'Unión Libre' publica as cartas enviadas durante 30 anos por Luz Pozo Garza, "sempre rebordantes de luz"

Encabezamento dunha das cartas de Luz Pozo Garza recollidas no 'Epistolario' © Unión Libre

Durante máis de 30 anos Luz Pozo Garza mantivo unha continuada relación epistolar con Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, envíos motivados polas colaboracións da poeta na revista Unión Libre, coordinada pola autora e autor lucenses, ou ben polas achegas destes nas publicacións (Nordes, Clave Orión...) coordinadas pola poeta nacida na Mariña. E cartas, así mesmo, que amosan a fonda amizade que os uniu durante décadas.

Luz Pozo Garza, voz esencial da poesía galega do século XX, finou o pasado 20 de abril. Agora o número 25 de Unión Libre. Cadernos de vida e culturas publica un monográfico composto pola correspondencia cruzada entre a poeta e Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer. Co título de “Arte epistolar”, a publicación pode descargarse de balde neste enlace.

Remite dunha das cartas enviadas por Luz Pozo Garza © Unión Libre

Os envíos comezan nos anos oitenta, cando a poeta moraba en Vigo, e rematan pouco antes do seu falecemento, xa instalada na Coruña, pero hai tamén misivas escritas en Dublín ou en Toulouse

Os envíos comezan nos anos oitenta, cando a poeta moraba en Vigo, e rematan pouco antes do seu falecemento, xa instalada na Coruña, pero hai tamén misivas escritas en Dublín ou en Toulouse. A maior parte das cartas (ou postais) van máis aló dun simple texto con función informativa e compoñen un fermoso "conxunto artístico e poético cheo de sorpresas, que tan ben define a personalidade de Luz Pozo Garza", destácase dende Unión Libre.

"Dende que nos anos oitenta coñecemos persoalmente a Luz Pozo Garza, a quen liamos xa na nosa adolescencia, estableceuse unha leal amizade entre nós, fundamentada na sinceridade, na autenticidade, na liberdade e na vitalidade que os tres apreciamos ante todo tanto na vida como na poesía", escriben Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer na presentación do Epistolario.

As cartas enviadas por Luz Pozo dende 1989 incluían decote "poemas e con debuxos inéditos da súa autoría"

Blanco e Rodríguez Fer destacan que as "interesantes e preciosas cartas" enviadas por Luz Pozo dende 1989 incluían decote "poemas e con debuxos inéditos da súa autoría, constituíndo unha auténtica obra de arte epistolar que aquí damos a coñecer por primeira vez". Aínda que estes textos inéditos non forman parte desta publicación, "a edición si inclúe os poemas que lles dedicou á parella ou á súa filla Mariña", pero coa precaución de "non adiantar demasiado material da súa obra poética dispersa que terá que compilarse algún día".

Postal enviada por Luz Pozo Garza © Unión Libre

Ás cartas remitidas de xeito tradicional, engádense as súas "mensaxes virtuais", maioritariamente correos electrónicos, enviadas dende o 2008 ata o seu pasamento 

Ás cartas enviadas de xeito tradicional, engádense as súas "mensaxes virtuais", maioritariamente correos electrónicos, "porque Luz Pozo Garza, sempre renovada, non foi allea a Internet nin á comunicación telemática á que chegou xa octoxenaria e que seguiu cultivando ata os 96 anos". "De feito, iniciou a súa correspondencia electrónica con nós o 25 de marzo de 2008, cando nos enviou uns poemas para publicar na revista Xistral de Lugo, e mantívoa sempre con amor, con clamor ou con humor, dende A Coruña, e, nun caso, tamén dende Dublín, por máis de vinte anos ata o final da súa vida", sinalan.

“Nada mellor poderiamos ofrecerlle en homenaxe que recuperar, no número correspondente ao ano do seu falecemento, as súas xenerosas e agarimosas palabras e os seus vitalistas e coloridos trazos, sempre rebordantes de luz"

Entre os materiais incluídos neste número especial de Unión Libre destacan as respostas de Luz Pozo Garza ao “Cuestionario Proust” para a revista Evohé, enviadas nun correo electrónico en xuño do ano 2010, e nas que salientaba a "lealdade" como a calidade humana que máis aprezaba nun home ou nunha muller ou "falar demasiado" como o seu principal defecto.

Cristina Fiaño encargouse dunha coidada dixitalización e maquetación dos materiais, dando lugar a unha obra de grande interese e esteticamente fermosa. “Nada mellor poderiamos ofrecerlle en homenaxe que recuperar, no número correspondente ao ano do seu falecemento, as súas xenerosas e agarimosas palabras e os seus vitalistas e coloridos trazos, sempre rebordantes de luz, un conxunto profundo como o seu inesgotable pozo poético e elevado como o leve voo da artística graza e garza da súa arte epistolar", conclúen Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer.

Luz Pozo Garza e Carmen Blanco presentando A ave do norte © Unión Libre
Claudio Rodríguez Fer e Luz Pozo Garza no Campus Universitario de Lugo © Unión Libre

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.