Dende o ano 2001 vén desenvolvéndose, froito dun acordo entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León o Programa de Promoción da Lingua Galega, que entre outros obxectivos busca levar o idioma ás aulas do Bierzo e Seabra. Neste curso están matriculadas 1.207 persoas que están a estudar galego
Dende o ano 2001 vén desenvolvéndose, froito dun acordo entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León o Programa de Promoción da Lingua Galega, que entre outros obxectivos busca levar o idioma ás aulas do Bierzo e Seabra, ademais de impulsar outras iniciativas de normalización lingüística e cultural.
Para conmemorar o 25 aniversario do Programa está a desenvolverse en localidades de fala galega destas dúas comarcas leonesas un ciclo de cine en galego, impulsado pola Xunta, a Junta e concellos e que conta co apoio de entidades como o Consello Comarcal do Bierzo, o Instituto de Estudos Bercianos, Edicións Positivas e a Real Academia Galega.
Entre o 12 e o 24 de xuño haberá proxeccións de filmes en galego en Cacabelos, Camponaraia, Carucedo, Corullón, Cubillos do Sil, Ponferrada, Ponte de Domingo Flórez, Toral dos Vados, Toral de Meraio, Vilafranca do Bierzo e Lubián
Os filmes proxéctanse en formato de cinema de verán no exterior, con gran pantalla, entre o 12 e o 24 de xuño nas localidades que contan con centros educativos adscritos ao Programa de promoción do galego no Bierzo e Seabra: Cacabelos, Camponaraia, Carucedo, Corullón, Cubillos do Sil, Ponferrada, Ponte de Domingo Flórez, Toral dos Vados, Toral de Meraio, Vilafranca do Bierzo e Lubián. Entre os filmes que se proxectan están Cuñados, Salta!, +Cuñados e Chicken Run: Amencer dos nuggets.
Neste curso 2025-2026 matriculáronse nos estudos de galego nos territorios castelán leoneses limítrofes con Galicia un total de 1.207 persoas, 30 máis que no curso pasado, sobre todo en centros de Infantil e Primaria, pero tamén de secundaria, "afianzando deste xeito o interese pola aprendizaxe da lingua e o compromiso da Xunta co seu impulso fóra da Comunidade", destaca a Secretaría Xeral da Lingua.
Ás horas lectivas, únenselle outras actividades extraescolares complementarias que permiten potenciar o coñecemento da lingua e da cultura galegas como son as Xornadas Martín Sarmiento nas que se fraguou a idea de organizar o ciclo de cinema na rúa.
Programación
| Lugar | Película | Localización | Data | Hora |
| Camponaraia | Cuñados | Xardíns da Casa Ucieda | 12/6/26 | 22:30 |
| Vilafranca do Bierzo | Salta! | Xardín da Alameda | 13/6/26 | 22:30 |
| Lubián | Cuñados | Praza de Fontabella | 14/6/26 | 22:30 |
| Corullón | Chicken Run: Amencer dos nuggets | Praza do Concello | 16/6/26 | 22:30 |
| Toral dos Vados | Cuñados | Praza da Estación | 18/6/26 | 22:30 |
| Ponte de Domingo Flórez | Salta! | Praza do Toral | 19/6/26 | 22:30 |
| Carucedo | Cuñados | Praza da Igrexa | 20/6/26 | 22:30 |
| Cacabelos | Cuñados | Praza Maior | 21/6/26 | 21:00 |
| Toral de Meraio | Chicken Run: Amencer dos nuggets | Praza do Nogaledo | 22/6/26 | 19:00 |
| Cubillos do Sil | +Cuñados | Praza Doutor Fernández Marqués | 23/6/26 | 22:15 |
| Ponferrada | Salta! | Aparcadoiro da Escola de Idiomas | 24/6/26 | 22:30 |