"Non valerían nada o tempo e o espazo se non tivesen un contido", escribe Paco del Riego a propósito da súa intención de "resucitar os momentos pretéritos" e recuperar o "ambiente espiritual" nas páxinas de 'O río do tempo. Unha historia vivida''
"A miña conciencia queda máis acalugada e tranquila despois de escribir o libro", afirma Francisco Fernández del Riego no proloquio da autobiografía O río do tempo. Unha historia vivida, publicada orixinalmente en 1990 en Edicións do Castro e que agora reedita a Editorial Galaxia dentro da Biblioteca do autor, creada este ano como unha das homenaxes ao cofundador da editora e protagonista do Día das Letras.
Esta obra é o repaso máis profundo que o autor fai do seu percorrido vital, comezando pola súa nenez en Lourenzá e debullando a etapa universitaria en Madrid e Compostela e os primeiros actos políticos, relatando o "mazazo" do golpe militar e mais da guerra e como se foron organizando paseniño desde o exilio exterior e interior e aportando luz sobre piares fundamentais da cultura galega como foron o Seminario de Estudos Galegos e o Partido Galeguista, e posteriormente a Editorial Galaxia ou a Fundación Penzol. "Non valerían nada o tempo e o espazo se non tivesen un contido", di don Paco a propósito da súa intención de "resucitar os momentos pretéritos" e recuperar o "ambiente espiritual".
"Cumpría redactar o testemuño dun tempo que moitos descoñecen, e que outros, sen saber tampouco da verdadeira realidade, terxiversaron con interpretacións cilosas", defende Del Riego, que non aforra a quen se adentra no libro as profundas reflexións dun home de máis de setenta anos que pode botar a vista a atrás. "A vida é breve –sinala–. Por iso están as lembranzas da nenez. A nenez vén sendo como tentarse por calquera aparencia. Ou como crer que o anfiteatro é a mellor localidade do teatro".
"Pensaba eu por ese tempo que había que o sacrificar todo ao ideal que nos movía. Ser idealista parecíame que era imprescindible", conta Del Riego sobre os seus anos como universitario en Santiago
En O río do tempo don Paco dá conta da Compostela na que se une ao Seminario de Estudos Galegos e na que coñece a Ánxel Casal, quen organizaba tertulias a diario na súa imprenta na rúa das Hortas. Faladoiros que marcaron ao mozo que era Del Riego e nos que coincidiu con Camilo Díaz Baliño, Luís Tobío, Fraguas, Luís Seoane ou Carlos Maside. "Pensaba eu por ese tempo que había que o sacrificar todo ao ideal que nos movía. Ser idealista parecíame que era imprescindible. Pero sen prexuízo de non perder de vista a realidade, e de loitar con ela para que se respectase o noso ideal", relata.
Despois chegaría o proxecto de Ultreya, impulsado por Álvaro de las Casas, que se propuña "vencellar a mocidade galega coa terra e cos valores máis significativos da comunidade". Un grupo co que Paco del Riego desenvolve moitas xeiras que enlazan coa súa actividade política naqueles anos trinta previos ao alzamento contra a República española. Así, no libro conta as súas percepcións sobre que a organización provincial galega lle resultaba "ficticia" e que "a súa artificiosidade producira un tipo de deputacións que evidenciaban unha total falta de eficacia, boas só para o fomento do caciquismo".
Nestas memorias don Paco expón abertamente os malos momentos, conta como ao comezo da ditadura de Franco chega a Vigo e non logra atopar traballo como mestre, polo que sobrevive cos poucos cartos que lle aporta a colaboración na revista Industrias Pesqueras e decide facer unha soa comida ao día. Aquí tamén reproduce a dor das súas amizades, como é o caso das cartas de Carvalho Calero enviadas desde o cárcere de Xaén: "Hai tempo que son fiel perseguido da desventura, ata o extremo de que cando ela se alonxa de min, eu parezo ir tras dela, procurando infortunios novos cando se liquidaron os vellos infortunios".
"Fáiseme difícil mellorar a evocanza de importantes erros, de determinados fracasos", recoñece don Paco nestas memorias de vida
As primeiras comunicacións e os primeiros encontros para reactivar o Partido Galeguista están contados coa emoción do momento, aínda que xa pasaran case corenta anos cando don Paco os escribe. De aí parten toda unha serie de fitos nos que segue a participar o autor e sobre os que volve para explicar o por que de decisións como a de constituír a Editorial Galaxia como unha sociedade anónima no rexistro mercantil.
"Por veces o amor propio, en complicidade co enfeblecemento progresivo da memoria, levoume quizais a atenuar a indignidade de certos feitos pretéritos. E, por outra banda, a fermosear aspectos deslucidos de certos episodios da mocidade. A miña sinceridade a posteriori pode chegar a ser absoluta. En troque, fáiseme difícil mellorar a evocanza de importantes erros, de determinados fracasos. E iso tradúcese en remorsos de tipo egoísta, sempre latexantes e que asoman ao meu conecemento reflexivo con ritmo periódico implacable", razoa no epílogo.