O pergamiño do Privilexio de dona Urraca a Tui, 950 anos despois

Pergamiño completo do Privilexio de dona Urraca a Tui, asinado o 13 de xuño de 1701 © Arquivo histórico da diócese de Tui Vigo

Tui, arrasada polos viquingos, logrou refundarse grazas ás doazóns da infanta dona Urraca no século XI

A infanta dona Urraca, filla da raíña Sancha e do rei Fernando I o Magno, asinou o Privilexio co que doou á igrexa de Tui a propiedade de parte de varios mosteiros da súa contorna, incluíndo Portugal pois aínda faltaba un século para que se convertera en Reino, o 13 de xuño de 1071. Hai agora 950 anos. Este pergamiño consérvase no Arquivo histórico da catedral de Tui nunhas condicións nas que aínda se pode apreciar a caligrafía en letra minúscula visigótica, escrita en latín. O documento é inusualmente grande, mide 72 x 54 centímetros, unha circunstancia ligada á súa importancia para a cidade que facilitaba a súa lectura en alto

Tui sufrira varias invasións e ficaba, como sinalou o historiador tudense Francisco Ávila y la Cueva, ″deserta, viúva e enloitada por moitos anos″. ″Tanto viquingos, como normandos, e tamén os árabes, viñeran por aquí. Pero a cidade quedou sen xente cando en 1014 resultou arrasada polos viquingos, capitaneados por Olaf Haraldson, que chegou a ser rei de Noruega. O Privilexio busca recursos para repoboar e facer unha refundación en Tui. Ao estar nun sitio estratéxico, querían recuperala″, conta Avelino Bouzón, cóengo arquiveiro e director do Arquivo histórico da diocese de Tui-Vigo.

Monograma co que asina dona Urraca o Privilexio a Tui © Arquivo histórico da diócese Tui Vigo

Dona Urraca designou con ese documento que sería para a igrexa de Tui, e para o seu bispo don Jorge, a metade do mosteiro de Albeos, en Crecente; a terceira parte do mosteiro beneditino de Veiga de Limia, en Ourense, situado xunto ao río Sorga (un afluente do Arnoia); a metade do mosteiro de Paderne, coa vila de Prado e as súas pesqueiras, ambos pertencentes a Melgaço; e a metade do mosteiro de Tibâes, na ribeira do río Cávado.

Este último mosteiro dependía do municipio portugués de Braga, hoxe a terceira cidade máis grande do país. ″Aínda non emerxera Compostela, polo que Braga é máis importante naquel momento. Entón Tui dependía máis de Braga, e a súa influencia chegaba tamén ata alí. Por exemplo, eclesiasticamente Viana do Castelo pertencía a Tui. E todo isto permaneceu así ata o século XIV″, explica Bouzón.

"Os mosteiros eran centros de cultura, o equivalente hoxe a un campus universitario″, salienta Avelino Bouzón

Considérase que estas doazóns de dona Urraca son importantes e xenerosas pola figura esencial que supoñían os mosteiros na sociedade do século XI e o seu papel dinamizador nos eidos social, económico e político. ″Coa mentalidade de hoxe, pensamos que un mosteiro é un sitio pechado e pequeno, pero antes tiñan moitos dominios e, ao mesmo tempo, a nobreza apoiábase moito neles. Eran centros de cultura, o equivalente na actualidade a un campus universitario″, describe o relixioso, tamén párroco de San Bartolomeu de Rebordáns.

O Privilexio é un instrumento xurídico que foi empregado por papas, emperadores, reis e nobres para outorgar beneficios e favores tanto a colectivos como a particulares. Bouzón conta que no preámbulo do pergamiño, que foi estudado polo filólogo e teólogo recentemente falecido Celso Rodríguez Fernández, dona Urraca pide a Deus que lle axude a manterse no amor divino e sen pecado. ″Era unha muller profundamente relixiosa e apóiase nos Santos e na forza divina para que a rexeneración de Tui se chegase a realizar″, apunta.

Cadeirado do coro da catedral de Tui, obra de Francisco Castro Canseco © Diócese Tui Vigo

Dúas mulleres co mesmo nome, Urraca Fernández, marcaron o devir da cidade de Tui

Tui é coñecida como ″a cidade de dona Urraca″ debido ás doazóns e privilexios concedidos por dúas mulleres co mesmo nome e apelido: Urraca Fernández. A primeira é a que asina este Privilexio que agora fai 950 anos, coñecida como Urraca de Zamora, que foi madriña de armas de Rodrigo Díaz de Vivar, o Cid, e morreu en 1101. A segunda é Urraca I de León, que pasou á Historia como ″a Temeraria″. Filla de Afonso VI e da súa segunda esposa, Constanza de Borgoña, foi sucedida no trono polo seu fillo, Afonso VII de León, coroado en 1135 Imperator totius Hispaniae (emperador de toda Hispania) na catedral de León.

No Arquivo histórico da catedral de Tui consérvase boa parte da historia civil, relixiosa e cultural en documentos dun ″valor incalculable″. ″Tui é unha cidade pequena pero moi antiga, perdéronse moitas cousas pero algunhas se conservan, e o arquivo é unha delas. Aquí temos documentos de todo tipo, desde actas capitulares a actas notariais desde o século XIV ao XIX, que agora se van dixitalizar″, salienta o cóengo arquiveiro Avelino Bouzón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.