A Editorial Galaxia publica 'Loitando pola Galicia que non foi. Artigos e conferencias. 1932 - 1936', no que figuran os artigos de don Paco desde que en 1931, con 18 anos, se incorpora ao nacionalismo galego e ata o ano 1936, cando se ten que esconder para salvar a vida
"Nos momentos presentes, mais que nunca, Galicia atura todol-os aldraxes e inxusticias dos Poderes centrás. Endexamais, como agora, o labrego galego e o home da cultura, se sentiron mais afogados pol-a opresión". Así se expresaba Francisco Fernández del Riego con vinte anos nun artigo titulado A nosa Festa Nacional, publicado o 25 de xullo de 1933 no xornal galego A Fouce. A maioría das súas denuncias naquela época teñen o foco na confrontación Galicia - España tanto no político coma no cultural.
Artigos coma este aparecen no libro Loitando pola Galicia que non foi. Artigos e conferencias. 1932 - 1936, da autoría do homenaxeado no Día das Letras e baixo a edición de Justo Beramendi. Publicado na colección Biblioteca Fernández del Riego, é a obra que pon o broche final á proposta de Editorial Galaxia arredor das celebracións das Letras deste 2023.
O historiador Justo Beramendi explica no seu limiar que recompilar e publicar a produción xuvenil de don Paco é un exercicio de "xusta recuperación para a memoria colectiva", pois quen coñeceu a Del Riego nos seus últimos anos descoñecía a súa faceta como líder estudantil e das xuventudes nacionalistas dos anos trinta antes do golpe de Estado.
Neste libro figuran os seus artigos desde que en 1931, con 18 anos, se incorpora ao nacionalismo galego e ata o ano 1936. Son 81 textos publicados en diferentes revistas e xornais da época como A Nosa Terra, Nós, A Fouce ou El Pueblo Gallego dun "mozo que aos vinte e tres anos viu brutalmente interrompida unha traxectoria tan precoz como prolífica".
Unha "xusta recuperación para a memoria colectiva", en palabras de Justo Beramendi, que está a cargo da presente edición
Todos os seus escritos, salvo tres, están en galego e aparecen neste libro respectando ao máximo como foron publicados. Beramendi sinala que quixo "deixar patente o enorme esforzo que fixo aquela xeración por sacar o galego culto do gueto poético en que iniciara a súa recuperación no século XIX e deixalo implantado nos restantes usos públicos".
Don Paco chegou á política co nacionalismo en "tempos tan turbulentos coma ilusionantes" e foi unha figura activa e respectada que acreditou na paz desde o inicio e tratou de manter a unidade ante a creación de diferentes grupos e escisións ata que, tras a fundación do Partido Galeguista, foi elixido secretario xeral da Federación de Mocedades Galeguistas (FMG), onde tamén estaba Xaime Isla Couto como secretario de organización, con quen dúas décadas despois crearía a Editorial Galaxia.
"A terra e a concencia preñadas de novos ideás; os ideás revolucionarios, que inmerxendo o corpo e a ialma da nación nas augas da adversidade, despois da proba tráxica da door e da morte, sáqueos limpos de toda mancha na sua persoalidade ante a crisis de réximes unitaristas e de corrución", escribe Del Riego no artigo Galicia, mocedade, revolución, publicado no xornal A Fouce en xaneiro de 1933.
As publicacións destes anos conteñen enérxicas reivindicacións de quen ten todo por facer e atopou unha vía para levar a cabo os seus propósitos de país. Como nacionalista galego do sector liberal-demócrata coincide no básico co establecido por Vicente Risco, debulla Beramendi no seu análise dos artigos, a pesar de recorrer a autores europeos para articular o seu concepto de nación galega. En 1934 introduce así a súa idea de nación: "Galicia é unha nación tanto si se olla dende o punto de vista espritualista da sua formación coma si se analiza atendendo ao criterio materialista, motor da sua evolución económica nacional".
"O nacionalismo galego, que mais que un movimento político é unha xeira de postulados de cultura dá coa sua fórmula integral", escribe don Paco en Nós en 1933
Ata que en xullo de 1936 se ve obrigado a agocharse para salvar a vida, Del Riego diríxese aos seus compañeiros sempre coa cultura e a lingua galegas no centro do discurso. "Defende as vangardas artísticas como algo beneficioso para o nacionalismo galego e até se permite reprochar a Castelao que as rexeite no seu Diario de 1921", apunta Justo Beramendi na súa contextualización histórico-política dos textos deste Loitando pola Galicia que non foi. Artigos e conferencias. 1932 - 1936 que edita agora Galaxia.
"O nacionalismo galego, que mais que un movimento político é unha xeira de postulados de cultura dá coa sua fórmula integral. Da poesía pasóu â prosa, meteuse na política, faguéndose carne na literatura, na pintura, na música, na escultura, no ensaio, na filosofía, no folklore, pra chegar incruso a impôr novas interpretacións do económico e novos meios de conducta no mundo das finanzas, nas esferas do insiño e no terreo do agrarismo", afirma don Paco no Índice cultural e artístico do Renacimiento galego, publicado na revista Nós en 1933.