Unha tese doutoral, publicada como libro de divulgación co título 'Lingua, poder e adolescencia', afonda no estigma que sofren rapaces e rapazas galegofalantes na educación secundaria
O investigador Miguel Rodríguez Carnota quixo afondar, usando técnicas cualitativas -observando as aulas e facendo entrevistas ao alumnado- no fenómeno, xa denunciado por Valentina Formoso, do estigma que sofren os rapaces e rapazas galegofalantes na educación secundaria. E atopou unha realidade que xa intuía: son os propios compañeiros e compañeiras os que presionan aos mozos e mozas galegofalantes para que muden ao castelán ou para que freen os intentos de pasarse ao galego. O grupo de pares funciona, así, como transmisor -inconsciente- das directrices do poder sobre o galego como lingua B, como idioma subordinado ao castelán. O estudo, resultado dunha tese doutoral, foi publicado como libro de divulgación co título Lingua, poder e adolescencia (Xerais).
O ensaio é un libro de divulgación escrito a partir dunha tese doutoral. De que maneira o teu traballo como profesor deu orixe ao tema de investigación da tese?
“Había unha exigua minoría de alumnado galegófono que perdía a súa lingua en cuestión de meses. Outros querían recuperar o galego como lingua normal, mais, se o conseguían, facíano entre severas dificultades”
Todo parte da miña experiencia dentro do instituto no que traballei durante vinte anos como profesor de inglés e, co tempo, como responsábel do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, xa despoxado do seu nome de Equipo de Normalización. Nun medio esmagadoramente castelanfalante había unha exigua minoría de alumnado galegófono que perdía a súa lingua en cuestión de meses. Outros querían recuperar o galego como lingua normal, mais, se o conseguían, facíano entre severas dificultades. Aí comecei a preocuparme seriamente. Que sucede nesa caixa negra que os profes non vemos? Cales son as vivencias concretas que impiden a unha persoa adolescente dunha vila galega usar a lingua do país como normal, máis alá do uso ritual que se promociona?
O traballo de campo consistiu na observación e na realización de entrevistas en profundidade. Como escolliches os alumnos e alumnos a entrevistar?
Non foi difícil. Decidimos entrevistar a alumnado que tivese unha relación especial coa lingua galega: que fosen galegofalantes nalgún momento, que o intentaran cando menos algunha vez... Eles e elas eran os que nos podían dar conta das súas feridas. Obviamente, este non era o alumando medio do instituto. Para seleccionar a mostra o primeiro foi tirar de memoria, pois o universo de adolescentes galegofalantes era bastante limitado. Todos os e as informantes eran xa antigos alumnos e alumnas dese centro, maiores de idade cando foron entrevistados. Máis tarde houbo entrevistados que nos suxeriron novos informantes que coñecían. Así xuntamos até dez, dous máis dos previstos inicialmente no deseño da investigación.
Nas entrevistas apareceron, desde o principio, os pares (compañeiros e compañeiras), e non as familias ou os profesores, como os principais causantes da mudanza lingüística do galego cara o castelán. En que medida foi isto unha sorpresa ou unha novidade para ti, tendo en conta as investigacións previas?
“O substancial, o que máis lles importaba aos adolescentes, nun tempo de socialización moi especial, era a actitude dos seus propios pares”
Esa é unha das revelacións máis dolorosas da pesquisa. Non é que os profesores fosen completamente inocentes, pois tamén se rexistraron algúns casos de ataques glotófobos que proviñan do profesorado. Mais o substancial, o que máis lles importaba aos adolescentes, nun tempo de socialización moi especial, era a actitude dos seus propios pares. Si, un esperaba en certa medida este resultado, mais non coa crueza e a virulencia que ía aparecendo nas entrevistas.
Por certo, esas entrevistas tiveron por momentos unha carga emocional fortísima. As e os informantes, por regra xeral, tiñan unha ganas enormes de contarlle a súa experiencia a alguén que os puidese entender. Falaron libres e descontraídos. Para algún deles contar a súa historia lingüística foi unha verdadeira terapia.
No marco teórico destacan, entre outras, a microfísica do poder de Foucault ou o mercado das linguas de Pierre Bourdieu. Que achegaron á túa tese?
“Os pares que impiden o uso do galego como normal actúan, no medio no que se moven, como transmisores da directriz do poder que consagra a lingua galega como subsidiaria e subordinada da española”
Moito, porque ambos conceptos nos remiten ás relacións existentes entre lingua e poder. Fago un uso limitado pero transcendental de Foucault. A súa visión de poder encaixa co que ía saíndo nos testemuños dos informantes. O poder non se posúe, transmítese, dinos Foucault. O poder exprésase en actos que veñen de todos lados, non só de arriba. Os pares que impiden o uso do galego como normal actúan, no medio no que se moven, como transmisores da directriz do poder que consagra a lingua galega como subsidiaria e subordinada da española, hoxe recluída no seu uso a certos ámbitos delimitados.
Cando falo do poder non falo nin da Xunta, nin do Goberno central, nin sequera dos xuíces, da Garda Civil ou do Exército. Falo de algo máis profundo e estábel, que no terreo que nos ocupa se traduce na eterna subordinación de Galiza e de todo o que representa ante España e o español. Desculpen a linguaxe incendiaria, mais é así. Se lemos o Libro negro da lingua galega, esa magnífica e recente obra de Carlos Callón (2022), estaremos máis perto de coñecer as causas históricas de todo isto e como esa subordinación se traslada ao terreo das linguas.
“Os que lles serven o prato do poder en bandexa aos adolescentes galegofalantes son algúns dos seus propios compañeiros e compañeiras. Eles e elas son, moi inconscientemente, os encargados de facer o traballo sucio".
O mercado das linguas está desequilibrado desde hai séculos, e todos sabemos cal vale máis e cal vale menos. Pois ben, a este nivel lingüístico e neste espazo concreto, os que lles serven o prato do poder en bandexa aos adolescentes galegofalantes son algúns dos seus propios compañeiros e compañeiras. Eles e elas son, moi inconscientemente, os encargados de facer o traballo sucio. Non só e coa lingua co que isto sucede. Ollemos ao redor e descubriremos como a homofobia, a xenofobia ou a aporofobia, por exemplo, se transmiten a través do corpo social do mesmo xeito.
Mais non todo é negativo. Foucault tamén se encarga de dicirnos que onde hai circulación do poder tamén hai resistencias. É como a transmisión dunha enerxía física como o calor ou a electricidade a través dos corpos. Hainos condutores e supercondutores, mais hai tamén corpos resistentes por onde esa enerxía non pasa e, se o fai, faino con dificultade.
É curioso constatar cales son os ámbitos de resistencia que os propios adolescentes galegofalantes crean para poder exercer a súa liberdade de falar na lingua que lles peta. Curiosamente, eses ámbitos de resistencia galegofalante vanse parecer moitísimo aos que noutros lugares crean outras minorías estigmatizadas como as persoas LGTB ou as racializadas. Grazas a esas resistencias estamos vivos, e imos seguir vivos por moitos anos. Esa é a parte boa.
Os alumnos e alumnas entrevistados falan dalgúns ataques por parte do profesorado, máis ou menos directos. En que consisten estas microagresións?
Hai de todo, e no libro recóllense en escala ascendente. Alén deses incumprimentos manifestos da lexislación que delimita as horas que se deben impartir en galego (como todos sabemos, esta lexislación, en moitos lugares, nunca se cumpriu), os a as informantes dan conta desde comentarios inoportunos de profesores até ataques máis serios, en aparencia máis planificados e constantes. Debo sinalar, porén, que os ataques provenientes do profesorado non son a tónica xeral no libro. Son decisivos, mais esporádicos, moi limitados. Só uns poucos informantes dan conta deles. O profesorado do instituto tiña pouco ou nada de galegófobo, en termos xerais. Quizá un tanto displicente ante o fenómeno, máis nada. E dentro do profesorado, hai tamén magníficos profesionais moi comprometidos coa lingua. Os institutos son mares de correntes cruzadas.
En que se diferencian os ataques provenientes do profesorado e do alumnado -que parecen ser os máis importantes-?
“Os atacantes aproban todos e todas a materia de Lingua e Literatura Galega e son perfectamente capaces de facer un uso ritual da lingua do país. Estamos ou non estamos tolos?”
Os máis importantes e os máis numerosos. Os ataques dos alumnos e alumnas van frecuentemente en forma de graza, de broma, de brincadeira, de ocorrencia. Como ese informante galegofalante, o único do seu nivel, que fai unha falta nun partido de fútbol no recreo, e o do equipo contrario, galego coma el, chámalle “gallego”. Ou ese adolescente que ten que mudar de lingua para escapar do incipiente acoso escolar e que mantén, anos despois de deixar de falar a súa lingua, o alcume de “Falagalego” no instituto.
Ou aquel adolescente agoniado pola situación de ser o único galegofalante da súa contorna, e cando quere mudar de lingua dálle vergoña por ambos lados, por falar galego e por falar castelán. Entón pensa en facer unha listaxe de persoas coas que falar nun idioma e noutro. Ou esa adolescente que xa hai anos que non fala en galego por querer “integrarse” (sería que non a entendían?) e é vítima, nun recreo, dun ataque coral que comeza cun “decían por ahí que hablas gallego, ¿por qué hablas gallego?”.
É un ataque que acaba mal e que resulta nun abandono aínda máis radical da lingua galega por parte da nena. Por certo, aqueles atacantes aproban todos e todas a materia de Lingua e Literatura Galega e son perfectamente capaces de facer un uso ritual da lingua do país. Estamos ou non estamos tolos? Por outra parte, hai unha característica común aos ataques rexistrados como provenientes do profesorado: que se producen en público, no medio das clases. Aparentemente buscan o apoio e a complicidade dos compañeiros e compañeiras presentes para ridiculizar ou reprobar o alumno idiomaticamente díscolo. E vaia se o conseguen.
En que consiste o fenómeno da dualidade que observaches nos institutos?
Chámolle dualidade a unha conduta do profesorado que se manifesta no uso do galego en situacións formais (aulas, actos oficiais, etcétera) e do castelán noutros contextos máis limitados e persoais. Hai informantes ás que non lles estorba esta dualidade e incluso a consideran positiva, polo que supón, cando menos, de cumprimento estrito das disposicións legais. A outras, porén, moléstalles bastante e a consideran como unha falta de autenticidade.
En relación co anterior, cal era a paisaxe lingüística interna dos centros?
Sorprendentemente galeguizada. Unha das tarefas da investigación foi a de recoller a estruturación a as mudanzas na paisaxe lingüística do centro e tratar de relacionalas co que nos ían contando as e os informantes. Foi tremendo comprobar como todo que se relata (os ataques, os incumprimentos, a case imposibilidade práctica de utilizar a lingua galega como normal) producíase nunha contorna, nun escenario, onde case todo o que se vía polas paredes estaba escrito en idioma galego. Foi outra peza difícil de encaixar neste quebracabezas lingüístico galego que temos diante!
O alumnado galegofalante atopaba refuxios nuns poucos espazos. De que xeito funcionan as redes sociais como espazo seguro ao respecto?
“Ás veces a utilización do galego nas redes precede ao seu uso no mundo real: as que queren avanzar cara ao galego comezan, ás veces, polas redes. Mais hai de todo”
En xeral representan un pequeno espazo de máis liberdade que a contorna habitual na que se moven. Ás veces a utilización do galego nas redes precede ao seu uso no mundo real: as que queren avanzar cara ao galego comezan, ás veces, polas redes. Mais hai de todo. Unha informante, que ten a idea de falar en galego un día e recúa ante o “cristo” que se armou ao seu redor coas súas amigas, dime que fala galego nas redes, pero que tamén lle chaman “hipócrita” por facelo xustamente alí e non fóra delas.
Estudas tres casos: a mudanza do galego ao español; a mudanza do español ao galego e os intentos de manter o galego que non se realizan ata deixar o instituto. Como pesa a presión (rexeitamento) do grupo de compañeiros en cada un dos tres casos? Cales son as diferenzas principais?
A mudanza do galego ao español prodúcese nos meus informantes progresivamente desde a primaria e acelérase na adolescencia, sobre segundo ou terceiro da ESO. As do español ao galego (ou os intentos de facelo) verifícanse cando a rapariga ou o rapaz, moitas veces grazas ás nocións de sociolingüística que aprenden no instituto, van tomando consciencia do que é Galiza, e desa situación idiomática que padece e que é reflexo de fenómenos máis profundos.
Algúns son intentos ben sucedidos de mudanza de lingua, outros non. Por exemplo, unha informante, cando dá o paso de falar en galego coas compañeiras, ten claro que vai recibir críticas delas, mais que “todo será cousa da súa cabeza, e non da miña lingua”. Esta rapariga seguiu falando galego. Outras, porén, dan o paso e recúan ante as críticas. Normalmente recuperan un uso normal da lingua cando saen do instituto e se ven libres. É obvio que isto non deixa en bo lugar ao instituto como lugar propicio para o uso normal da nosa lingua.
Nalgúns casos pode falarse de acoso, de bullying. Mais os rapaces e rapazas non o consideran así, pois tenden a relativizalo todo. Por que cres que acontece este fenómeno de non ser conscientes do acoso? Que ten que ver coa ausencia dunha categoría específica?
“Algúns informantes rexeitan de plano a idea de teren sufrido acoso, outros aseguran ter pasado por el, e de xeito moi doloroso”
Algúns informantes rexeitan de plano a idea de teren sufrido acoso, outros aseguran ter pasado por el, e de xeito moi doloroso. Hai dous discursos nas persoas informantes: ao relataren os mesmos feitos, unhas considéranse vítimas de bullying, outras relativizan. Mais incluso as que relativizan admiten que deixaron de falar en galego... para librárense do acoso!
Existen categorías específicas de acosos varios, ben presentes, felizmente, na mente de todos nós. Calquera adolescente é quen de identificar agresións homófobas ou xenófobas. Temos na lingua palabras para iso, temos todos o concepto na mente. Coas agresións glotófobas, galegófobas, o concepto non está tan formado. Por iso as e os meus informantes parecían estalo construíndo en cada entrevista. Tampouco na mente do profesorado está presente este construto, nin na dos departamentos de orientación, nin na das direccións das institucións educativas. Mais as agresións existen, e deben ser consideradas. Hai que abrir os ollos.
En que sentido falar galego supón un estigma para a persoa que o fala?
“Falar galego con normalidade e fóra dos limites estabelecidos é un estigma para unha persoa adolescente”
Unha das achegas, creo, máis novidosas da tese e do libro é o diálogo que se estabelece entre o estigma de falar en galego e outros estigmas varios que andan polo noso mundo, como os xa mencionados que afectan a pobres, estranxeiros, mulleres ou persoas LGTB. Iso débollo á miña directora de tese, a profesora Renée de Palma, da UDC. É unha persoa moi coñecedora de situacións de desigualdade varias, tanto dentro como fóra do sistema educativo. Si, falar galego con normalidade e fóra dos limites estabelecidos é un estigma para unha persoa adolescente.
Un estigma recoñecido incluso no título de libros como o de Valentina Formoso Gosende (2013), Do estigma á estima, sen que ninguén botase as mans á cabeza. Os informantes de Valentina, como os de Ana Iglesias Álvarez (2002) ou os de Lidia Gómez Martínez (2020), son atacados por falar en galego fóra de contexto, na cidade, nas vilas. Falar a lingua cooficial do país: un estigma. A política lingüística de calquera goberno debera comezar por aí.
Como se pode resumir a achega da túa investigación en comparación coas de Ana Iglesias e Valentina Formoso, é dicir, como se complementan as tres?
Considero que son tres elos dunha mesma cadea, tres intentos de desvelar o que realmente sucede coa lingua galega nas entrañas da nosa sociedade, máis alá de formulacións estatísticas ou de achegas politicamente correctas. Coñecer o cuantitativo (as porcentaxes de galegofalantes, o ritmo da súa perda, os lugares onde desaparece os lugares onde se mantén) ten unha importancia enorme. Mais o cualitativo, o que se esforza en explicar como a xente vive todo este fenómeno do conflito lingüístico que latexa na nosa sociedade, tamén é fundamental. Ana e Valentina son, neste senso, as miñas mestras. Os seus traballos son fitos, puntos de referencia imprescindíbeis. Desvelaron aspectos moi importantes mais, infelizmente, non se lles fixo demasiado caso. Aínda estamos a tempo! Agardo que o meu traballo, unido ao delas, sirva para abrir ollos, para debater, para que novos investigadores sigan insistindo, profundando no tema de aclarar o que sucede co idioma galego na Galiza.
Como se poderían transformar os centros de ensino para que isto non aconteza?
“Benvidos os que, coñecendo a doenza, se impliquen e se esforcen para superala. Sairemos adiante!”
O primeiro é que os profesionais que traballan neles coñezan o que sucede coa lingua, igual que coñecen o que sucede con outros fenómenos que afectan á convivencia e á liberdade do seu alumnado. Hai moi bos profesionais, hai xente preparada e disposta, isto non o dubido. Trátase de coñecer o problema e de encaralo. É obvio que a solución está na transformación do ambiente de aprendizaxe dos institutos.
Simplemente, facer que calquera alumno ou alumna poida integrarse nese medio falando a súa lingua galega, cando esta é diferente ao idioma maioritario no contexto. Arroupar, apoiar, fomentar o uso do galego como lingua normal, máis alá das paredes e o teito de cristal que o acurralan. Isto como primeiro paso. Precisamos unha nova política lingüística que tome en consideración todas as investigacións, cuantitativas e cualitativas, para mudar o futuro da nosa lingua. O bilingüismo harmónico está historicamente fracasado e fai falta un novo paradigma. Poida que as visións chamadas harmónicas ou cordiais, tan afastadas da realidade, sigan gañando batallas ideolóxicas e mediáticas despois de mortas, mais todo será cuestión de tempo.
Algo máis que queiras salientar?
Si, e moi importante. Quero fuxir de todo catastrofismo. O libro é un libro duro, con arestas moi dolorosas cando se tocan. Mais a idea é coñecer para sandar, para revivir, para florecer. Quen teña tendencia a tirar conclusións negativas ou terminais é mellor que non o lea. Benvidos os que, coñecendo a doenza, se impliquen e se esforcen para superala. Sairemos adiante!