Prudencia, fortaleza, temperanza e xustiza: as catro virtudes que Martiño de Dumio aconsellou ao rei Miro de Gallaecia

Tradución francesa medieval do libro de Martiño de Dumio 'Quatre vertus cardinales'. Chantilly, Bibliothèque du château © Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura traduce ao galego un libro de éxito na Europa Medieval, 'Como levar unha vida honesta', no que o monxe Martiño de Dumio escribe un breve compendio de ética natural con consellos inspirados nas catro virtudes cardinais de Platón

Ao accerder á coroa do reino suevo de Gallaecia, o rei Miro encargoulle ao seu mestre, o monxe Martiño, bispo de Dumio e recentemente nomeado arcebispo de Braga, un tratado con leccións para afrontar a vida e o goberno. Martiño de Dumio cumpriu co seu encargo coa Formula vitae honestae, un breve compendio de ética natural, dirixido aos laicos, para levar unha vida honesta, tratar a soberbia ou desenvolver a humildade, no que recolle as ensinanzas dos autores clásicos e dos primeiros pais da doutrina cristiá.

Este texto escrito arredor do ano 570 foi un éxito na Europa medieval e na actualidade consérvanse 675 copias latinas do texto en prestixiosas bibliotecas de todo o mundo. Con motivo da festividade de Martiño de Dumio, que se celebra o 20 de marzo, o Consello da Cultura Galega presenta a súa tradución ao galego dentro da publicación Como levar unha vida honesta. Consellos de Martiño de Dumio a Miro, rei de Galicia, unha edición coordinada polo xornalista cultural Manuel Gago que conta con cinco textos contextualizadores e que se pode consultar na rede. 

Martiño de Dumio con Miro, rei de Galicia, no libro 'Das catro virtudes'. Biblioteca Nacional de Austria © Consello da Cultura Galega

Este libro de consellos inspirados no estoicismo e nas catro virtudes cardinais de Platón chegou a circular naquela época atribuído a Séneca, pero o poeta italiano Petrarca decatouse do erro e recuperou a autoría orixinal. "Tratados coma Fórmula para unha vista honesta confróntannos coa imaxe romántica tan estendida do colapso do Imperio provocado polas invasións bárbaras, a civilización destruída pola barbarie", salienta a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, para engadir que nos permite "poñer voz a un tempo que con demasiada frecuencia non a tivo; e facelo nunha dimensión, a da xestión do poder, que enriqueza a nosa visión desa época". 

Martiño de Dumio, desde o seu mosteiro nas proximidades de Braga, converteu a elite dirixente sueva do reino de Gallaecia ao catolicismo

Foi coñecido como "o libro das catro virtudes": a prudencia, a fortaleza, a temperanza e a xustiza. Considérase unha achega pioneira ao que logo sería a educación dos príncipes cristiáns europeos da Idade Media. Martiño de Dumio foi unha figura de extraordinaria relevancia cultural e relixiosa na Gallaecia tardoantiga. O monxe procedía do Mediterráneo oriental e desde o seu mosteiro en Dumio, nas proximidades de Braga, exerceu un importante labor recollendo o saber do reino clásico, convertendo a elite dirixente sueva do reino de Gallaecia ao catolicismo e escribindo obras como De correctione rusticorum, na que critica (e ao mesmo tempo describe) as antigas crenzas pagás do territorio.

"Que as túas opinións sexan xuízos" ou "non finxas ser o que non es, nin queiras semellar máis do que es" son algúns dos consellos de Martiño de Dumio que figuran en Formula vitae honestae,  que foi traducido ao galego polo latinista Xosé Antonio López Silva, quen tamén asina un texto contextualizador no que analiza a importancia do protagonista e de todo o período suevo de Galicia na construción do imaxinario colectivo e do universo simbólico do galeguismo.

San Martín de Braga nunha miniatura da Crónica albeldense do ano 976, Biblioteca do mosteiro de San Lourenzo do Escorial CC-BY-SA Wikimedia

O Consello da Cultura celebra o 11 de abril unha xornada na que se ofrecerá unha visión de conxunto sobre o tempo, a política e a cultura na época de Martiño de Dumio

Manuel Gago explica que "o título do libro está adaptado pensando no seu diálogo co público contemporáneo, Como levar unha vida honesta, e xoga cos libros de autoaxuda tan en voga no mercado editorial actual". Ademais das achegas de López Silva e o propio Gago, que esculca na rede para recoñecer os contidos máis recorrentes como definidores do país e da identidade, a publicación acompáñase das achegas doutros estudosos que participarán o 11 de abril nunha xornada no Consello da Cultura na que se ofrecerá unha visión de conxunto sobre o tempo, a política e a cultura na época de Martiño de Dumio e o encontro da cultura galega moderna coa súa figura. 

O historiador Anselmo López Carreira traza unha panorámica da Galicia sueva. O arqueólogo José Carlos Sánchez Pardo mostra que a Galicia sueva non era unha rexión nin illada nin periférica. A historiadora Rebecca A. Devlin salienta as alianzas de conveniencia entre a poboación galaicorromana e os estranxeiros suevos. O latinista J. Eduardo López Pereira presta atención ao contacto lingüístico entre os galaicorromanos, que xa asumiran o latín como lingua de comunicación, e os suevos, que chegan sen coñeceren a lingua do Imperio. E Laura Ranero Riestra, autora dunha tese de doutoramento sobre esta Formula vitae honestae, debulla as claves sobre a natureza e finalidade da obra e os seus verdadeiros destinatarios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.