Son as voces de infinidade de películas e producións audiovisuais que chegan a nós en galego ou castelán malia seren gravadas en calquera outro idioma. E, como en tantos outros oficios creativos ou artísticos, non é habitual que as súas condicións laborais cheguen ao primeiro plano.
Actrices, actores e outro persoal do sector manifestáronse este domingo en Santiago
É o que vén de suceder coas actrices e actores de dobraxe que traballan en Galicia. "Xa non estamos de oferta", resumen para sintetizar as reivindicacións que levaron o sector a sacar á rúa a súa loita laboral. Coa manifestación desenvolvida este domingo en Santiago queren poñer o foco sobre o que cualifican como unha situación "insostible e ilegal".
"Levamos dezaoito anos cobrando por baixo do que establece a lei, pero chegou o momento de reivindicarmos de forma inequívoca e decidida o noso dereito a que se aplique o convenio colectivo da dobraxe", advirte o manifesto lido na protesta. Impulsada por Artistas da Dobraxe Asociadas (ADA), a mobilización contou co apoio dos tres principais sindicatos de clase: a CIG, CC.OO e UGT.
O persoal denuncia que o seu "incumprido" convenio colectivo data de 2006, que nin sequera perciben "as subas do IPC" e que as empresas lles pagan o traballo en castelán un 25% por baixo do estipulado
O convenio da dobraxe en Galicia, detallan, data de 2006 e "abrangue os dous idiomas oficiais". O traballo en galego cóbrase "co salario de 2006", aínda que "integramente", mentres que "a patronal decidiu tornar máis competitivo o traballo en castelán, deixando de retribuír o establecido legalmente". Nese caso, "no mellor dos casos", abonan "un 25% menos do que deberan".
"Un 25% menos do que establece un convenio que non se revisa dende 2006, que se incumpre dende a súa creación" e que "foi asinado pola nosa patronal e acto seguido, denunciado" pola mesma "para que non puidésemos percibir as subas do IPC". Con este pano de fondo, aseguran, "dende o empresario máis modesto ata a gran multinacional ameazan con pechar se aplican a táboa salarial legal".
O persoal retrata, asemade, un escenario de "coaccións" segundo as cales "se non aceptamos as súas condicións, non nos chamarán para traballar, sementando o medo entre o colectivo". E mentres, "as empresas aumentan a súa produtividade, enriquecéndonos á conta do noso esforzo". Por todo isto, con protestas como a deste domingo pretenden atopar apoio social e nas administracións xa que "tras varias tentativas de negociación da nosa parte, non chegamos a acordo ningún".