Os impagos de nóminas abocan á folga ao persoal das bibliotecas da Coruña xestionadas mediante concesión privada

Biblioteca municipal dos Rosales, na Coruña © Concello da Coruña

O persoal das bibliotecas coruñesas con xestión contratada coa empresa privada LTM (Os Rosales, Fórum, Ágora, Sagrada Familia, Duran Loriga e Mesoiro) vai á folga dende o vindeiro luns, 4 de xullo. Así o ratificaron este venres, tras unha xuntanza con representantes do Concello coruñés. Asumen que parar é a "peor solución" posible, pero tamén que pode ser a medida máis efectiva para cobrar o que les deben.

O persoal denuncia "a falta de previsión económica da adxudicataria, que asumiu un contrato sen viabilidade concursando á baixa e esixe solucións ao Concello

LTM Servicios Bibliotecarios comunicou o pasado luns ao seu persoal que tiña problemas de liquidez e que non abonaría a paga extra deste mes e "moi probablemente" a nómina. Foi a denuncia que realizou o comité de empresa desta compañía, que xestiona as devanditas seis bibliotecas municipais.

As 75 traballadoras e traballadores advertiran dunha folga indefinida a partir do luns 4 de xullo, fartas xa dunha situación que non é nova. Advirten de que os atrasos no pagamento dos salarios e os incumprimentos no servizo "véñense producindo desde hai anos", provocando un "malestar" agora incrementado coas perspectivas dunha adxudicataria que di non ter liquidez. O Goberno local, como recolle La Opinión, comprometeuse a procurar "solucións" tras un encontro con "boa actitude", en verbas da presidenta do comité de empresa, Elisabeth Rodríguez.

Biblioteca municipal Ágora, na Coruña © Concello da Coruña

O comité denuncia "a falta de previsión económica da adxudicataria, que asumiu un contrato sen viabilidade concursando á baixa", nun acordo que, din, "xa partía dunha dotación orzamentaria insuficiente para a execución dos servizos bibliotecarios exixidos". No fondo, o problema xa advertido desde hai tempo pola externalización de parte da xestión das bibliotecas e por uns pregos que, segundo o persoal, foron moi á baixa. Así, e malia que o Concello aclara que LTM cobra puntualmente da administración local, os problemas son constantes. 

Marea Atlántica lembra a súa aposta por unificar todas as bibliotecas cun modelo público e o BNG apela á "responsabilidade" do goberno local para que o persoal cobre

Os problemas de cobro ou de atrasos nas bibliotecas municipais que teñen externalizada a súa xestión levan décadas. A última crise foi en 2019, a pouco de que a Marea Atlántica abandonase o goberno local, cando o persoal de LTM -cun contrato prorrogado de xestión- denunciou o impago do mes de abril. A ameaza de folga fora daquela abortada así que os traballadores cobraron. 

Sucedía despois de que anterior goberno local, con Xulio Ferreiro de alcalde, propuxo municipalizar a xestión das bibliotecas que agora son xestionadas pola empresa (Mesoiro, Infantil e Xuvenil, Sagrada Familia, Os Rosales, Ágora e Fórum). A idea é que fose a compañía municipal Emvsa quen se encargase, pero PSOE e PP votaron en contra ao alegar os reparos xurídicos de informes municipais, mentres que o BNG abstívose

Biblioteca Durán Loriga, na Coruña © Concello da Coruña

"A rede de bibliotecas municipais está semiprivatizada, cun sistema dual, desigual e ineficiente. Algunhas teñen xestión pública mentres que outras, as que se ven afectadas polos problemas laborais agora mesmo, están en mans dunha empresa privada, con peores condicións para o seu cadro de persoal", advirte agora Marea Atlántica, que reprocha ao goberno local que non cumprise a promesa do PSOE de "poñer orde e unificar a xestión". 

"A mellor maneira de resolver o conflito é remunicipalizar o servizo para dotar a cidade dun servizo bibliotecario de xestión única", insiste Bamad

Desde o BNG, a súa concelleira Avia Veira, asegura que o goberno local ten “responsabilidade”, compartida coa empresa concesionaria, na situación que atravesa o persoal e lamenta que o Concello tardase tanto en recibir os traballadores. "O BNG reuniuse coas traballadoras e traballadores hai máis dunha semana. O Goberno Local agardou até hoxe para facelo. Tenlles que dar solución ao seu problema. Non pode ser que non perciban con normalidade as súas nóminas", resalta.

Ademais, a Asociación Bamad-Galicia de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas Museos e Centros de Documentación de Galicia dirixiuse ao Concello, ao que recorda que "un servizo dunha cidade destas dimensións debe contar cunha rede de bibliotecas municipais pública de xestión única". Bamad pide que nos orzamentos que acompañan os pregos de condicións técnicas deben contemplarse "condicións adecuadas para que non haxa deterioro no servizo, o que implica contar cunhas boas relacións laborais e a mellora dos servizos de acordo a unha contratación pública responsable e sustentable". Así, piden que se establezan condicións "para que o persoal contratado a través da empresa estea equiparado ao persoal laboral e funcionario municipal para evitar discriminación e desigualdade entre os e as traballadoras".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.