Un espectáculo onde o feminismo é unha cuestión trasnversal e que busca romper estereotipos de xénero na nosa sociedade desde a escena. 'Run baby run', escrita por Fátima Delgado e dirixida por Jana Pacheco, é unha coprodución do CDG co Teatro Español e terá a súa estrea en Santiago en outubro
"Run Baby Run é unha historia de ficción que trata sobre unha atleta profesional que, no mellor momento da súa carreira, é apartada da competición debido a unha acusación inesperada", avanza a dramaturga Fátima Delgado, autora desta peza coproducida polo Centro Dramático Galego e o Teatro Español, e as compañías Meninas Teatro e Proversus, que terá a súa estrea absoluta os días 6, 7 e 8 de outubro no Salón Teatro do CDG en Santiago.
Con esta obra, describe a súa directora, Jana Pacheco, "reflexionamos sobre como as mulleres que non teñen un corpo normativo son dobremente discriminadas". A trama sitúase uns meses antes duns Xogos Olímpicos, cando a protagonista verase nunha encrucillada na que loitará por cumprir o seu soño sen renunciar ao seu verdadeiro ser. No elenco artístico de Run Baby Run participan Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez.
"Para escribir esta obra teatral, durante estes últimos anos investiguei sobre varias mulleres deportistas que sufriran discriminación de xénero no ámbito deportivo. Esta situación está totalmente de actualidade, xa que, a menos dun ano dos Xogos Olímpicos de París, algunha delas non sabe se lle permitirán participar. Non é común ver deporte feminino en escena e por iso pareceume necesario penetrar nel desde unha perspectiva de xénero. Ademais, este tipo de inxustizas afecta maioritariamente ás mulleres e non aos deportistas homes", debulla a dramaturga Fátima Delgado.
"Non é común ver deporte feminino en escena e por iso pareceume necesario penetrar nel desde unha perspectiva de xénero", di Fátima Delgado
Un espectáculo onde o feminismo é unha cuestión trasnversal e que busca romper estereotipos de xénero na nosa sociedade desde a escena, un espazo no que a ficción e a realidade adoitan ir da man. Ademais, esta historia sucede nas datas do entroido, que segundo a directora escénica Jana Pacheco "fai que podamos investigar toda esa maxia telúrica, toda esa fantasía que vén do entroido, da carnalidade e dun mundo onírico que nos permite levar o realismo máxico a escena, desenvolvendo unha dramaturxia visual a partir de elementos plásticos deseñados cun equipo artístico excepcional".
Despois da súa estrea en Compostela, Run Baby Run terá unha xira por diferentes espazos da xeografía española, e viaxará ao Teatro Español de Madrid, onde se poderá ver do 22 de febreiro ao 24 de marzo de 2024 na Sala Margarita Xirgú. O texto dramático será publicado pola Editorial Galaxia.
No equipo artístico deste proxecto destacan figuras como o deseñador Pier Paolo Álvaro, recente gañador do Premio Max 2023 a mellor deseño de vestiario polo espectáculo Ás oito da tarde, cando morren as nais, dirixido por Marta Pazos no CDG; Fernando Epelde, responsable da música e o espazo sonoro da peza; o escenógrafo Alessio Meloni, galardoado este ano co Premio Max a mellor deseño de espazo escénico por La cabeza del dragón; o iluminador Juan Gómez Cornejo, Premio Nacional de Teatro en 2011; ou a coreógrafa Greta García, integrante do grupo Irmás Gestring, entre outras.