O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo abraza a diversidade desde as artes escénicas. Nesta edición número 32, que se celebra do 28 de setembro ao 31 de outubro, contará con 38 espectáculos, dez estreas absolutas e oito estreas en Galicia
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, celebrará a súa 32ª edición entre o 28 de setembro e 31 de outubro. O certame escénico de referencia do outono en Galicia programa un mes de funcións e actividades para todos os públicos coas estreas absolutas das obras O pequeno poni, de Redrum Teatro; Sonchistorias, de Xan Veiga; Tres vellas na romaría, de Quico Cadaval, Celso Sanmartín e Guti; É meu amigo!, de A Trastenda dos Contos; Apaga o candil, de Contraproducións e o propio FIOT, dirixida por Cándido Pazó; ademais de cinco pezas da sección Metro Cadrado, que se representarán en espazos no convencionais da vila nos sábados de outubro.
A ilustradora carballesa Laura Tova emprega para o cartaz desta edición unha aperta colectiva na que sintetiza a filosofía do festival referente da Costa da Morte: "A loita contra a intransixencia a través de personaxes que representan a empatía, o agarimo, o afecto... e que se funden nun abrazo diverso no que a Cultura e Carballo son tamén protagonistas", trasladan desde o FIOT, consolidado pero sempre en busca de novos públicos para as artes escénicas.
Inquietude, transixencia, transformación, xenerosidade, cambio, respecto, afectos, coidados, empatía, tolerancia, diálogo, inclusión e defensa da diversidade persoal e cultural son os sinais identificativos do FIOT, que se engloban no leitvmotiv deta edición, que é a loita contra a intransixencia.
Pasarán polo festival nomes fundamentais da escena galega, estatal e internacional como Vicky Luengo, Diego Anido, Suzie Miller, Cándido Pazó, Ariadna Gil, Javier Gutiérrez, Redrum Teatro, Luis Bermejo, Soledad Felloza, Andrés Lima, Quico Cadaval, Pepón Nieto, Paco Bezerra, Contraproducións, Alberto Conejero, Xavier Bobés, Kulunka Teatro, Telmo Irureta, Anna Maria Ricart, Wilbur ou Caxoto, entre outros artistas.
A actriz Vicky Luengo estará en Carballo coa obra 'Prima Facie', que xira arredor da violencia contra as mulleres na sociedade, dirixida por Juan Carlos Fisher
Coa vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual programan obras como Prima Facie, multipremiado texto de Suzie Miller que nos convida a reflexionar sobre a violencia contra as mulleres na nosa sociedade. Dirixida polo peruano Juan Carlos Fisher, quen adapta o texto de Miller na súa estrea mundial en castelán, despois do seu grande éxito en Londres e Broadway. Cunha protagonista absoluta, a actriz Vicky Luengo (recoñecida polo seu papel na serie Antidisturbios), a obra poderá verse o domingo 22 de outubro, no Pazo da Cultura, ás 20.30 horas.
A compañía galega Redrum Teatro ten a estrea absoluta de 'O pequeno poni'. Unha versión da obra de Paco Bezerra, que expón o conflito social do acoso escolar
A prestixiosa compañía vasca Kulunka Teatro regresa ao FIOT –onde xa presentou as súas pezas André y Dorine e Solitudes– para estrear en Galicia a súa nova creación, Forever, unha coprodución do Centro Dramático Nacional, que reflicte con humor, ironía e emoción as contradiccións do amor. Esta traxicomedia fai gala do virtuosismo de Kulunka coa linguaxe das máscaras para abordar temas como a maternidade, a educación, a discapacidade, a sexualidade ou a violencia. Chegará ao Pazo da Cultura de Carballo o sábado 21 de outubro, ás 20.30 horas.
Antes, o venres 13 de outubro, ás 21.00 horas no Pazo da Cultura de Carballo, a compañía galega Redrum Teatro estrea O pequeno poni. A obra de Paco Bezerra, un dos referentes da dramaturxia estatal contemporánea, expón o conflito social do acoso escolar. A versión galega deste impactante texto que nos convida á reflexión sobre a liberdade, o medo, o instinto de protección, a ineptitude e os prexuízos sociais dos adultos terá nos vindeiros meses unha xira polo país.
Neste ano que o Concello de Carballo declarou Ano do Xestal, en honor a Carlos Díaz O Xestal, o FIOT abre a súa programación coa peza Apaga o candil, espectáculo coproducido polo propio festival e Contraproducións, cun pé no humor e outro na emoción. Candido Pazó achéganos á figura deste singular contador de contos, carballés de adopción e pioneiro dun xénero escénico do que o certame é abandeirado: a narración oral.
"Os contos humorísticos do Xestal están arraigados na tradición rural e visibilizan os problemas sociais desde a sátira", destacan desde a organización do FIOT, que programa Apaga o candil o venres 6 (21.00h) e o sábado 7 de outubro (20.30h) no Pazo da Cultura de Carballo, con interpretación en lingua de signos.
En Rúa dos Contos, Teatro de Rúa e Metro Cadrado o festival leva os espectáculos fóra dos escenarios
Outra das propostas destacadas é Hay alguien en el bosque , unha impactante creación escénica de teatro documental, con cámaras en directo e un fermoso universo sonoro, que visualiza a traxedia e recupera a memoria das violacións de mulleres e nenas como un arma de guerra no conflito de Bosnia e Herzegovina. O espectáculo liderado pola actriz Ariadna Gil, con dramaturxia de Anna Maria Ricart a partir do libro da escritora croata S. Drakulic, presentarase o domingo 29 de outubro, no Pazo da Cultura, ás 20.30 horas.
A programación completa do FIOT pode consultarse íntegra no seu sitio web, onde tamén está detallada a información sobre as representacións con entrada. Os espectáculos estarán dentro e fóra do escenario: chegarán aos bares coa Rúa dos Contos, centrada na narración oral, e na que participarán Pepe Viyuela, Soledad Felloza, Bea Campos, Quico Cadaval ou Wilbur; ou ás rúas carballesas co Teatro de Rúa, que este ano se celebrará na praza do Concello coa posta de largo dos espectáculos Glamping, de SU.MA, e Duelo, de Jean Philippe Kikolas; ao igual que boa parte das obras do Metro Cadrado, onde participan novas compañías do sector a nivel autonómico.