No ano 1986 chegaba ao mercado The Wall, o primeiro videoxogo creado por un galego, o ourensán Álex González, que o desenvolveu como hobby e de forma autodidacta
No ano 1986 chegaba ao mercado The Wall, o primeiro videoxogo creado por un galego, o ourensán Álex González, que o desenvolveu como hobby e de forma autodidacta. Con todo, o xogo -distribuído por Erbe Software, daquela unha das editoras máis importantes do sector en España- non foi unha anécdota. Entre 1986 e 1989 vendeu máis de sete mil unidades no Estado, en exclusiva para ordenadores MSX e en formato de cinta de casete, cifras moi importantes para ese tempo, un momento no que o número de ordenadores persoais era aínda pequeno e no que a industria do videoxogo estaba a dar os seus primeiros pasos.
The Wall forma parte fundamental da historia do videoxogo en Galicia e, polo tanto da historia da cultura galega. Porén, ata hai uns meses pouco ou nada sabíamos da súa existencia. O propio Álex González achegouse no pasado verán polo Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI), en Cangas, e preguntou se tiñan por aí The Wall. No museo non constaba e grande foi a sorpresa dos responsables do MUVI cando González lles dixo que el era o creador. Ata entón o primeiro videoxogo galego do que se tiña constancia era de mediados dos anos 90.
O Culturgal acolle o sábado 30 unha presentación desta produción pioneira coa presenza do seu creador e responsables do MUVI, que organiza unha exposición temporal sobre o xogo
De inmediato o MUVI comezou a organizar unha exposición interactiva sobre The Wall, o seu autor, o proceso de creación e o impacto que a produción tivo no seu momento, incluído imaxe, son e elementos documentais para dar conta deste fito, que naceu en tempos pioneiros e con algunha que outra anécdota ben curiosa. A mostra abre ademais unha serie de exposicións temporais, de carácter trimestral, que buscan "poñer en valor" os autores da historia do videoxogo ("historia, contexto e anécdotas") a través da súa propia voz, en entrevistas gravadas que pasan a formar parte do arquivo "cunha finalidade documental e patrimonial".
The Wall estará presente no Culturgal (o sábado 30 ás 13 horas) cunha sesión organizada pola Asociación galega de videoxogos e contidos interactivos na que participará o propio Álex González e representantes do MUVI.
Un xogo que naceu como hobby en tempos pioneiros
En 1985 Álex González comezou a ocupar o seu tempo libre no desexo dun videoxogo, por pura diversión, ao tempo que seguía aprendendo como programar grazas a algún libro que ía conseguindo aquí e alá e a poñerse en contacto -por carta postal- con outros afeccionados
Álex González naceu en Ourense en 1960, aínda que repartiu a súa infancia entre Galicia e París, onde vivía o seu pai, emigrado alí. Aos 12 anos mudouse a Madrid, onde estudou o Bacharelato, para regresar aos 18 a Ourense e traballar no sector da moda, ao tempo que realizaba estudos superiores de electrónica industrial e, máis adiante, enxeñaría informática. Así chegamos ao ano 1985 en que lle propón ao seu sogro axudar no negocio familiar desenvolvendo unha ferramenta informática de xestión, para o que mercou un ordenador MSX e comezou a estudar pola súa conta linguaxe de programación.
A informática espertaba daquela en moitas persoas máis desconfianza que outra cousa e a oferta da ferramenta de xestión quedou en nada. Pero Álex González comezou a ocupar o seu tempo libre no desexo dun videoxogo, por pura diversión, ao tempo que seguía aprendendo como programar grazas a algún libro que ía conseguindo aquí e alá e a poñerse en contacto -por carta postal- con outros afeccionados.
O resultado non estaba mal e Álex González decidiu presentarlle o xogo a Erbe Software, en Madrid, que o lanzou ao mercado uns meses despois, vendendo máis de sete mil unidades en tres anos
O resultado non estaba mal e Álex González decidiu presentarlle o xogo a Erbe Software, en Madrid. Na empresa gustou a proposta e pediulle que desenvolvese un pouco máis, adaptando o linguaxe de programacións. Seis meses máis de traballo deron lugar ao produto definitivo, que foi o primeiro xogo distribuído por Erbe Software en España. E todo un éxito, con máis de sete mil unidades vendidas en tres anos, ocupando un lugar importante na historia do videoxogo no conxunto do Estado.
The Wall é un arcade de gran dificultade no que un alieníxena debe superar un total de 22 pantallas camiñando por un muro (de aí o título) rodeado do mar e evitando distintos inimigos entre os que atopamos varios elementos tan enxebres coma un mexilón. A banda sonora, deseñada tamén por Álex González, emprega como base a popular canción Na beira do mar, aínda que acelerada e coa sonoridade habitual nos xogos desta década.
The Wall é un arcade no que un alieníxena debe superar un total de 22 pantallas camiñando por un muro (de aí o título) rodeado do mar e evitando distintos inimigos entre os que atopamos elementos tan enxebres coma un mexilón. A música é unha versión de Na beira do mar
Álex González, que hoxe conta con 64 anos e está xubilado, non continuou na industria do videoxogo, que aínda tardaría algúns anos en acadar unha estrutura importante no Estado español. Obtivo unha praza como mestre, dando clase a rapaces e rapazas, transmitindo o seu coñecemento sobre tecnoloxía.
Case catro décadas despois de ter desenvolvido esta peza pioneira na historia das industrias culturais galegas. Álex González está a recoller por fin o recoñecemento público ao seu labor, ao que quita importancia pois, repite, “eu fíxeno porque desfrutaba programando”.