Marisa Vidal Collazo recupera no libro 'Eu son Exeria. Lectura feminista dunha viaxe no século IV' a figura desta muller cristiá que peregrinou á Terra Santa desde a Gallaecia hai 1.600 anos
Exeria camiñaba polas beiras, movíase na ambigüidade das normas. No único escrito dela que chegou a nós, o códice denominado Itinerario, diríxese a un grupo de mulleres e fala en plural e en feminino. Non se detén nos atrancos e aborda en positivo a que foi a súa peregrinaxe ata a Terra Santa no século IV. Afoutada, intelixente e prudente. Así a describe Marisa Vidal Collazo en Eu son Exeria. Lectura feminista dunha viaxe no século IV, que vén de editar Galaxia, con ilustracións de Soledad Pite Sanjurjo.
Dela só se conserva ese Itinerario no que, a modo de diario, relatou a súa experiencia desde a Gallaecia ata Xerusalén. Un códice que nin está completo, pois lle faltan as primeiras páxinas, nas que se pensa que a autora debía presentarse, e unha parte do final. Con todo, sabemos que era galega porque “escribe nun galego coloquial e emprega expresións como 'coller un neno no colo”. O códice que se conserva formou parte da mostra Galicia, un relato no mundo, que con motivo do ano Xacobeo acolleu a Cidade da Cultura entre 2019 e 2020. Agora, Exeria formará parte do rueiro compostelán xa que a praza de prioridade peonil da Avenida de Lugo á altura do cruce dos Concheiros levará o seu nome. Ademais, Soledad Pite prepara unha escultura a partir da ilustración da capa do libro en homenaxe a Exeria.
″Escribe un texto moi sinxelo, ás veces chega a parecer simple, pero hai que ver no contexto no que o está escribindo. O Imperio Romano estase cristianizando e a igrexa está entrando nos mecanismos do poder. Na Gallaecia hai unha igrexa que vai camiñando dunha maneira moito máis simple. Incluso hai que atender aos movementos que fai Prisciliano nese século IV. Ela está no ollo do furacán, pero é evidente que se vai movendo guiada polo seu desexo e facendo oídos xordos ás críticas que supoño que recibiría naquel tempo″, conta Marisa Vidal.
O diario de Exeria chegou ata nós malia que "se escollían os textos dos homes porque se lles daba máis autoridade"
Esta profesora de Química forma parte do consello de redacción da revista Encrucillada e pertence á asociación Mulleres cristiás galegas Exeria. Marisa e Soledad foron mestra e alumna no instituto Rosalía de Castro de Santiago e se reencontraron pola revista, o que as levou a seguir colaborando. ″Non se pode dicir que isto é unha investigación porque eu non son investigadora, pero si que me cativou a súa figura e levo moitos anos lendo e facéndome unha composición de lugar sobre ela″, comenta a autora do libro.
O Itinerario de Exeria resultou interesante tanto para homes como para mulleres, por iso logrou vencer as dinámicas da época e chegar ata nós. ″Xa dixeron Milagros Rivera Garretas e Carmen Soto Varela que os textos das mulleres se perden porque, se había que comparalos para copialos a man, escollíanse os textos dos homes porque se lles daba máis autoridade. Porén, o texto de Exeria consegue chegar ata nós. Consegue que o copien e o imiten″, explica Marisa Vidal, quen destaca que San Rosendo o agasalla cando fai a primeira doazón de libros ao mosteiro que funda en Celanova.
"No libro vou relacionando a Exeria con outras mulleres do seu tempo porque os estudos que hai sobre ela trataban de vinculala só cos homes", salienta Vidal
″Hai moitas formas de entender a autoridade –debulla Vidal–, pero nese momento destacarían dúas: a potestas, do ordeno e mando, e a autoridade que dá a sabedoría. A da persoa que fala desde as entrañas, que sabe do que está a falar, e que é respectada porque a súa palabra é importante. Esa é a autoridade que ten Exeria. Unha autoridade que tamén teñen a igrexa e o cristianismo, pero que se transforma na outra autoridade (a do poder) e deixa que se perda a mensaxe que é importante para a vida. O Itinerario foi moi valorado no seu tempo. Non lles importa que sexa a palabra dunha muller porque a consideran unha palabra de sabedoría. E iso é o que fai que o texto nos chegue″.
Este Eu son Exeria pretende espertar a curiosidade da xente sobre unha muller que xa tiña un discurso feminista hai 1.600 anos. ″Na asociación pensamos que tiña que haber algo que a xente puidera ler para saber que foi Exeria. De aí xurdiu a idea do libro. Como xa lera moito sobre a muller no século IV, decidín relacionalo con ela. No relato vou relacionando a Exeria con outras mulleres do seu tempo porque os estudos que hai sobre ela –feitos por homes e cunha perspectiva moi androcéntrica– trataban de vinculala só cos homes famosos do seu tempo. E eu pensaba: e as mulleres que? Porque ela escribe a mulleres, é evidente. Hai outras mulleres que daquela facían cousas interesantes na igrexa, por que non se coñecen? Agora hai cousas publicadas porque a teoloxía feminista ten a vontade de ir desentrañando as historias destas mulleres cristiás″, sinala Vidal.
A figura de Exeria segue sen estar reivindicada pola igrexa como institución. Sobre isto, Marisa Vidal razoa que ″a igrexa é moi grande e hai moitos sentires dentro dela″. "Eu conecto con esta igrexa do Concilio vaticano II, coa igrexa que está querendo facer o Papa Francisco e coa do Concilio pastoral de Galicia. Esa igrexa renovada –prosigue– que parece que leva moito tempo oculta ou ocultada. Neste libro, entre outros obxectivos, quería axudar a espertar a esta igrexa que parece que está durmindo. Sobre todo aquí en España, onde se nota o apagamento sobre toda a reforma que quere facer o Papa porque semella que a Conferencia Episcopal e moitos bispos estean a vivir de costas a todo isto″.
"A teoloxía feminista existe desde que as sufraxistas americanas empezaron a darlle a volta á Biblia para buscar textos que xustificaran o papel das mulleres”
De momento, non é habitual atopar un libro que fale de relixión, feminismo e patriarcado, como recoñece a propia Marisa Vidal, quen salienta que ″a teoloxía feminista existe desde que as sufraxistas americanas empezaron a darlle a volta á Biblia para buscar textos que xustificaran o papel das mulleres. Coa segunda vaga do feminismo comezou a coller forza e as mulleres laicas accederon aos estudos de teoloxía. E xa nos anos setenta houbo un boom con teólogas como Elisabeth Schüssler Fiorenza, que falaba de que había que facer unha ′hermenéutica da sospeita′, é dicir, sospeitar das críticas que nos fan e como mulleres buscar hermenéuticas novas″.
O libro Eu son Exeria preséntase o 21 de abril na libraría Librouro de Vigo, o día 26 na sala Nemonon de Pontevedra, o 27 no Vello Cárcere de Lugo e o 3 de maio no Liceo de Ourense.