Un terzo dos concellos galegos non ten biblioteca pública

Biblioteca do CGAC CC-BY-SA Xunta

En Galicia xa hai case un cento de concellos -99 concretamente- que non contan con servizo bibliotecario. É un dos datos principais que se tira dos últimos datos estatísticos sobre servizos bibliotecarios públicos difundidos polo Ministerio de Cultura e correspondentes a 2020

As estatísticas reflicten que Galicia engadiu 18 concellos máis nun ano á lista de municipios sen biblioteca pública (99 en 2020 fronte aos 71 que había en 2019), uns datos que chegan só uns días despois de que a Xunta anunciase a posta en marcha dun novo servizo de bibliotecas móbiles para dar servizo ás localidades que carecen del. 

Precisamente, e ao anunciar este proxecto, a Xunta recoñeceu que o 67% dos concellos galegos contan cun servizo fixo de biblioteca municipal que abrangue o 94% da poboación pero que "aínda queda algo menos dun terzo dos municipios" sen acceso a estes espazos.

Os datos do Goberno central situaban en 99 o número de concellos sen biblioteca en 2020; os da Xunta elévano a 103 na actualidade

Son 103  -practicamente un terzo- os concellos que, nesta altura, carecen de servizo bibliotecario segundo os últimos datos da Xunta, situación que a Administración intentará paliar con este servizo de bibliotecas móbiles que se poñerá en marcha de forma piloto en 20 concellos de Lugo e Ourense, nas comarcas dos Ancares, A Fonsagrada, Sarria, Verín e A Limia. 

Precisamente, e na súa análise dos últimos datos do Ministerio, a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (Bamad-Galicia), destaca que Lugo e Ourense, "as provincias máis avellentadas, están entre as últimas do Estado en servizos bibliotecarios por non poder os seus concellos, por si propios e sen axuda das deputacións, contar con eles"

Así, sinalan que en Ourense menos de 40 dos seus 92 municipios dispoñen de biblioteca, polo que máis de medio cento carecen dela. Na Coruña, son dez as localidades sen este servizo, polas nove de Pontevedra e as 27 de Lugo. 

Ante esta situación, Bamad considera "unha boa medida" a posta en marcha dunha rede de bibliotecas móbiles "para paliar a falta de servizos bibliotecarios en zonas despoboadas". 

Os datos do Ministerio sinalan que Galicia conta con 235 bibliotecas públicas, seis menos que no anterior rexistro

Respecto aos últimos datos estatísticos, Bamad lembra que Galicia sitúase por baixo da media estatal en todos os indicadores analizados agás en dous parámetros: no número de documentos por habitante e no número de documentos adquiridos por habitantes.

En resumo, Galicia conta con 235 bibliotecas públicas (6 menos que en 2019) que prestan os seus servizos en 312 puntos de atención bibliotecaria (17 menos que en 2019). En canto ao número de documentos por habitante, ascende a 2,18 fronte á media estatal de 1,93. 

Cliente dunha libraría CC-BY-SA Xunta

Ademais, e no que ten que ver co número de documentos adquiridos, produciuse un aumento con respecto ao ano anterior que situou Galicia por riba da media estatal de 62,65 por cada 1.000 habitantes: 74,37, o que supón un incremento importante respecto aos 61,83 de 2019. 

Menos do 30% da poboación galega está inscrita nalgunha biblioteca pública fronte ao 35,3% do conxunto do Estado

Respecto das inscricións, só o 29,4% dos habitantes de Galicia está inscrito nalgunha biblioteca pública, mentres no Estado a media é de 35,3%, o que supón un lixeiro descenso en comparación co ano anterior que mantén o país nesa porcentaxe case inalterable do 30%

No que ten que ver cos gastos correntes dedicados ás bibliotecas públicas, en Galicia destináronse 9 euros por habitante, un dato inferior aos 10,63 do conxunto do Estado. 

En canto ao número de visitas á biblioteca, préstamos e actividades, os datos estatísticos carecen da relevancia doutros anos ao referirse ao exercicio 2020, marcado pola pandemia, o confinamento e as restricións que impediron a normal actividade destes centros. 

Alén disto, en Galicia, e segundo os mesmos datos do Ministerio, hai un bibliotecario por cada 4.944 habitantes, mentres que no Estado o número é de un por cada 4.376 habitantes, unha lixeira mellora da proporción en Galicia respecto ao ano anterior que Bamad atribúe "máis á perda de poboación que coa situación do persoal, que continúa a diminuír".

De feito, en persoal equivalente a tempo completo (ETC), Galicia contaba en 2020 con 545 persoas, unha menos traballando con respecto a 2019, o que supón no acumulado a perda de 39 traballadores nas bibliotecas públicas galegas desde 2016. Desde Bamad culpan desta situación á "inestabilidade laboral", con "contratos a tempo parcial e de curta duración" e o fomento de "bolseiros"

Actividade infantil nunha biblioteca de Redondela CC-BY-SA Biblioteca Municipal de Redondela

"Implicacion" de todas as administracións

Así, Bamad, como fixera anos anteriores, demanda a "colaboración" entre as diferentes administracións públicas. "Na potenciación das bibliotecas públicas deben implicarse todas as administracións, non só a Xunta ¡e os concellos, senón tamén as deputacións provinciais que poden axudar os concellos máis pequenos e con menos recursos a contar con servizos bibliotecarios adecuados e suficientes", din. 

Por último, Bamad tamén fai "fincapé na necesidade de mellorar as partidas orzamentarias, e no necesario control das políticas e accións levadas a cabo polos concellos". "Non é suficiente con investir en boas coleccións, boas infraestruturas, boas ferramentas de traballo, se non contamos con persoal debidamente cualificado que lles dea sentido", din, tras reclamar tamén que se "desenvolvan e apliquen as ferramentas de planificación que indiquen que servizos e de que características se deben ofrecer, en que aspectos é necesario investir e cara a onde deben encamiñarse os esforzos en cada punto de servizo bibliotecario".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.