'Unha Gran Burla Negra' denuncia "censura" por parte do Concello de Muros

A mostra de 'Unha Gran Burla Negra' en Muros © Unha Gran Burla Negra

O pasado 4 de xullo 'Unha Gran Burla Negra' inaugurou en Muros a exposición Creatividade Popular e Memoria do Prestige, unha mostra que cunha ou con outra formulación pasou por Compostela, A Coruña, Rianxo ou Camariñas e que inclúe materiais que formaron parte das protestas que nos anos 2002 e 2003 se levaron a cabo en Galicia trala catástrofe do Prestige

A entidade denuncia ter sufrido "censura" por parte do Goberno municipal da localidade, do Partido Popular. A mostra fora contratada polo Goberno anterior, de Compromiso por Galicia, pero tivo que ser xestionada polo novo executivo, saído das eleccións municipais do pasado mes de maio.

'Unha Gran Burla Negra' afirma que dende o momento da inauguración da mostra "sufrimos un ataque que podemos considerar como unha falta total de respecto ao traballo das profesionais que deseñaron e montaron a exposición, e un caso máis de espazo pechado e diñeiro público agachado, por mor da censura política".

A 'baralla', nunha manifestación no Obradoiro © Unha gran Burla Negra

E explica que "dúas horas antes da inauguración, unha concelleira achegouse ao Centro Patrimonial Conserveira de Sel para solicitar a retirada dun obxecto da exposición". Tratábase dunha carta ampliada da Baralla do Prestige,  en concreto a dedicada a José Cuíña. A entidade sinala que ante a negativa a retirar este elemento, a edil ameazou con "tomar medidas dende o equipo de goberno”.

'Unha Gran Burla Negra' afirma que finalmente esas medidas se concretaron en "ter a exposición aberta o menor tempo posible", pois a diferenza do acordado coa anterior equipa municipal, a mostra "soamente se puido visitar de luns a venres en horario de 8 a 14h; un horario que non foi aínda menor porque ese era o horario de apertura da infraestrutura por un curso que se celebraba nese espazo".

O Concello de Muros nega ter "censurado" a mostra, sinalando que tivo "o mesmo trato" que o resto de exposicións. E defende que estivo aberta en horario de mañá e tarde entre o 5 e o 7 de xullo (durante as Xornadas Muros Mira ao Mar) e que despois a apertura se limitou ao horario de mañá "como o resto de exposicións que había nese centro cultural". 

"Agardamos que esta exposición poida verse noutros lugares e, desta maneira, non esquecer e continuar poñendo en valor o que foi o gran acontecemento-movemento cidadán da historia contemporánea de Galiza", conclúe 'Unha Gran Burla Negra' .

A carta de Xosé Cuíña © Unha Gran Burla Negra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.