de altura con Natalia Lacunza ou Zahara e o Premio MIN Mellor Artista Emerxente. Nos vindeiros meses, ademais, as Shego publicarán oseu segundo disco "co que pretenden dar un golpe enriba da mesa para afianzarse como a banda que encabece o rexurdir do rock en España", escriben en Ernie Records.
Este mércores pola noite actúan na Coruña, nunha nova xornada do Atlantic Pride, o Festival de Cultura LGTBI+ da cidade herculina e o venres estarán en Ponteareas no Festival Afluente. Ademais, o 2 de agosto pasarán por Cambados no marco das Festas do Albariño. Nestas tres citas galegas amosarán o seu infalible directo, a principal virtude dunha banda en ascenso.
Como van ser estes concertos? Cambia moito a selección de cancións e a vosa actitude cando tocades en sala, ante un público que vos coñece e que pagou unha entrada só para vervos e cando tocades nun festival, no que pode haber xente que non vos escoitara antes? Pensades moito nisto?
Houbo moitos concertos moi diferentes, en sala ou en festival, nos que funcionou moi ben o mesmo setlist, pero é certo que un pouco de adaptación si que hai que facer en función do tipo de escenario e de público, sobre todo nos festivais para chamar a atención da xente en espazos grandes nos que ao mesmo tempo hai outros concertos, hai xente pedindo na barra... Neses momentos non só hai que chamar a atención dese público, senón tamén manter unha enerxía durante todo o concerto, que non se apague, para que a xente estea acendida e motivada durante toda a actuación, pasándoo ben.
É o que estamos facendo este verán en todos os festivais nos que tocamos, buscando concentrar esa enerxía ao máximo e escoller as cancións que son máis enérxicas; preparamos tamén unha intro e outra serie de cousas que inducen un pouco a ese momento festival.
"Nos festivais non só hai que chamar a atención do público, senón tamén manter unha enerxía durante todo o concerto, que non se apague"
Nestes concertos tocaredes temas novos, dos que van formar parte do novo disco, que estades a piques de sacar?
Pois a verdade é que algunha que outra sorpresa haberá, así que se á xente lle apetece vir a estes concertos para espiar un pouco como soan as novas cancións, pois terá a oportunidade de coñecer cousas novas. Estámolas preparando con moito amor.
"Na preparación deste novo disco estamos tentando ser fieis ao que facemos nos concertos. Somos unha banda que nos transformamos en directo e que nas actuacións temos un son moi chulo. E por iso queremos que se reflicta no momento da gravación"
Como vai ser este novo disco? Linvos nunha entrevista recente que ata agora vides combinando distintos estilos, pero que este segundo álbum vai estar máis enfocado nunha dirección. Cal é?
Na preparación deste novo disco estamos tentando ser un pouco fieis ao que facemos nos concertos. Estamos todas de acordo en que somos unha banda que nos transformamos en directo e que nas actuacións temos unha posta en escena e un son que é moi chulo. E por iso queremos que se reflicta no momento da gravación do disco. Estamos intentando ser moi fieis a ese son e á enerxía que transmitimos nos concertos. Isto tamén nos vai permitir estar máis cómodas defendendo ese directo.
En Suerte, chica, puxémonos a experimentar con distintos estilos, pero a verdade é que cando máis cómodas estamos é cando soamos como unha banda de rock. O novo disco está gravado practicamente en directo, aínda que sempre hai algún detalle que se incorpora despois aquí e alí. O novo disco busca ser algo máis cru e, paradoxalmente, ten que ver máis cos nosos inicios.
"É certo que agora, debido a como se consume a música, a xente pide máis singles e dáselles menos importancia aos traballos longos. Pero nós non traballamos desa maneira, de música rápida, sacando cancións porque hai que sacar algo cada pouco"
Dise que o segundo disco é o máis difícil, porque hai que responder a certas expectativas creadas. Antes do primeiro álbum, do pasado ano, chegaran algúns eps, singles, algunha colaboración... Dádeslle moita importancia a sacar un disco longo, cun concepto determinado, un estilo homoxéneo, unha orde das cancións...? Ou isto dos discos longos está pasado de moda e a música xa se escoita doutra maneira?
É certo que agora, debido a como se consume a música, a xente pide máis singles e dáselles menos importancia aos traballos longos. Pero nós, para o LP que estamos preparando, sempre tivemos na cabeza facer un disco longo, non cancións soltas. Dedicámoslle moito tempo e moito cariño. Nós non traballamos desa maneira, de música rápida, sacando cancións porque hai que sacar algo cada pouco.
Creo que tamén é un pouco unha obriga dos e das artistas non pregarse sempre ás esixencias do capitalismo e se Spotify, TikTok e o resto das plataformas esixen sempre novidades, porque a xente consume a música así, pois iso non nos debe limitar e pechar. Non queremos converternos en marionetas, senón que estamos ao servizo da arte e o que nos gusta é facer música. Os singles son estupendos e tamén nos encanta sacalos, pero os traballos longos teñen unha dirección concreta e reflicten un determinado momento vital noso.
"É obriga dos e das artistas non pregarse ás esixencias do capitalismo e se Spotify, TikTok e o resto das plataformas esixen sempre novidades porque a xente consume a música así, iso non nos debe limitar e pechar"
Nos discos soades máis pop, pero en directo sodes máis máis rock e cunha actitude máis punk. Impórtanvos estas etiquetas?
O tema das etiquetas non ten moito sentido. Haberá xente que non nos escoitou moito e lles din que somos unha banda de pop, ou de punk, ou de non sei que e a verdade é que nestes momento non nos importa moito o que poñernos unha etiqueta. Nós queremos experimentar co son que queiramos en cada momento e ir movéndonos por diferentes estilos.
Creo que o bo que ten Shego é que nunca tivo ningunha pretensión concreta. Sempre fixemos o que nos apetecía e o que ía saíndo en cada momento, sen buscar nada concreto. Creo que iso se ve claro nas nosas cancións.
A vosa música é variada porque vos gustan estilos distintos? Cada unha achega á banda o que lle gusta e iso configura o resultado final?
Para nós é doado facer música xuntas, porque hai cousas que nos apaixonan ás tres por igual, pero é certo que ao ser persoas independentes, cada unha de nós temos gustos diferentes. Na diversidade do noso grupo está despois o que sae.
"O noso traballo natural é facer música. E se despois algún movemento que facemos ten que ver co activismo, iso estará perfecto, pero non ten moito sentido que sempre nos pregunten sobre como nos posicionamos"
Moléstavos que na maior parte das entrevistas vos pregunten sobre as dificultades de ser muller no mundo da música, sobre se atopades moitos babosos tipo Vicente Amor ou pedínvovos que vos posicionedes sobre o feminismo e outros temas? Preguntas que normalmente non lles fan aos grupos de chicos...
Si, o noso traballo natural é facer música. E se despois algún movemento que facemos ten que ver co activismo, iso estará perfecto, pero non ten moito sentido que sempre nos pregunten sobre como nos posicionamos sobre un tema ou outro, e que teñamos que dar sempre un discurso. Nós viñemos facer rock e non a outra cousa.
Moitas veces posicionámonos por distintas causas, facemos uso da nosa voz, sobre todo nas redes sociais. Pero non creo que ese sexa o noso deber.
"Non ten sentido que grupos de música pequenos, locais, case sempre de chicas -porque aos grupos de tíos non se lles pide tanto isto- teñan que estar constantemente apoiando unha ou outra loita"
Recentemente falouse moito sobre a responsabilidade dos futbolistas de cara a posicionarse ante a política. Cal credes que debe ser o papel dun ou dunha artista ou banda de música de cara aos asuntos públicos?
Paréceme xenial que Mbappé se posicione, porque é un xogador que mobiliza masas moi importantes de xente e está moi ben se as pode encamiñar cara a unha ideoloxía máis favorable para todos. Pero non ten sentido que grupos de música pequenos, locais, case sempre de tías -porque aos grupos de tíos non se lles pide tanto isto- teñan que estar constantemente apoiando unha ou outra loita. O que acaba de pasar no mundo do fútbol é importante porque normalmente os homes non se posicionan e os homes con poder moito menos. Teñen que ser os tíos, tanto no rock coma noutras disciplinas, os que deben comezar a falar, porque normalmente ás mulleres que facemos música non se nos proporciona eses altofalantes.