Marcos Pérez Pena

Unha ducia de fitos da historia da informática e a rede en Galicia

En decembro de 1990 Tim Berners-Lee creou a primeira páxina web (aínda que non foi pública ata agosto do ano que vén e a versión que se conservou é a de 1992). As novas tecnoloxías non son xa tan novas e podemos rastrexar a súa historia, pioneiros/as e antecedentes, tamén aquí. O pasado ano Henrique Neira publicou unha moi recomendable Historia da Informática en Galicia (editada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática), que percorre algúns dos fitos e persoas que introduciron as TIC e as fixeron avanzar. Facemos un repaso por algúns deles. 

  1. 01

    Os antecedentes

    Aínda que seguramente non se pode falar de informática propiamente dita ata ben entrado o século XX, houbo en Galicia achegas pioneiras no campo das Matemáticas ou da construción de aparellos automatizados que contribuíron a abrir camiño.

    Por exemplo, en 1852 o reloxeiro Ramón Antonio Iglesias Abeleira deseñou para a raíña Isabel II un moble cun neceser de costura que incluía varios autómatas. E case un século máis tarde, en 1949, Ángela Ruiz Robles patentou a súa Enciclopedia Mecánica, tantas veces reivindicada como antecedente dos libros electrónicos.

    No plano teórico, pódese destacar aos matemáticos Vicente Vázquez Queipo ou Evaristo Antonio Mosquera Quiroga, que a mediados do século XIX publicaron obras que se converteron en referencia durante décadas na resolución de problemas complexos.

  2. 02

    As primeiras conexións

    Antes de haber banda larga e fibra con conexión simétrica, houbo un século e medio de avances na creación de redes de conexión instantánea, dende o telégrafo ao teléfono, que mudaron completamente a forma de comunicarse. En 1858 enviouse a primeira mensaxe telegráfica entre Madrid e A Coruña, informando o deputado Juan Florez ao Gobernador Civil que as cámaras aprobara o proxecto de ferrocarril para Galicia. En 1878 instalouse a primeira liña telefónica de Galicia; o responsable foi o enxeñeiro Andrés Avelino Comerma en Ferrol, entre a Capitanía e o Arsenal.

    Pódense comentar moitos fitos nesta carreira tecnolóxica, cada vez máis acelerada. Por exemplo, en 1895 aprobouse a conexión entre Vigo e Alemaña a través dun cable telegráfico submarino. E en 1897 o empresario vigués Antonio López de Neira converteuse na primeira persoa en Galicia que dispuña dun teléfono privado.

    En 1902 o italiano Guglielmo Marconi chegou ao porto de Ferrol ensaiando unha nova versión mellorada do seu sistema de telegrafía sen fíos, que xa podía enviar mensaxes a 3.000 millas de distancia, fronte ás 300 da primeira versión. Ese día comunicouse dende Ferrol con Londres. En 1905 estableceuse a primeira comunicación radiotelegráfica de servizo público, entre A Coruña e Ferrol. 

    Adiantando unhas cantas décadas, atopamos que en 1966 Telefónica instalou unha liña de cable coaxial entre Vigo e Santiago. E que en 1989 a mesma compañía despregou en Galicia o primeiro servizo de telefonía móbil con 12 estacións base que cubrían as sete grandes cidades e as principais vías de comunicación.

  3. 03

    Os primeiros ordenadores

    1901 a Universidade de Santiago adquiriu unha máquina de calcular tipo Odhner, que funcionaba con rodas de perno. Posiblemente non podemos falar aínda de ordenadores propiamente ditos, pero nas primeiras décadas do século XX estas máquinas calculadoras -coma as Burroughs- popularizáronse nas universidades, grandes empresas e comercios. E tamén para fins concretos: o calculador Vickers, hoxe exposto na Coruña, que permitía predicir a posición dos barcos tendo en conta a súa velocidade e traxectoria; ou o o calculador electromecánico da dirección de tiro, que hoxe se pode ver en Ferrol.

    Na década dos 50 chegan ás grandes empresas as primeiras computadoras. Así en 1954 IBM instala varios equipos en Barreras (máquinas contables) e ASTANO (un sistema de tarxetas perforadas para o proceso de nóminas). E nos anos seguintes fano outras compañías, como Fenosa ou Inespal. Nos anos 60 os bancos e caixas de aforros instalan tamén complexas máquinas. En 1968 o Banco Pastor faise con dous Bull GE-415 de 48 Kb de memoria cada un. E en 1970 a Caixa de Aforros da Coruña e Lugo conta xa cun IBM 360/30. Como curiosidade, en 1976 Confecciones GOA (futura Zara e Inditex) merca o seu primeiro ordenador.

    En 1977 Astano estrea o primeiro sistema informático de representación gráfica en 3D que se instala en España. En 1979 o parque informático galego conta con 88 computadores; o máis potente era propiedade do Banco Pastor e custaba máis de 100 millóns de pesetas.

    A partir dos 80 e 90 a noticia son os supercomputadores. En 1988 a Facultade de Química da USC estrea o primeiro supercomputador vectorial de Galicia, un Convex C 120. E xa en 2008 comeza a funcionar o supercomputador FinisTerrae do Centro de Supercomputación de Galicia e que nese momento ocupaba o posto 100 na listaxe dos supercomputadores máis potentes do mundo

  4. 04

    Pioneiros/as

    Pioneiros e pioneiras houbo moitos e moitas; algúns xa foron citados e citadas e outros e outras aparecerán despois. Pero pódese destacar o nome de Ana María Prieto López, que nos anos 60 do século pasado se converteu na primeira galega en programar computadores na compañía Bull General Electric de Madrid; en 1969 trasladouse a Compostela para traballar como programadora no centro de cálculo da Caixa de Aforros de Santiago, tarefa que realiza ata 1973. Recentemente foi reivindicada dende a web Rapaciñ@s

    Tamén os dos profesores Joaquín Ocón e Manuel Bao Iglesias, que en 1962 comezaron a usar no Departamento de Química Técnica da Universidade de Santiago o computador analóxico TR-20. Posteriormente, en 1969 Manuel Bao Iglesias comezou a traballar no Centro de Programación y Cálculo Barrié de la Maza (dependente da Universidade de Santiago), coordinado inicialmente por Miguel Ángel Ríos Fernández

  5. 05

    A informática comeza a ser cousa de todos/as

    Nos últimos anos da década dos 70 e, sobre todo, na década dos 80 a informática comeza a ser un ámbito cada vez máis popular, persoal e doméstico. Se nos Estados Unidos despuntaban nomes como Steve Jobs, Bill Gates ou Steve Wozniak, en Galicia tamén un grupo de persoas daba pasos importantes, construíndo o futuro que hoxe coñecemos, na nosa versión local de Halt and Catch Fire. En 1981 véndese en Compostela un dos primeiros modelos de IBM PC que chegaron a Galicia e en 1985 a Biblioteca Pública de Santiago instala o seu primeiro ordenador.

    Ao tempo, comezan a realizarse os primeiros proxectos formativos. En 1979, coa participación de Fundesco e a Fundación Barrié de la Maza deséñase o proxecto Teleensinanza en Galicia (Telegal) para levar as novas tecnoloxías ata os centros de ensino galegos. En 1984 ponse en marcha o proxecto Abrente da Consellería de Educación e Cultura para a introdución da informática na educación primaria, sendo este o primeiro plan deste tipo dunha administración española.

  6. 06

    Chega Internet

    Internet, a World Wide Web... eran palabras que en 1993 só manexaba unha pequena parte da poboación. En febreiro dese ano o Centro de Supercomputación de Galicia conectouse coa rede Internet, tres meses antes da propia inauguraración do CESGA.

    Pouco despois, o 18 de xuño de 1993 o profesor Juan Antonio Garzón, da facultade de Física da USC, convidou a Miguel Ángel Marquina e Ignacio Reguero do Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) de Xenebra, que fixeron unha demostración práctica da World Wide Web, poñendo en marcha o primeiro servidor de Galicia. Creouse, ademais, a primeira páxina web galega, que era tan só unha lista ordenada de enlaces con algúns comentarios.

    En 1994 Alfonso Xavier Canosa Rodríguez creou a primeira web en galego dende unha pequena universidade de Gales, en Aberystwyth. Para nomeala, utilizou as súas iniciais (axc) e o ano de creación (94). En 1995 chegaría xa a web da CRTVG e a web compartida de O Correo Galego e El Correo Gallego, primeira entre as cabeceiras de papel.

    En 2002 o catedrático de Informática da Universidade da Coruña e presidente da Internet Society en Galicia (ISOC-Galicia), Ángel Viña Castiñeiras, preside no primeiro semestre a executiva da coordinadora europea da Internet Society

  7. 07

    Facultades e asociacións

    En 1985 bota a andar a Escola Técnica Superior de Enxeñería de Telecomunicación en Vigo, aínda dentro da Universidade de Santiago; anteriormente no sistema universitario español só había en Madrid e Barcelona. En 1986 a Universidade de Santiago crea a Escola Universitaria de Informática na Coruña, que nun primeiro momento ocupa aulas da Escola de Aparelladores, ata a inaguración en 1993 da Facultade de Informática da UDC.

    Nacen tamén as primeiras asociacións profesionais e sectoriais. En 1998 xorde na Facultade de Informática da Coruña o Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL). No ano 2000 créase EGANET, entidade que aglutina empresas e profesionais galegos do sector de internet e as novas tecnoloxías. E o 10 de maio de 2006 nacía Mancomún, iniciativa da Consellería de Innovación e Industria para "ser un punto de encontro dos diferentes proxectos e actividades sobre Software Libre".

    E no 2007 constitúese o Clúster TIC Galicia. Igualmente en 2007 aparece Agasol, que agrupa empresas galegas de software libre E ese mesmo ano nacen o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia.

  8. 08

    Vieiros.com

    O 22 febreiro de 1997 nacía Vieiros.com, o primeiro barrio galego na rede, que funcionou primeiro como directorio de webs e portal e, porsteriormente, como xornal dixital ata o seu peche en 2010.

    Eran tempos de crecemento da rede: novas webs, máis internautas, novos usos e espazos. Como referencia, en 1999 Darío Janeiro Pereira e Henrique Neira publican unha peneira de 1.000 webs galegas. Ese ano a CRTVG anuncia que a cámara web que instalara na Praza do Obradoiro recibira xa máis de 30 millóns de visitas, converténdose nunha das dez máis vistas en todo o planeta.

    No ano 2000 aparece culturagalega.org e tamén o portal xeralista galego U-lo.com. No 2001 funciona xa codigocero.com

  9. 09

    O blogomillo

    Xa en setembro de 2002 Anxos Sumai comezara a publicar o seu blog Anxos de garda, un dos primeiros dos que se ten referencia en Galicia. Pero non foi ata o 14 de decembro de 2003 coa estrea do Capítulo Cero de Manuel Gago (posiblemente o blog galego máis antigo aínda en activo), que María Yáñez (que comezara con Todo Nada pouco antes) fai popular o concepto blogomillo para nomear o cada vez máis rico e variado ecosistema de bitácoras en galego

    En novembro de 2005 publícase O home inédito, de Carlos Meixide, primeira novela galega en saír directamente en Internet, da man de Ediciós da Rotonda (tamén da man de María Yáñez)

    Pódese comentar tamén o caso de María Amelia López Soliño, que en 2006 -con 95 anos de idade- abriu o seu blog A mis 95, converténdose dous anos máis tarde na blogueira de máis idade do mundo.

  10. 11

    A rede comeza a falar galego

    A lingua galega foi facéndose un oco nas novas tecnoloxías e na Internet nacente. E fíxoo sobre todo, grazas a iniciativas xurdidas dende a sociedade civil. As Ciberirmandades da Fala comezan a traballar en 1996 promovendo o uso do galego na rede

    Xa en 1999 preséntase en Santiago o navegador XIS, o primeiro que incorpora a lingua galega. E ese mesmo ano dáse a coñecer o proxecto de tradutor castelán-galego Rianxo, promovido polo galego-arxentino Roberto Abalde e desenvolvido coa colaboración de ducias de internautas. Tamén en 1999 nace o Proxecto Trasno, que ten como meta traducir software libre ao galego. Cómpre salientar tamén o papel desenvolvido por fillos.org entre as comunidades galegas do exterior dende 1997.

    Un ano despois dáse a coñecer o proxecto para elaborar un sintetizador de voz en galego, que se coñecerá como Cotovía. E tamén o proxecto de dixitalización dos diccionarios históricos da lingua galega, que hoxe se pode consultar neste enderezo. Tamén no ano 2000 nace a plataforma Galego21 para promover o uso do galego nas novas tecnoloxías. E igualmente no 2000 celébrase a primeira edición de XuventudeGalicia.net, na que se presentou unha versión en galego do sistema operativo GNU/Linux.

    En 2002 nace a Biblioteca Virtual Galega da Universidade da Coruña. E en 2003 aparece a versión beta do OpenOffice en galego. No ano 2008 preséntase o tradutor Opentrad, desenvolvido por Imaxin.

  11. 12

    A Galipedia

    O 8 de marzo de 2003 o usuario ILVI creaba a primeira versión da portada da Galipedia, a versión en galego da Wikipedia. Cinco días despois, o 13 de marzo, creaba o primeiro artigo, dedicado á conxunción ou. Nos primeiros meses rexistrouse o usuario Agremón, converténdose no primeiro administrador e empregando por vez primeira o termo Galipedia. Hoxe, o número de artigos supera os 141 mil, por riba do grego e do noruegués e preto do esloveno, o estonio ou o croata.

  12. 13

    O dominio galego

    O 10 de xuño de 2006 unha ducia de entidades botaron a andar a Asociación Puntogal, co obxectivo de acadar un dominio galego na rede, seguindo o ronsel aberto por Cataluña, que o ano anterior vira aprobado pola ICAAN o .cat. O 7 de febreiro de 2007 a Xunta comunicou o seu apoio oficial á candidatura e o 3 de febreiro de 2009 Puntogal superaba as 10.000 sinaturas de apoio. Aínda tiveron que pasar uns cantos anos de traballo. Por fin, o 25 de xullo de 2014 nacía o .gal