'O pequeno poni': o cara a cara duns pais que se enfrontan ao acoso escolar do seu fillo

Unha escena da obra 'O pequeno poni', de Paco Bezera, na montaxe de Redrum Teatro © Redrum Teatro

Redrum Teatro estrea 'O pequeno poni', unha obra na que se aborda o acoso escolar desde a óptica adulta e sitúa o foco na discriminación e a violencia derivadas da "ditadura do normativo"

Irene e Xaime teñen un fillo de dez anos, Luismi, que un día vai ao colexio cunha mochila dunha serie de debuxos animados que é a súa preferida: O pequeno poni. A discriminación, o acoso e a violencia que veñen despois son as que se contan na obra que estrea Redrum Teatro no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, este venres. Un cara a cara entre ambos proxenitores, que se enfrontan a unha situación descoñecida para eles dende posicións case antagónicas. A dramaturxia da obra O pequeno poni é de Paco Bezerra, que Alex Sampayo traduce e dirixe nesta montaxe protagonizada por Laura Míguez e Guillermo Carbajo.

“É un relato adulto-centrista no que o neno está presente pero sen estar presente. Hai un retrato del que está presente en escena todo o tempo, a través das animacións de David Fidalgo, e que vai sufrindo transformacións a medida que avanza a obra. Na obra están os adultos pensando e decidindo sobre os nenos e as nenas, pero sen os nenos e as nenas”, describe Laura Míguez. 

Presentación da peza no FIOT de Carballo, onde ten a súa estrea absoluta © Vanessa Rábade

Unha posta escena moi austera deixa o protagonismo ao diálogo entre ambos actores, co deseño sonoro de Fernando Epelde e a iluminación de Carlos Álvarez-Ossorio. O director Alex Sampayo propón que ambos personaxes estean fisicamente distanciados no escenario para mostrar as súas discrepancias. Os actores case se lanzan o texto un ao outro atacándose e defendéndose durante a obra, que este domingo pode verse no FITO, o Festival Internacional de Teatro de Ourense, e os días 26 e 27 de outubro estará no Salón Teatro de Santiago, onde haberá representacións matinais para escolares.

"A personaxe de Irene, dende o meu punto de vista persoal, é moi difícil de xustificar porque está absolutamente invadida pola ditadura do normativo"

Laura Míguez tamén tivo que distanciarse da personaxe á que interpreta, pois resultáballe imposible comprendela dende os seus propios valores. “A personaxe de Irene, dende o meu punto de vista persoal, é moi difícil de xustificar porque está absolutamente invadida pola ditadura do normativo e do que é ‘correcto’. Intentei comprendela dende a súa propia coherencia, que lle di a ela que todo lle vai resultar máis fácil se o seu fillo se adapta ao que a sociedade di que é ‘normal’, ao que a sociedade di que é ser un neno ou ser unha nena”, explica.

Un traballo de interpretación que supuxo un reto para Míguez, pero que xa vén moi ben formulado na dramaturxia de Paco Bezerra, “que describe perfectamente a Xaime e Irene dende posicións confrontadas, pero as dúas moi sólidas”. A obra está inspirada nuns feitos reais que tiveron lugar nos Estados Unidos no ano 2014 e comeza coa premisa de que o director do centro de ensino ao que acode o fillo da parella culpa o neno da situación xerada polo feito de ir a clase coa súa mochila de O pequeno poni.

Guillermo Carbajo e Laura Míguez protagonizan a obra © Redrum Teatro

“É un reto para nós abordar este tema e chegar á xente directamente a través do teatro. Hai unha ambición na compañía en chegar ao público adolescente, en removelos, e en que como sociedade deixemos de poñer o foco nas vítimas. A responsabilidade non pode estar na vítima, senón nos acosadores e nos observadores, que teñen tanta responsabilidade como aquel que ri, aquel que insulta ou aquel que pega”, defende a actriz.

Guillermo Carbajo e Laura Míguez xa fixeron xuntos unha peza infantil sobre o acoso escolar coa compañía Redrum Teatro, A nena que quería navegar, e o propio Carbajo tamén participou da montaxe anterior, o Hamelin de Juan Mayorga, na que se abordan os abusos sexuais a menores.

"O espectador é case un voyeur dunha parella que se leva ben, pero que se vai distanciando porque non ten as ferramentas –nin a axuda– para confrontar o acoso escolar do seu fillo"

Míguez recoñece que pode resultar incómoda para o público, pola súa proximidade á vida real. “Creo que é unha peza que pode resultar nun principio moi común, moi cotiá; mérito do autor que consegue que sexa tan verosímil. O espectador é case un voyeur dunha parella que se leva ben, que aparentemente non ten ningún problema, pero que se vai distanciando porque non ten as ferramentas –nin a axuda– para confrontar o acoso escolar do seu fillo”, debulla.

Con todo, para actriz de O pequeno poni aquí está presente a función social do teatro que tanto precisa dos públicos para transformar o mundo. “Segundo Bullying Sin Fronteras sete de cada dez menores sofre acoso escolar, é unha pandemia. Como sociedade debemos poñer o foco na adopción de medidas de prevención e en actuar contra esta violencia de maneira urxente”, destaca Laura Míguez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.