A crúa vaga de incendios que Galicia sufriu no verán de 2022 ten protagonismo na Berlinale. A cineasta danesa Robin Petré vén de presentar na sección Generation Kplus do prestixioso festival de cinema da capital alemá o documental Only on Earth, que debulla a dura convivencia, a loita e o drama que o lume provocou no país naquel mes e medio de hai case tres anos.
"Unha viaxe inmersiva e visualmente impresionante polo sur de Galicia, unha das zonas de Europa máis vulnerables aos incendios forestais", di a sinopse dun documental que "reflexiona sobre o fráxil equilibrio do noso mundo natural e sobre as relacións entre humanos e animais" a través dos ollos de varias personaxes. Son un mozo gandeiro, unha veterinaria ecuestre, unha familia de labregos, un experimentado bombeiro e as propias bestas, os cabalos, que acaban por ser as protagonistas.
O documental está dividido en varios capítulos que abordan diferentes temáticas pero todas arredor do lume e da loita "por sobrevivir mentres os incendios incontrolables se achegan" no que foi "o verán máis caloroso da historia", como relata Polar Star Films, produtora española do filme xunto á danesa Hansen & Pedersen.
Foi a propia directora quen traballou a pé de obra, rodeada de perigosas lapas, cando un ano antes a súa primeira intención era investigar a situación dos cabalos salvaxes, centrándose tamén no que acontecía arredor das bestas no sur de Galicia. Á súa volta, en 2022, o lume mudouno todo e o filme engadiu os incendios ao protagonismo inicial dos animais.
Aquel duro verán, sobre todo no sur de Galicia, fora o peor en materia de incendios no país desde o nefasto 2006. En pouco máis de 45 días, na segunda metade de xullo e no mes de agosto, arderan arredor de 43.000 hectáreas.
En total, 59 fogos, que afectaron principalmente á provincia de Ourense, aínda que tamén ao sur de Lugo (especialmente no Courel e os concellos de Cervantes e Palas de Rei), ao interior e ao sur de Pontevedra (especialmente Arbo) e ao Barbanza na provincia coruñesa.
O documental foi estreado o pasado 15 de febreiro na Berlinale, a onde chegou logo de acadar o Premio IEFTA Cannes Marché Du Film Docs-in-Progress 2024 e o Premio de Desenvolvemento de Coprodutores de Eurimages en CPH: Foro 2023. Está nominado ao gran premio á mellor película e ao galardón de cinema documental no festival berlinés.
O pasado 18 de febreiro, no marco da Berlinale, o Instituto Cervantes de Berlín organizou un encontro coa directora e mais a directora de Fotografía, María Goya.
Non é a primeira vez que un filme aborda con éxito o problema dos incendios en Galicia. En 2019, O que arde, dirixida por Óliver Laxe, converteuse no filme en galego máis visto en salas, superando a Sempre Xonxa, acadando ademais múltiples recoñecementos en todo o mundo.