Pantera: unha revista sobre biodiversidade para crianzas que abandona o discurso adultocéntrico e potencia o gusto estético

Dúas portadas da revista infantil Pantera na súa edición en galego © Revista Pantera

Pantera publícase por primeira vez en galego este ano, diríxese a lectoras e lectores entre cinco e dez anos e conta cun enfoque centrado no coidado do planeta a través da educación emocional

Pantera é unha revista infantil independente, para lectoras e lectores entre cinco e dez anos, nacida en 2019 en Valencia baixo o selo editorial Savanna books. Este ano publicarase por primeira vez en galego e éuscaro, ademais de en catalán e castelán, como viñan facendo os últimos catro anos.

“Unha das maiores dificultades é abandonar o discurso adultocéntrico e facer uns textos lixeiros, frescos e amenos sen perder profundidade e rigor, porque tampouco é cuestión de facer textos banais por ser para crianzas. Todo o contrario. Os nosos valores implican aportar as crianzas unha revista con temas con fundamento, que pasan por corrección científica”, conta Cristina Camarena, directora da revista.

Publícase tres veces ao ano e conta cun enfoque centrado no coidado do planeta a través da educación emocional. Na actualidade xa chega a máis de catro mil familias e a organizacións educativas e ambientais, escolas e bibliotecas, e a institucións como o Instituto Cervantes.

A nova etapa da revista Pantera céntrase nos valores como tema principal © Revista Pantera

Desde a editora destacan que son contidos pensados para nenos e nenas que xa saben ler, pero iso non significa que teñan que facelo en soidade. “O ideal é que as familias senten coas crianzas a ler porque a lectura compartida é moito máis significativa nesas idades, pero a revista está feita para primeiros lectores así que tamén poden lela sós. Aínda que nós sempre animamos ás familias a que lean cos seus fillos porque se non os acompañamos sendo pequenos, cando?”, razoa Cristina Camarena.

"O ideal é que as familias senten coas crianzas a ler porque a lectura compartida é moito máis significativa nesas idades, pero a revista está feita para primeiros lectores", salienta a directora

“Desde o principio buscamos que en cada número da revista aparezan ameazas do cambio climático, solucións e contidos locais tamén, como a Albufera de Valencia, os humedais de Andalucía ou o Mar Menor. Interpelamos ao local porque non só pasan cousas no Amazonas, que as crianzas tamén saiban que aquí ao lado tamén hai seca e zonas desertificadas”, explica a directora.

Na nova etapa que comeza a revista Pantera, o equipo, no que participan profesionais de todo o Estado traballando en remoto, e no que contan con ilustradores e correctores de Galicia, céntrase nos valores como tema principal. A primeira revista que sairá en galego, éuscaro, catalán e castelán versará sobre a gratitude, a seguinte abordará o asombro e a última do ano tratará a empatía. “Dentro deses valores transversais a todos os contidos de cada número, introduciremos máis temas locais de toda a Península, que iremos definindo”, apunta Camarena.

“Sabemos máis doutras realidades que dos nosos veciños, é abraiante que teñamos esta riqueza lingüística e diversidade cultural e sexamos tan alleos uns a outros. Na editorial somos de Valencia, pero falamos catalán, e pásanos moito como en Galicia co españolismo sempre enriba, a nosa lingua minorizada, a autoestima baixa... E hai que loitar contra esa cultura dominante esmagadora”, conta a directora.

Desde o comezo quixeron lanzar a revista nas catro linguas, pero houbo que agardar a consolidar o proxecto para poder lanzarse a esta aventura, que é aínda máis difícil porque manteñen a impresión no Estado e o pago duns salarios xustos para o equipo e as persoas colaboradoras.

"Queremos a revista sexa como a súa primeira visita a un museo", salienta Cristina Camarena

Cada número de Pantera contén unha parte de relatos de ficción, textos de divulgación sobre asuntos de científicos ou da Bioloxía e contidos prácticos para debuxar, escribir e titoriais ou receitas de cociña. Nestas publicacións, ademais do coidado temático, cultívase o gusto estético das crianzas. “Queremos a revista sexa como a súa primeira visita a un museo”, salienta Cristina Camarena.Tras lograr completar unha campaña de micromecenado, que lles permitiu asegurar a tirada da revista, xa teñen aberta a subscrición para este ano. A revista tamén se pode pedir en librarías ou quioscos.

Neste camiño por achegar as súas publicacións nas linguas oficiais do Estado, a editorial Savanna Books publica tamén un libro sobre a sexualidade dirixido a un público adolescente que interpela á rapazada na súa linguaxe. “Este tipo de libros case sempre se centran nas enfermidades de transmisión sexual e nos riscos, que está moi ben, pero queriamos abordar tamén o pracer e a diversidade sexual”, sinala Camarena. Sexualidades está escrito por Isa Duque e ilustrado por Lyona.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.